Se algo caracteriza ao profesorado da especialidade de Tecnoloxía é a constante necesidade de actualizarnos, e non hai mellor sitio no que aprender que nas Xornadas de Tecnoloxía de Galicia que anualmente organiza APETEGA. Este ano chegamos á décimo sexta edición das xornadas, e desenvolveranse no IES Xesús Taboada Chivite de Verín os días 21 e 22 de abril.
Á espera do programa definitivo de obradoiros, imos contar con formación práctica de deseño e impresión 3D, Linux, Arduíno, Raspberry Pi, edición de vídeo ou música electrónica entre outros. Podedes ver o programa provisional coa estrutura das xornadas nesta ligazón.
O período de inscrición vai desde o 3 ata o 17 de abril e realizarase desde un formulario que se habilitará na web de apetega, onde podedes atopar toda a información relacionada co evento.
Eu contribuirei como relatora nos obradoiros de Arduíno, e noutros como alumna, que aínda teño moito que aprender. Vémonos alí!