A tecnoloxía: Unha actividade menor?

Hoxe voume desafogar un pouco.

Aínda só é un borrador, pero proximamente vaise publicar o “Decreto polo que se establece o currículo da Educación Secundaria Obrigatoria e do Bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia”, decreto que, xunto coa LOMCE do Ministerio de Educación, constitúe unha absoluta aberración no tratamento da Educación Tecnolóxica.

En 4º de ESO, se non mudan as cousas, o alumnado da vía de ensinanzas académicas dirixida cara o Bacharelato non vai poder cursar a materia de Tecnoloxía. Por que se impide que un alumno ou alumna interesados nas enxeñarías ou nos estudos técnicos superiores de FP poda estudar contidos coma os de electrónica analóxica e dixital, pneumática, programación, robótica ou sistemas de comunicación que aparecen no currículo de Tecnoloxía de 4º de ESO? Tecnicamente a LOMCE non impide isto, e é a propia Consellería de Educación a que establece esta limitación impedindo que o alumnado curse materias que non sexan da súa propia opción (Artigo 14-4-9º).

No Bacharelato a LOMCE fai desaparecer a “Modalidade de Ciencias e Tecnoloxía” e cámbiaa por “modalidade de Ciencias”, a secas, deixando as materias tecnolóxicas nun segundo plano, que deixan de ser materias de modalidade para converterse en meras optativas. A Consellería de Educación agrava a situación reducindo a carga horaria asignada a Tecnoloxía Industrial, que pasa de 4 a 3 horas lectivas semanais, e a de TIC, que pasa de 4 a 2 horas.

Só se pode entender esta situación desde unha concepción escolástica da educación, entendida coma un exercicio teórico, memorístico, academicista e afastado de referencias empíricas e prácticas, e na que a tecnoloxía é entendida coma unha actividade menor polas elites culturais. Para quen nos goberna, a tecnoloxía non forma parte da cultura. O que se está a ofrecer nos currículos LOMCE é unha educación que consiste na transmisión de saberes cristalizados que se ensinan de forma dogmática e abstracta, e na que o alumnado ten o papel de almacenar no seu cerebro datos e máis datos de forma memorística para despois vomitalos nunha reválida consistente nun exame de tropecentasmil preguntas tipo test. A resolución de problemas teóricos e prácticos, o traballo en equipo, o deseño, construción e avaliación de prototipos que cumpran unha función determinada, con múltiples solucións posibles e nos que se deben resolver problemas prácticos que non están predefinidos e que non se poden avaliar nunha reválida non caben nun sistema baseado nesta concepción da educación.

arduino_montaxeResulta inconcibible este tratamento no século XXI, no que a tecnoloxía evoluciona a un ritmo vertixinoso, transformando continuamente a nosa maneira de vivir, traballar, relacionarnos ou comunicarnos. A tecnoloxía forma parte da nosa cultura, e cómpre entendela, traballar con ela e ser capaz, non só de usala de forma pasiva, senón tamén de forma activa, resolvendo problemas técnicos e creando dispositivos e sistemas que resolvan problemas e necesidades, especialmente para quen desexa dirixir a súa formación postobrigatoria cara ós estudos superiores técnicos, precisamente os máis demandados no mercado laboral aínda nunha situación de crise como a que estamos a vivir.

Iso si, despois son quen de vendernos nos medios de comunicación o modernos e interesados que están na tecnoloxía introducindo unha materia de programación como optativa dunha hora semanal en 1º de ESO, cando realmente o que fan é estragar completamente a educación tecnolóxica impedindo que o alumnado interesado nela poda cursala.

Aínda sería posible mudar o decreto de Galicia, e agardo tamén que se derrogue o antes posible a LOMCE e se deseñe unha Sistema Educativo estable e consensuado, pero tamén moderno, equilibrado e afastado de prexuízos e concepcións erróneas e nesgadas das distintas disciplinas.

Por desgraza, a aprobación da LOMCE cos seus incongruentes currículos cheos de erros e a aplicación desta lei a fume de carozo sen dar tempo aos centros e ao profesorado a planificar o vindeiro curso son unha absoluta irresponsabilidade. Mentres, a pesar dos sucesivos cambios de leis, dos incongruentes currículos aprobados e no marxe que teñamos, moitos profesores e profesoras de tecnoloxía seguiremos traballando como cremos que debemos facelo, por responsabilidade.


Deixa un comentario