tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Aprendendo algo de linguaxe audiovisual

Cada vez somos máis os profesores e profesoras de calquera materia que gravamos e editamos vídeos ou pedímoslle ao alumnado que os faga. Porén, a maioría carecemos da formación audiovisual necesaria para realizar os nosos traballos cun mínimo de calidade.

Guión, storyboard, planos, secuencias, … Recomendades algún material de consulta que nos axude a poñernos ao día para traballar o vídeo cun pouquiño de xeito?

Eu desde logo que non me sinto capaz de abordar este tema con profundidade, e recoñezo as miñas carencias formativas neste campo, pero hoxe vou dedicar esta entrada a uns planos básicos utilizados no cine. Son unhas boísimas composicións feitas por kogonada para vimeo que atopei onte por casualidade e que creo que serven de exemplo para introducir tres tipos de planos que se poden utilizar nunha gravación.

Punto de fuga central nas películas de Kubrick:

O punto de fuga central non só dá sensación de perspectiva á imaxe, senón que tamén contribúe a que a mirada do espectador quede atrapada na fotografía, aumentando o protagonismo da imaxe.

[Kubrick // One-Point Perspective from kogonada on Vimeo.]

Contrapicados de Tarantino:

Nun plano contrapicado a cámara sitúase por debaixo do obxecto e oriéntase cara arriba. Serve para magnificar un obxecto ou persoa, por iso é tan utilizado polos políticos, ou polo mesmo Darth Vader.

[Tarantino // From Below from kogonada on Vimeo.]

Picados de Wes Anderson:

Nos planos picados a cámara grava dende arriba e oriéntase cara ó chan. O efecto que produce é o contrario có do contrapicado, pois utilízase para resaltar a fraxilidade ou inocencia do obxecto enfocado.

[Wes Anderson // From Above from kogonada on Vimeo.]

Gustaríame que alguén comparta algún material para saber máis destas cousas, e que nos axude a mellorar os nosos vídeos caseiros. Algunha recomendación?


5 Comments

  1. hai anos fixera este agregador de rss, http://www.netvibes.com/olaprofe#TALLERES%2C_ESCOLAS%2C_EXPERIENCIAS
    leva moito tempo sen ser revisado o que o fai un tanto inútil, pero aínda é posible dar con boas pistas aí

    quen queira ter unha panorámica rápida do que se fai nas escolas galegas pode velo aquí; como o anterior está sen revisar

    http://www.netvibes.com/encontro-do-audiovisual-escolar-galego

    sobre linguaxe cinematográfica, feita con móbiles, pequenas cámaras, etc: unha experiencia moi notable é a de Manolo González e os seus alumnos de 1º Bach o ano pasado http://www.youtube.com/user/artistasde1a

  2. é imprescindible a canle http://vimeo.com/videoschool

    para preprodución: escrita de guión, storyboard, desglose de produción (o que se necesita para canda plano, escena, etc), xestión… é MOI xeitoso este programa https://www.celtx.com/index.html os rapaces traballan moi ben con el

    (claro que o programa non escribe guións, para iso hai que ler e aprender a mirar, primeiro a vida, despois o cine; libros hai a centos)

    a mellor escola de cine que coñezo, fóra do propio cine etc é o blog http://www.laescueladelosdomingos.com/ que escribe o guionista Daniel Domínguez, miles e miles de páxinas sobre o mellor cine

  3. Moitas grazas polas ligazóns. Botareilles unha ollada.

    Máis que facernos persoas expertas en cine, fainos falta ao profesorado coñecer unhas pautas básicas para mellorar os nosos vídeos escolares. Eu recoñezo que cando traballo o vídeo na aula céntrome unicamente na edición (cortar, montar, títulos, efectos, …) pero non abordo cousas básicas como os encadres, planos, movementos, etc. Tampouco dá tempo a profundar gran cousa, pero si penso que coñecendo algúns detalles básicos os vídeos poden mellorar moito.

  4. Atopei en agrega un recurso sinxelo sobre a linguaxe audiovisual: http://bit.ly/OCN1lm

Deixa unha resposta

Required fields are marked *.