Sorteo de produtos Lego

lego-nxt.jpgNo blogue “Lego Mindstorms NXT en español” infórmannos sobre unha rifa de produtos Lego.

Para participar tes que enviar un correo electrónico a thenxtstep2009@gmail.com co asunto “LEGO MINDSTORMS Raffle Entry” no que contes a túa experiencia e opinión sobre o material Lego Mindstorms. Pódeche tocar un set de Lego NXT 2.0 como premio.

A mensaxe ten que estar en inglés, e debe ter entre 50 e 100 palabras. Tes ata o 10 de agosto para enviala.

Tes máis información en thenxtstep.blogspot.com.


A mostra de proxectos nos medios de comunicación

Algúns medios de comunicación fixéronse eco da V Mostra de Proxectos “Tecnoloxía na rúa” organizada por APETEGA.

No Telexornal Serán da TVG. 12/06/2009 – 21:05.
Pequenos “enxeñeiros” mostraron os seus inventos en Santiago.

Na Voz de Galicia:
Docentes de Tecnoloxía piden máis medios para poder impartir a materia no bacharelato. A exposición de traballos da praza do Toural superou as previsións e impactou

lavoz_mostra.jpgEn realidade o que se pide é que deixen impartir as materias de Tecnoloxía Industrial e Electrotecnia en Bacharelato, pois en moitos centros a inspección non as permiten ofertar, sendo materias de modalidade.

Non hai ningunha restrición á oferta de ningunha materia do Bacharelato excepto para as materias de tecnoloxía, e non poden xustificar non deixar ofertalas polos recursos que se necesitan, pois tampouco hai unha dotación axeitada para impartir a Tecnoloxía da ESO e sen embargo estase a impartir perfectamente, xa que o profesorado xa nos sabemos buscar a vida para conseguir os recursos necesarios, físicos e virtuais. Desgrazadamente é así.

Non se entende esa política antitecnolóxica da Consellería de Educación, e así nos vai neste país. Ao final o maior perxudicado é o alumnado interesado pola tecnoloxía e polos estudios superiores relacionados, ao que non se lle permite aprender.


V Mostra de proxectos. Tecnoloxía na Rúa.

Vmostradeproxectos.pngA Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia, APETEGA, organiza a súa quinta mostra de proxectos “Tecnoloxía na Rúa“, na que se amosarán os prototipos desenvolvidos polo alumnado de tecnoloxía de diversos institutos de Galicia.

Será o vindeiro venres 12 de xuño de 2009 de 17:00 a 19:30 na Praza do Toural, en Santiago de Compostela.

Para o profesorado de tecnoloxía:

Animádevos a asistir e levar os traballos dos vosos alumnos e alumnas. Sen a vosa colaboración a mostra non é posíbel. Tedes que inscribirvos na web de apetega e alí tedes toda a información sobre a organización do evento.

Para o alumnado de Baiona:

Levarei unha selección dos mellores proxectos que estean rematados nesa data. Se queredes asistir debedes convencer aos vosos pais e nais para que vos leven a dar unha volta por Santiago ese día.

Ademais, este xoves día 4 de xuño veñen visitarnos ao insti os nenos e nenas que cursan 6º de primaria, e no departamento de tecnoloxía queremos facer unha exposicón cos vosos traballos. A mostra será no Taller II. Tedes que poñervos as pilas e intentar deixalos funcionando para ese día.

Aquí tes uns vídeos coas mostras de proxectos de edicións anteriores:

Toda a información na web de APETEGA


Olimpíada tecnolóxica

Interesante iniciativa a da Olimpíada Tecnolóxica organizada pola Asociación Educativa TecnoGalicia e que tivo lugar o pasado venres.

olimpiada09.jpgNela o alumnado de varios centros de ensino deben demostrar de forma lúdica os seus coñecementos en tecnoloxía, primeiro nunha fase virtual e logo presencial. Non se trata dunha competición entre centros, senón que se realizan equipos mixtos co alumnado de diferentes localidades.

Unha forma amena e divertida de aprender tecnoloxía e coñecer a compañeiros e compañeiras doutras vilas de Galicia.

Parabéns ao profesorado que está detrás da organización do evento e ánimo para continuar novas edicións.


Conferencia de Richard M. Stallman en Vigo

stallman.jpgRichard M. Stallman, un dos principais referentes no mundo do software libre, estará en Vigo o vindeiro 30 de abril ás 16:00 no Auditorio do Centro Cultural Caixanova para impartir dous relatorios, un sobre o movemento do Software Libre e outro sobre o perigo das patentes.

Este evento organizado polo Máster de Software Libre Caixanova é de entrada libre, aínda que as persoas interesadas en asistir deberán inscribirse a través dun formulario web.

(Vía: Código Cero)

Actualización:
Estará tamén en Ourense o 29 de Abril de 2009, ás 20:30 no Ateneo (Parque de San Lázaro)