VI Premio Galicia Innovación Júnior

Galicia Innovación JuniorXa está publicada a VI convocatoria do premio Galicia innovación Junior

Mozos e mozas de 12 a 18 anos poden presentar un traballo no que se explique a idea dun novo produto, servizo ou maneira distinta e innovadora de producir algo xa existente. O xurado valorará a orixinalidade da proposta, a súa utilidade, a posibilidade de aplicación práctica e o grao de desenvolvemento do proxecto presentado. Cada participante poderá presentar un máximo de dúas propostas.

A data límite de presentación das solicitudes remata o día 31 de xaneiro de 2008.

Animádevos a participar coas vosas orixinais ideas. Podedes gañar un ordenador portátil e unha cámara de vídeo dixital.

Tes toda a información en www.galiciainnovacion.com


sofá-mesa-cama tetris

No deseño dun obxecto, para que teña éxito, hai que intentar que sexa útil, sinxelo e versátil. Bótalle unha ollada a este sofá-mesa-cama tetris, ideado para apartamentos minúsculos. (de sdesignunit)
tetris

Claro que, neste caso, faltaría que fose cómodo (non ten pinta) e económico. Orixinal si que é.

Outro deseño para espazos pequenos é este conxunto de mesa e cadeiras que se pode apilar en forma de menhir: (de “no me puedo creer“)
menhir


Cuestionarios de navegación

cuestionarioEn cada sección do panel lateral, accedendo á guía didáctica, podedes descargar en odt e pdf uns cuestionarios de navegación. A súa función é guiar ao alumnado na navegación de xeito que ten que ir contestando a diversas preguntas relacionadas cos contidos que aparecen en cada páxina a medida que as vai visitando.

Poden resultar uns cuestionarios excesivamente dirixidos. Eu prefiro facelo así nos niveis inferiores e, a medida que o alumnado vai adquirindo máis competencias na procura de información por Internet, utilizar outro tipo de actividades máis abertas, como as webquests. Por experiencia, cando indicamos ao alumnado que accedan a unha web só “a mirar o que hai”, e sen propoñerlles unha tarefa ou actividade concreta, vemos que se dedican a facer click-click-click-click-click-click-click coma tolos e en pouco tempo están perdidos ou “xa o viron todo”.

Podedes modificar os cuestionarios para adaptalos ás vosas clases. Agradézovos que me enviedes os vosos cuestionarios se é que difiren substancialmente dos que eu propoño, e tamén que me comentedes calquera cousa que os faga máis útiles e eficaces para a aprendizaxe dos contidos aquí expostos.


Mergullámonos na robótica!

imaxe de complubotHoxe a directora do meu centro deume unha boa nova: Chamaron do MEC para comunicarnos que nos conceden unha axuda para o proxecto “Didáctica da robótica para a diversidade educativa mediante a introdución do método Lego Mindstorms” dentro do programa de axudas para o establecemento de agrupacións de centros educativos para a realización e posta en práctica de proxectos comúns (BOE do 06-06-2007)

Traballaremos conxuntamente os departamentos de Tecnoloxía de catro centros de secundaria: un de Girona, un de Madrid, un de Bizkaia e o noso, o IES Primeiro de Marzo, de Baiona (Pontevedra)

En concreto, no noso IES, traballará neste proxecto o alumnado dos grupos de Diversificación Curricular de 3º e 4º de ESO, que participará en diversas competicións de robótica ao longo dos dous anos que dura o proxecto:

  • F.I.R.S.T. Lego League
  • Robocampeones
  • European Robocup

Agora quentamos motores, e comezaremos a prepararnos a partir da segunda avaliación.


Prohibir tecnoloxía?

teléfono móbilO últimos acontecementos relacionados coa gravación de agresións en teléfonos móbiles e posterior difusión por parte de menores de idade abriron un debate tanto nos centros de ensino como nos medios de comunicación. “Hai que prohibir os teléfonos móbiles nas escolas!” Propugnan moitas persoas. De feito en moitos centros a dirección xa se apresurou a dicir “está prohibido o uso de móbiles neste centro”, por non dicir que certas comunidades autónomas teñen imposta esta norma dende as consellerías de educación.

Eu pregúntome: Que culpa terán eses trebellos?
A tecnoloxía por si mesma non é boa nin mala. O que pode ser bo, malo, moral, inaxeitado, un acto delictivo ou non, etc. é o uso que se faga desa tecnoloxía, pero non a tecnoloxía. Se o problema é que se podan gravar imaxes e vídeos, por que non prohibir as cámaras de fotos e de vídeo que temos nos centros? Se o problema é que se suban imaxes a Internet, por que non prohibimos Internet? Dende logo que iso non tería sentido.

Propoño un pouco máis de reflexión antes de poñer normas á lixeira. En todo caso a norma nun centro podería ser “está prohibida a utilización de móbiles no centro para actividades non educativas” ou algo similar, sempre matizando que tipo de uso non está permitido, pero non prohibir unha ferramenta que pode ser útil para milleiros de actividades educativas.

condensador electrolíticoUn teléfono móbil pode ser unha ferramenta máis no proceso de ensinanza-aprendizaxe. Por que non? Por exemplo, un traballo que propoño tódolos anos é que o alumnado elixa un trebello de uso común (un motor eléctrico, un disco duro, un rato, un bolígrafo, un adaptador dun móbil, etc.) o desmonte para analizar cómo funciona e elabore un traballo no que se explique a súa composición e o seu funcionamento, utilizando un procesador de textos, unha presentación de diapositivas ou unha pequena web, dependendo do nivel. No proceso de análise do obxecto de estudio o alumnado vai sacando fotografías do mesmo, e como non temos cámaras dixitais para todos, utilizan os seu teléfonos móbiles. Estas fotografías trátanse con diversas aplicacións de tratamento de imaxes e incorpóranse aos traballos, que logo pódense publicar en Internet.

Para a elaboración da memoria dun proxecto de tecnoloxía tamén utilizan os móbiles para ir sacando imaxes do proceso de construción. Cando o prototipo está máis ou menos rematado e funcionando tamén utilizan os seu móbiles para filmar un vídeo e incluílo na memoria. Estas imaxes e vídeos constitúen uns recursos gráficos complementarios a outros como o bosquexo inicial, os planos de conxunto, os esquemas electrónicos, ou a explicación do funcionamento. E tamén poden subir a youtube o vídeo do seu prototipo para compartilo e amosarllo a outras persoas.

Tamén poden utilizar a calculadora que soen ter incorporada, utilizar o servizo sms para introducir entradas nun blog, e infinidade de cousas que se vos podan ocorrer. De feito, cada ano que pasa os teléfonos móbiles incorporan máis aplicacións útiles que podemos aproveitar para ensinar calquera materia do currículo.

Sexamos máis críticos coas informacións que nos transmiten os medios de comunicación. Sorpréndeme un titular nun xornal no que se lía “as imaxes da agresión ao menor de Boiro publicáronse en Internet”. Por que a nova non indica que as imaxes da agresión ao menor de Boiro difundíronse en tódalas cadeas de televisión? Parece que o problema está no medio de difusión, na tecnoloxía utilizada para difundir as imaxes, pero non na propia agresión, feitos que non debemos permitir e ante os que hai que actuar e, sobre todo, educar.