Hackers sen fronteiras Baiona

Cun pouco de atraso respecto ao previsto inicialmente, por fin lanzamos a web do proxecto Hackers sen Fronteiras Baiona co que pretendemos darlle unha segunda vida aos vellos equipos informáticos do centro. Esta proposta foi a gañadora da convocatoria “Hackers Sen Fronteiras. Tecnoloxías para o ben común e os Dereitos Humanos no ensino secundario de Galicia, fase 1“.

Na actualidade aínda estamos arranxando e actualizando os equipos e acabamos de abrir os formularios de solicitude para asociacións sen ánimo de lucro para que entre este final de curso e o principio do curso que vén lle deamos saída a todos os ordenadores reciclados.

Aquí está toda a información: https://tecnoloxia.org/hackersbaiona/


O IES Primeiro de Marzo nas I Olimpíadas de Teleco

Parabéns ao magnífico grupo de Tecnoloxía de 4ºESO deste curso 2022-2023, que acadou nas I Olimpíadas de Teleco o 1º Premio “mellor proposta técnica” na fase galega, e o premio ao proxecto “mellor aliñado cos obxectivos de desenvolvementos sostible” na fase final. Gran traballo!

A proposta de participación, segundo as bases da convocatoria, foi idear e desenvolver un prototipo baseado en calquera plataforma programable co IDE de Arduino que dese solución a algunhas das metas establecidas no ODS 11: cidades e comunidades sostibles, integrando algún sistema de telecomunicación.

A través dunha chuvia de ideas feita entre toda a clase, na que case saíu facer unha cidade sostible completa :-), eliximos limitar o proxecto ao tempo e recursos que tiñamos para desenvolvelo. A idea dos contedores accesibles pretendía facer máis doada a reciclaxe, unificando os obxectivos 11.7 relacionado coa accesibilidade para todas as persoas e o 11.6 relacionado coa redución do impacto ambiental.

Trátase dun prototipo funcional que desenvolve a idea e adaptado ao nivel de coñecementos de 4ºESO. Somos conscientes de que para implementalo na práctica habería que utilizar un sistema de comunicación de longo alcance, cun centro de control que reciba a información de todos os contedores da cidade e a súa localización, utilizar outro material e sensores resistentes á intemperie, mellorar o deseño do panel, etc.

Con independencia dos estudos que elixan nun futuro, agardo que o alumnado aprendese e sexa quen e valorar o traballo que se fai nas enxeñarías a través do desenvolvemento de sistemas e produtos que resolven problemas ou satisfán necesidades. Sen tecnoloxía non teriamos nada do mundo artificial que nos rodea, mundo deseñado e construído por persoas ao servizo da sociedade.

Grazas á organización por esta convocatoria e, máis unha vez, parabéns ao alumnado de tecnoloxía de 4ºESO polo seu traballo e implicación.

Nesta web tedes a información sobre os equipos gañadores


Campións e campioas x 2

Parabéns ao alumnado do IES Primeiro de Marzo de Baiona, que conseguiu na 6ª competición de robots da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo o 1º premio na categoría de bacharelato e o 1ºpremio na categoría de 3º-4ºESO. Parabéns tamén ao outro grupo de 4º que chegou á final pero non acadou premio, e tamén a todo o alumnado que se esforzou en conseguilo, aínda que sen éxito.


Clasificador de M&Ms por cor

Este curso non deu tempo a levalo á práctica na clase, pero xa temos preparada a máquina clasificadora de M&Ms para traballar con ela o curso que vén na materia de Tecnoloxía e Enxeñaría I, entre outras propostas de proxectos. Este prototipo o que fai é clasificar os caramelos en función da cor e depositalos en cadansúa caixa, mostrar nunha pantalla o reconto e tamén calibrar o sensor.

Pero claro, se nos quedamos con isto na clase só se traballaría a programación, e tamén hai que traballar o deseño, a mecánica e a conexión da electrónica, buscando o necesario para obter unha máquina que cumpra coas nosas necesidades. Iso é a enxeñaría! Podemos engadir cousas pequenas, como uns LEDs RGB que indique que cor atopa, ou algo máis complexo, como acoplar un selector de moedas, un teclado e convertela nunha máquina expendedora que nos dea os caramelos que queiramos e da cor que queiramos, e a poder ser tamén o cambio. Ou poderiamos pensar como devolver os caramelos depositados ao tubo para que siga clasificando ata o infinito, … hai múltiples posibilidades. A ver que é o que se nos ocorre e que somos capaces de facer con isto o curso que vén. O reto queda proposto.

A documentación e a guía inicial de montaxe e programación está na páxina “Clasificador M&M’s por cor” da sección de arduino.


Un quebracabezas ao día

Teño pendente ampliar a sección de impresión 3D para que englobe todo o relacionado con deseño e fabricación, pois o deseño en 2D e o corte manual o con láser tamén son moi interesantes para determinados proxectos, aparte de ser moito máis rápido de fabricar. Cada tipo de fabricación ten a súa utilidade.

Mentres non subo o material, vou publicando aquí a adaptación en galego que fixemos para o quebracabezas “A-Puzzle-A-Day” e que podedes reproducir se contades cunha cortadora láser. Trátase dun quebracabezas que consiste en poñer a data cada día do ano.

Podes descargar aquí os ficheiros en formato svg: a-puzzle-a-day.zip

Tamén hai en internet os modelos para imprimir, como aquí ou aquí.

E se te cansas de romperte a cabeza e non deches coa solución, podes facer aquí unha consulta en a-puzzle-a-day-solver, pero só como último recurso ;-)