Un quebracabezas ao día

Teño pendente ampliar a sección de impresión 3D para que englobe todo o relacionado con deseño e fabricación, pois o deseño en 2D e o corte manual o con láser tamén son moi interesantes para determinados proxectos, aparte de ser moito máis rápido de fabricar. Cada tipo de fabricación ten a súa utilidade.

Mentres non subo o material, vou publicando aquí a adaptación en galego que fixemos para o quebracabezas “A-Puzzle-A-Day” e que podedes reproducir se contades cunha cortadora láser. Trátase dun quebracabezas que consiste en poñer a data cada día do ano.

Podes descargar aquí os ficheiros en formato svg: a-puzzle-a-day.zip

Tamén hai en internet os modelos para imprimir, como aquí ou aquí.

E se te cansas de romperte a cabeza e non deches coa solución, podes facer aquí unha consulta en a-puzzle-a-day-solver, pero só como último recurso ;-)


Novos recursos: Arduíno, impresión 3D e App Inventor

Na sección de contidos desta web tendes novos recursos elaborados durante unha licenza de formación da Consellería de Educación durante o primeiro trimestre deste curso.

keypad_fritzingArduíno

Ábrese unha nova sección de control e robótica. De momento o material dispoñible nela é sobre Arduíno e inclúe prácticas e proxectos de diversos niveis de dificultade, con propostas de mellora e ampliación.

Está baseado na experiencia destes anos con Arduíno no IES Primeiro de Marzo de Baiona. As primeiras prácticas son utilizadas para aprender a programar, e despois, para os proxectos que se vaian realizar, inclúese información con exemplos e prácticas para consultar e adaptar segundo as necesidades.

Co tempo irei ampliando esta sección con novos proxectos que vaiamos facendo na aula e sobre outro material de robótica.

Impresión 3D

varrido-solido-e1480525894948A sección de Impresión 3D foi realizada por Alicia Pérez, do IES María Soliño (Cangas).

Inclúe información sobre como configurar a impresora 3D mediante o programa Cura e diversas prácticas de deseño CAD 3D co programa Onshape, CAD online moi recomendable para traballar na educación secundaria.

App Inventor

paris-205x300Unha aplicación moi interesante para aprender a programar na materia de TIC é App Inventor. Pódense facer miles de cousas conectando bloques para sacar proveito dos dispositivos Android.

Nesta sección realizada tamén por Alicia podes ver exemplos variados e propostas de ampliación.

 

Agardamos que vos resulten de utilidade!

 

 


Transformar un círculo nun cadrado e viceversa

Hai unha semana chegoume este vídeo viral no que se ve como unhas figuras cadradas se transforman en figuras circulares ao poñelas diante dun espello, e viceversa. Unha interesante ilusión óptica de Kokichi Sugihara.

 
Ben, pois se queredes saber o truco, hai aquí un vídeo no que nolo explican. Realmente as figuras non teñen perfil circular nin cadrado, senón que os lados teñen curvas a diferentes alturas. É o noso cerebro o que fai unha interpretación errónea.

Se tendes unha impresora 3D podedes descargar os modelos, imprimilos e probalo na casa. Atopei dous modelos en thingiverse: Ambiguous Cylinder Generator e Ambiguous Cylinder Illusion.

Ambiguouscylinder2 AmbiguousCylinderIllusion3 AmbiguousCylinderIllusion1

 


CAD 3D online

OnshapeManA tendencia das aplicacións de todo tipo é que se executen desde un navegador e gardemos e compartamos os ficheiros na nube, permitindo que poidamos traballar desde calquera lugar, con calquera dispositivo e con calquera sistema operativo. Isto non vai ser menos para o deseño CAD.

Estas últimas semanas ando a fedellar cunha aplicación moi interesante e con moitas posibilidades: Onshape. Para usala basta con dispoñer dun ordenador, una conexión a internet e un navegador. As posibilidades son moi amplas: deseños CAD 2D sinxelos, deseño de pezas 3D exportables en STL para imprimir nunha impresora 3D e animacións de sistemas mecánicos.

Aquí tedes un exemplo de traballo con Onshape:

[youtube: Part Studios in Onshape]

Outra aplicación interesante que descubrín hai pouco é tinkercad. É máis sinxela e menos profesional que Onshape, pero para a ESO ten moitas posibilidades. Botádelle unha ollada.

Claro que nos centros de ensino deberían actualizar os equipos (a última dotación que temos son os DELL do 2006) e mellorar as conexións a internet. Non soluciona nada a última dotación de encerados interactivos en todas as aulas cando temos serias limitacións nos equipos para o alumnado e na conexión a internet. A prioridade en dotacións non debería ser a instalación de encerados para que o alumnado mire para eles, senón equipos informáticos cos que poida traballar e un ancho de banda decente, non?

Veña, a debuxar!


Calendario dodecaédrico para o 2016

deskcalHabendo calendarios dixitais para consultar desde o móbil ou ordenador xa non é tan necesario ter enriba do escritorio un calendario de papel, pero se vos fai ilusión podedes imprimir e montar un calendario dodecaédrico coma este da imaxe.

Na web 12 sided calendar podedes descargar o modelo para construír un calendario en forma de dodecaedro regular ou rómbico. Permite elixir múltiples idiomas, entre eles o galego.

Descarga aquí o dodecaedro regular en galego (pdf). Para que quede máis consistente é mellor imprimilo nun papel algo groso.

Se preferides outros poliedros para o voso calendario, en cleavebooks.co.uk tedes varios modelos para imprimir.