Cando á hora de facer un proxecto nos centramos na programación e no circuíto electrónico, por falta de tempo soemos deixar de lado os bos acabados na construción dos prototipos, pois o importante é deixar as cousas funcionando e non que sexan máis bonitas ou feas. Madeiras cortadas de calquera xeito, cables por fóra, liñas tortas, … pero é que hai un prazo que cumprir e o tempo non dá para máis.
Un exemplo témolo no típico proxecto do cruce con semáforos. Aquí tendes unha foto dun semáforo “artesanal”. Funciona ben, e para presentalo na clase é máis que suficiente.
Pero se queremos facer algo máis xeitoso unha impresora 3D pode ser de moita axuda para estas tarefas. Aforra traballo, evitamos que os cables queden por fóra e se desconecten e mola máis :-)
Se tendes unha conta en Onshape podedes copiar este deseño para modificalo e adaptalo a outros proxectos, ou tamén para descargar os ficheiros en formato STL, tamén dispoñibles en thingiverse. Consta de 6 pezas, e está preparado para que non haxa que pegar nada, xa que as pezas encaixan unhas con outras facendo presión.
Agardo que vos sexa útil.