Unha roda para o escornabot

[Escornabot Brivoi]

Escornabot é un robotiño deseñado para educación infantil e primeiros cursos de primaria que leva anos percorrendo os coles de todo o mundo. É software e hardware libre, o que implica que calquera pode coller os deseños, a electrónica e o software e modificalos a gusto.

Agora desde twitter lanzan o escornareto “Deseña a túa roda”. Trátase de personalizar a roda do escornabot e compartila antes do 24 de febreiro de 2019. Se participas entrarás no sorteo dun escornabot.

Como podes participar? Explícannolo en thingiverse

Os que xa participastes no deseño de engrenaxes para o reto da oshwdem tédelo fácil, pois o procedemento é similar: partimos da roda xa deseñada totalmente lisa, debuxamos sobre a superficie e facemos os buratos que precisemos para crear unha figura.

Se che resulta máis cómodo que usar o stl, podes descargar aquí o ficheiro RodaEscorna.stp (zip) para traballar a partir del.

Unha vez deseñada debes compartila facendo remix na páxina de thingiverse e subir alí o teu modelo stl, e se queredes podedes facer mención a @escornabot en twitter para avisar.

Xa tedes tarefa para estas vacacións de Nadal. Eu xa fixen algunhas:


III Regata Solar Marine Instruments 2018

O vindeiro sábado 23 de xuño hai unha cita tecnolóxica en Baiona: a III regata solar Marine Instruments.

Trátase dunha competición con dúas categorías, escolar e open, que consiste na fabricación dunha embarcación alimentada unicamente con enerxía solar e na que interveñen diferentes tecnoloxías: deseño naval, electrónica, procesos de fabricación, eficiencia enerxética, telecomunicacións, etc.

A competición desenvolverase de 10 a 14h e haberá dúas probas, unha de resistencia e outra de velocidade.

Máis información en www.regatasolar.org


Factoría de androides

Se andades por Vigo esta fin de semana e vos gustan os obxectos feitos con materiais de refugallo, podedes pasarvos polo Halcón Milenario a ver a exposición “Factoría de androides” de Sátrapa. Inaugúrase mañá venres 11 de maio de 21:30 a 23:30h.

Pode darnos ideas para reciclar cacharrada que xeramos nos talleres, non?

Máis información:

 


XVII Xornadas de Tecnoloxía de Galicia

Os días 13 e 14 de abril o profesorado de Tecnoloxía temos unha cita En Santiago de Compostela: As XVII Xornadas de Tecnoloxía de Galicia, organizadas pola Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia,  APETEGA.

Este ano a cita é moi especial, pois a asociación cumpre o seu 20 aniversario. Dá vertixe pensar que xa pasaron tantos anos desde que empezamos a implantar o ensino da tecnoloxía nas aulas de educación secundaria.

Facendo un repaso de todo este tempo, o máis positivo foi contar cunha asociación a través da que o profesorado fomos quen de compartir coñecemento, resolver dúbidas, aprender, dar a coñecer recursos e experiencias, etc. O peor, sen dúbida, foi e segue sendo a falta de comprensión e valoración da formación tecnolóxica que amosan os dirixentes políticos, que tomaron decisións nefastas en todas e cada unha das reformas educativas que sufriu o noso sistema educativo nestas dúas décadas.

Imos quedarnos co positivo e tomarnos as Xornadas como os días de festa tecnolóxica para o profesorado. Aquí podedes consultar o programa. Este ano non hai moitos obradoiros (mágoa, pois é o máis interesante para aprender), pero seguro que sacamos cousas interesantes.

Se queredes inscribirvos, na web de APETEGA tedes toda a información.


En novembro: OSHWDem e Maker Faire Galicia

Este mes temos en Galicia dúas citas moi interesantes para as persoas afeccionadas á tecnoloxía: o día 11 a OSHWDem na Coruña e os días 24, 25 e 26 a Maker Faire Galicia en Santiago de Compostela.

OSHWDem

A OSHWDem (Open Source Hardware Demonstration) é unha feira de tecnoloxía onde se expoñen inventos cun nexo común: todos eles son proxectos libres, é dicir, que as súas especificacións, esquemas e código foron publicados, de forma que calquera poida estudalos, entender o seu funcionamento, replicalos e mesmo melloralos. Atoparás novas tecnoloxías, robótica, arte, Internet das cousas, electrónica, hardware, software, competicións de robótica, etc.

Eu participarei co mural 100Hex de impresión 3D, e está aberto a que calquera participante contribúa nel co seu propio hexágono, coas únicas limitacións de dimensións (60 mm de lado e 2mm de espesor) e cor (branca).

A edición do 2017 celebrarase o día 11 de novembro no Museo Domus da Coruña.

Maker Faire Galicia

A Maker Faire Galicia celebra este ano a súa terceira edición. É unha feira de inventos, un escaparate para a creatividade e o enxeño pensado para todos os públicos e disciplinas: gastronomía, robótica, mecánica, ciencia, arte urbana, música, electrónica, artesanía, etc.  Celebrarase os días 24, 25 e 26 de novembro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Podes ver o programa aquí.

 

Non volas perdades!