Luvas tradutoras da linguaxe de signos

SignAloudUn dos problemas das persoas xordomudas é que a maioría da poboación descoñece a linguaxe de signos, o que dificulta moito a comunicación fóra do ámbito no que se moven. Unha magnífica solución vén da man duns estudantes da Universidade de Washington: Deseñaron unhas luvas capaces de traducir os movementos das mans en palabras emitidas a través dun altofalante.

A súa invención, SignAloud, consiste nun par de luvas equipadas con sensores e unha controladora que se encargan de rexistrar datos de posición e movemento das mans. Estes datos son enviados vía Bluetooth a un ordenador central, que busca a relación entre eses datos e un xesto concreto. No caso de atopar coincidencia, emite a través dun altofalante a palabra ou frase asociada.

Aquí tendes un vídeo onde se ve como funciona:
[youtube: SignAloud: Gloves that translate sign language to voice]

Non é a primeira vez que se desenvolven unhas luvas coa mesma finalidade. Hai tempo que se está investigando en diferentes prototipos, non exentos de problemas coma o peso, escasa ergonomía, problemas na asociación dos xestos cos rexistros de datos, adaptación aos diferentes idiomas, etc. A misión é facer un dispositivo lixeiro e ergonómico que se poida utilizar de forma cotiá, como poden ser os lentes de contacto ou os audiófonos, facilitando a vida das persoas e eliminando barreiras de comunicación.

Unha estupenda idea! Agardaremos velo dentro de pouco como algo habitual entre as persoas xordomudas.

E se queredes saber como se traduce unha palabra ou frase en castelán á linguaxe de signos, tamén temos ferramentas en liña que nos facilitan a tarefa, coma por exemplo Signslator. Non está de máis aprender algunhas palabras.


Deixa un comentario