tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

A ciencia e a tecnoloxía españolas non necesitan tesoiras

TijerasNO_galego.jpgAnte a redución do orzamento para I+D+i que plantexa o goberno, a iniciativa da Aldea Irreductible estendeuse como a escuma por Internet: Hoxe, 7 de outubro, centos de blogues de todo o estado publican un post baixo o título “La ciencia en España no necesita tijeras” denunciando a pésima situación na que pode quedar investigación científica cunha redución orzamentaria.

Este blogue, como non, únese á iniciativa, pero non sen certos cambios. En primeiro lugar, falarei de I+D+i e incluirei a tecnoloxía, esquecidas na iniciativa inicial, que só fala de ciencia e de I+D.

Coa miña contribución tratarei de explicar que é a ciencia, que é a tecnoloxía e que é iso da I+D+i

Ciencia e tecnoloxía

A Ciencia é o conxunto de coñecementos obtidos mediante a observación e o razoamento, sistematicamente estruturados e dos que se deducen principios e leis xerais.

O campo da ciencia responde ao desexo de coñecer e comprender racionalmente o mundo que nos rodea, o que leva a investigar cientificamente os fenómenos que nel se producen. O resultado da investigación son as publicacións científicas e o incremento estruturado e sistematizado do coñecemento.

ciencia.png

A Tecnoloxía defínese como o conxunto de coñecementos e técnicas que, aplicados de forma lóxica e ordenada, permiten ao ser humano modificar a súa contorna material ou virtual para satisfacer as súas necesidades.

O campo da tecnoloxía responde ao desexo das persoas de transformar o seu entorno, buscando novas formas de resolver problemas e satisfacer as súas necesidades, o que leva a deseñar e desenvolver novos obxectos e sistemas para poñelos a disposición da sociedade.

tecnoloxia.png

Ollo ante un dos tópicos máis estendidos sobre a natureza da tecnoloxía: A tecnoloxía non é ciencia aplicada. Iso sería o mesmo que dicir que a ciencia é tecnoloxía aplicada. Vamos, que como se van estudar as partículas subatómicas sen unha obra de enxeñería coma o LHC?

As motivacións, as actividades e os produtos resultantes da ciencia e da tecnoloxía difiren substancialmente entre si, pero as relacións entre unha e outra son intensas, funcionando coma un binomio inseparable. Non é posible o desenvolvemento tecnolóxico sen o avance nos coñecementos científicos, así como tampouco é posíbel facer ciencia sen o aporte dos equipos e sistemas necesarios para a investigación. Tecnociencia é o nome que se lle dá a actividade conxunta entre ciencia e tecnoloxía nun contexto social.

I+D+i

O termo I+D+i refírese a Investigación, Desenvolvemento e Innovación tecnolóxica.

Enténdese por investigación a indagación orixinal planificada que persiga descubrir novos coñecementos e unha superior comprensión no ámbito científico e tecnolóxico. Corresponde ao campo de actividade da ciencia.

Enténdese por desenvolvemento a fabricación de novos materiais ou produtos ou o deseño de novos procesos ou sistemas de produción, así como a mellora tecnolóxica substancial de materiais, produtos, procesos ou sistemas existentes. Corresponde ao campo de actividade da tecnoloxía.

Enténdese por innovación tecnolóxica ao conxunto de actuacións tecnolóxicas, organizativas e económicas cuxo resultado sexa un avance tecnolóxico na obtención de novos produtos ou procesos de produción.

IDi-3.png

Algunhas das accións estratéxicas actuais da I+D+i en España desenvólvense nos campos da saúde, a biotecnoloxía, a enerxía, as telecomunicacións e sociedade da información, a nanociencia e nanotecnoloxía, ou o desenvolvemento de novos materiais e procesos industriais.

Unha diminución do orzamento en I+D+i non só afecta á actividade científica, senón que abrangue a ciencia, a tecnoloxía, a industria, a economía e, por suposto, a toda a sociedade.

Enténdese que en época de crise haxa recortes orzamentarios, pero se pensamos no futuro, non apostar pola educación, a ciencia e a tecnoloxía pode supoñer unha seria hipoteca para o país.

( Hashtag para seguir esta iniciativa en Twitter: #TijerasNO)

Actualización 24/10/2009:
Mª Luz Congosto realizou unha recompilación de tódolos posts unidos a esta iniciativa. Podes consultala en barriblog.com.


3 Comments

  1. Pingback: La Ciencia en España no necesita tijeras: 1 razón más | SGP Blog

  2. Gran post, alegrome que ti tamén te uniras o chamamento contra estes presupostos tan malos. Saúdos

  3. Grazas Pharpe, e claro que tiña que unirme a esta magnífica iniciativa!

Deixa unha resposta

Required fields are marked *.