tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

A qué vos gustaría dedicarvos?

O primeiro día de clase estivemos falando do que queredes estudar despois de rematar a ESO ou o bacharelato. Estudiade o que vos guste, pero é importante que nunca deixedes de aprender, pois a vida pode dar moitas voltas e podedes acabar traballando en cousas que non van ter nada que ver coa vosa formación inicial, así que non vos vai quedar outra que irvos adaptando sempre.

En Abadía Digital hai un artigo moi interesante sobre a evolución dalgunhas das grandes empresas tecnolóxicas de hoxe en día, e isto serve de exemplo dese cambio do que vos falo.

  • logo_nokia.pngNokia, fundada en 1865, foi orixinalmente unha fábrica de pulpa de madeira. Posteriormente dedicouse á fabricación de pneumáticos para coches e bicicletas, papel, zapatos, ordenadores ou televisores. Hoxe en día é unha importante empresa de telefonía móbil.
  • logo_ibm.pngIBM naceu en 1911, e dedicábase á fabricación de máquinas para cortar carne, sistemas para o control de empregados ou equipos para a xestión de tarxetas perforadas usadas polas primeiras computadoras. Hoxe en día é unha grande empresa de informática.
  • logo_nintendo.pngNintendo fundouse en 1889 e durante máis de medio século esta compañía dedicouse únicamente á produción e distribución dun xogo de cartas. Máis adiante traballaron explotando servizos de taxis, hoteis, cadeas de comida rápida e un canal de televisión. En 1978 lanzaron o seu primeiro videoxogo.
  • logo_sony.pngSony comezou en 1945 coma un pequeno taller de reparación de radios. Logo comezou coa fabricación de compoñentes para electrónica e telecomunicacións, e hoxe en día é unha grande empresa de electrónica.

Que fixeron as persoas que traballaban nesas compañías ante os cambios nas mesmas? Ou se adaptaron aos cambios, ou fóra!

A tecnoloxía evoluciona e as persoas evolucionamos con ela. Dentro duns anos a tecnoloxía de agora converterase en tecnoloxía obsoleta e teredes que traballar utilizando máquinas e sistemas que nunca usastes anteriormente. Teredes que aprender fóra da formación regrada, e ter disposición para saber buscarvos a vida pola vosa conta e non esperar a que volo dean todo feito, así que nunca perdades o interese en seguir aprendendo, pois os traballos do futuro van esixir que esteades ao día.

Podes ler o artigo completo sobre as empresas tecnolóxicas en Abadía Digital.


2 Comments

  1. Que o apliquen tamen os profes que non saben usar o ordenador

  2. Tes toda a razón, skape. O de actualizarse é algo que ten que facer todo o mundo, profesorado incluído.

Deixa unha resposta

Required fields are marked *.