Innoh!va, Creah!

innovacrea.jpgAtreveriádesvos a propoñer unha idea orixinal que poida supoñer unha nova inflexión no desenvolvemento das sociedades?
Axudariades a atopar as 5 mellores ideas que supuxeron un cambio radical na historia da humanidade?

A Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) pon en marcha o concurso INNOH!VAI, CREAH! dirixido a estudantes de ESO e Bacharelato co fin de que, organizados en grupos de traballo, propoñan unha idea que para eles e elas sería a máis innovadora do universo e expliquen que cambios introduciría na nosa vida.

Ademais de pensar unha idea orixinal deben valorar as ideas científicas e tecnolóxicas da historia da humanidade, e elaborar un “Top Five” coas cinco máis innovadoras.

O concurso INNOH!VAI, CREAH! enmárcase dentro do Ano Europeo da Creatividade e a Innovación 2009 e nel poderá participar calquera centro de ensino secundario obligatorio e bacharelato do territorio español. O prazo para participar é ata o día 6 de maio.

Tes toda a información en www.idea.fecyt.es


IX Xornadas de Tecnoloxía de Galicia

Xa vos podedes inscribir nas IX Xornadas de Tecnoloxía de Galicia, organizadas por APETEGA (Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia)

xornadas09.jpgEste ano celebraranse no IES Otero Pedrayo de Ourense os días 24 e 25 de Abril de 2009.

Como nas anteriores edicións, a maior parte do programa estará adicado a obradoiros prácticos. De momento aínda non está publicado o listado de obradoiros que se van ofrecer, pero seguramente teremos cousas moi interesantes.
Eu repetirei o obradoiro de robótica con Lego Mindstorms NXT “Robots en acción!” que din o curso pasado, así que se queredes fochicar cos robots de Lego vémonos alí.

O venres pola mañá temos dúas visitas didácticas: ás instalacións da empresa CIE Galfor e ao Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole.

Tamén hai unha interesante conferencia inaugural: “Educar con software libre”, a cargo de Rubén Rodríguez Pérez, director do equipo que desenvolve o sistema operativo Trisquel GNU/Linux.

Tedes a información na web de apetega.


Mars Science Laboratory: Misión robótica en Marte

robot_marte.jpg A exploración robótica de Marte continúa!

En outono do 2011 un novo robot será enviado ao planeta vermello para estudar a habitabilidade do seu ambiente, o seu clima, a súa xeoloxía e prepararse para a exploración humana nun futuro.

Queres participar na misión?

Hoxe é o último día para votar o nome do robot entre unha serie de finalistas.

Se non te enteras a tempo, tamén podes participar enviando o teu nome a Marte, do mesmo xeito que xa fixemos co satélite Glory. Será gravado nun microchip xunto co resto de participantes.

Eu xa enviei o meu: (Grazas, Capitán Nemo, por informar)

certificado_marte2.jpg

Pero o máis interesante é coñecer a tecnoloxía que fai posíbel a exploración marciana.

Na web Mars Science Laboratory podes coñecer como son os sistemas de propulsión e aterraxe, as telecomunicacións, o software, a movilidade autónoma do robot, os materiais preparados para soportar condicións extremas, a instumentación necesaria para a investigación, etc.
Lembra que se non se che dá moi ben o inglés sempre podes botar man dun tradutor, pero non deixes de informarte.


Deseña o teu selo do Día de Internet

Con motivo da celebración, o próximo día 17 de maio, do Día de Internet, Correos, como patrocinador do certame, invítanos a participar no concurso “Deseña o teu selo do Diadeinternet”.
selos.png
Con esta iniciativa, Correos quere fomentar o uso de Internet en toda a sociedade, premiando os mellores deseños que se adapten á estrutura dun selo persoalizado, e que mellor reflictan o mundo desta tecnoloxía da información e comunicación.

O prazo de presentación de traballos establécese desde o 1 de marzo ata o 15 de abril de 2009, ambos inclusive.

Hai interesantes premios, como unha consola de videoxogos ou un ordenador portátil. É unha oportunidade para gañar un premio practicando con InkScape.

Tes toda a información e as bases do concurso en
http://www.correos.es/DIADEINTERNET09

Neste caso a tematica dos selos é Internet, pero podemos atopar de todo. Bota unha ollada á galería de selos con imaxes relacionadas cos materiais:

“Os materiais e os selos”

CargaConvertidor-CHI-Stamp.jpg


Deseño industrial

desenho_industrial2.jpgSegundo a wikipedia, denomínase deseño industrial á actividade humana ligada á creación, desenvolvemento e humanización dos produtos industriais, que busca resolver as relacións formais-funcionais dos obxectos susceptibles de ser producidos industrialmente, mediante unha expresión creativa e progresista que considera a función, estética e os materiais.

Calquera obxecto que teñas no teu entorno, dende o máis simple ata o máis complexo, foi deseñado por un equipo de persoas que tiveron en conta a súa funcionalidade, estética, ergonomía, estudos de mercado, culturais, etc. En moitas ocasións cómpre o traballo conxunto entre distintas especialidades da enxeñería (deseño, electricidade, electrónica, materiais, mecánica, sistemas, industrial, …) para que unha idea se faga realidade e se transforme nun produto no mercado.

desenho_industrial4.jpgEn relación a isto, até o 3 maio está na Fundación Pedro Barrié de la Maza, en Vigo, a exposición “Deseño Holandés. Na rúa como na casa“, unha ampla mostra do deseño holandés máis contemporáneo e innovador.

A interacción das persoas cos obxectos, a procura de solucións eficaces a problemas de tódolos días, a necesidade de atopar materiais que non sexan agresivos para o medio ambiente, a utilización de referencias á natureza no mobiliario particular e a relación entre o entorno doméstico e o urbano son algúns dos alicerces sobre os que se sostén esta exposición.
A min gustoume.

desenho_industrial3.jpg

Ligazóns relacionadas:

Na Fundación Pedro Barrié de la Maza organizan actividades didácticas para escolares.

En soitu.es tes unha galería con algúns dos obxectos expostos que se poden atopar polas rúas holandesas.

Se queres saber máis sobre os estudos de Enxeñería Técnica en Deseño Industrial podes consultar na web da Universidade da Coruña .