A volta ao mundo dun forro polar vermello. Pequena historia da gran globalización.

Libro: A volta ao mundo dun forro polar vermello. Wolfgang Korn. Ed. Siruela. En castelán.

De onde sae a roupa que levas posta? a onde irá a parar cando canses dela?. A estas preguntas resposta o xornalista alemán Wolfgang Korn co seu libro A volta ao mundo dun forro polar vermello, ofrecéndonos un percorrido ao redor do mundo, dende a extracción da materia prima nun país produtor de petróleo ata o uso de segunda man da roupa en África, pasando polas fábricas de produción de roupa en Asia e o consumo en Europa.  É, polo tanto, unha ollada simplificada ao complexo concepto de globalización, a como se estrutura a produción, distribución e consumo a nivel mundial e aos fíos invisibles que conectan as economías de países moi afastados entre si e no que xoga un papel determinante o consumo dos países desenvolvidos.

Está escrito coma documental ficticio, incluíndo no medio dos capítulos referencias xornalísticas relacionadas cos temas tratados. Cada capítulo está centrado nun tema concreto, o cal permite unha segunda lectura autónoma do mesmo. A lectura do libro é moi interesante e dinámica, e de seguro faráselle curta á maioría dos lectores e lectoras.

Este libro merece estar presente en calquera biblioteca escolar do mundo nun sitio de honra. Rara vez atopamos un libro escrito ex profeso para mozos e mozas que sexa de igual ou maior interese para xente adulta. Está recomendado a partir dos 12 anos, pero seguramente o aproveitamento será óptimo en 3º ou 4º da ESO, e sobre todo é unha lectura recomendable para calquera que vaia a mercar roupa de abrigo nos vindeiros días e ignore o verdadeiro custo de atopar un forro polar a menos de 10 €.

 

Posible uso do libro na área de Tecnoloxía:

Pode ser un libro interesante para introducir, por exemplo, o tema de fabricación e comercialización de produtos de Tecnoloxía Industrial I. Dada a súa estrutura narrativa tamén é posible ler un único capítulo para comentalo ou traballalo. Por exemplo o capítulo 2 pode utilizarse para traballar os contidos de plásticos.

Pero, por riba de todo, o mellor xeito de traballar con este libro sería a través dun traballo interdisciplinario entre as áreas de Tecnoloxía, Química, Ciencias Sociais, Economía, Ética ou Lingua Castelá, pois así estaríamos a facer a máis profunda lectura desta magnífica obra. Nun mundo complexo e interconectado, a división do coñecemento en áreas decimonónicas está a ser un obstáculo para a análise e comprensión da realidade, propia e allea.

Un material relacionado e complementario é o documental “Mercar, Tirar, Mercar“, máis coñecido polo concepto que ilustra, a obsolescencia programada.


3 comentarios en “A volta ao mundo dun forro polar vermello. Pequena historia da gran globalización.”

Deixa una resposta a Chis Cancelar a resposta