Un quebracabezas ao día

Teño pendente ampliar a sección de impresión 3D para que englobe todo o relacionado con deseño e fabricación, pois o deseño en 2D e o corte manual o con láser tamén son moi interesantes para determinados proxectos, aparte de ser moito máis rápido de fabricar. Cada tipo de fabricación ten a súa utilidade.

Mentres non subo o material, vou publicando aquí a adaptación en galego que fixemos para o quebracabezas “A-Puzzle-A-Day” e que podedes reproducir se contades cunha cortadora láser. Trátase dun quebracabezas que consiste en poñer a data cada día do ano.

Podes descargar aquí os ficheiros en formato svg: a-puzzle-a-day.zip

Tamén hai en internet os modelos para imprimir, como aquí ou aquí.

E se te cansas de romperte a cabeza e non deches coa solución, podes facer aquí unha consulta en a-puzzle-a-day-solver, pero só como último recurso ;-)


OpenSCAD

OpenScadEngadín unha nova sección no menú de Impresión 3D cunha introdución ao programa de debuxo OpenSCAD, que permite debuxar programando.

O interesante desta aplicación é que podemos xerar modelos paramétricos, recursivos, aleatorios, … e tamén aprender a programar debuxando :-)

Son exercicios moi básicos para coñecer a ferramenta e empezar a debuxar con ela. Para crear modelos máis complexos habería que saber máis cousas, pero penso que a sección cumpre co mínimo. Se máis adiante teño tempo irei ampliándoa con máis contido.

Podedes acceder desde aquí: https://tecnoloxia.org/impresion3d/openscad/

OpenScad   OpenScad  OpenScad   OpenScad  OpenScad OpenScad OpenScad


Unha roda para o escornabot

[Escornabot Brivoi]

Escornabot é un robotiño deseñado para educación infantil e primeiros cursos de primaria que leva anos percorrendo os coles de todo o mundo. É software e hardware libre, o que implica que calquera pode coller os deseños, a electrónica e o software e modificalos a gusto.

Agora desde twitter lanzan o escornareto “Deseña a túa roda”. Trátase de personalizar a roda do escornabot e compartila antes do 24 de febreiro de 2019. Se participas entrarás no sorteo dun escornabot.

Como podes participar? Explícannolo en thingiverse

Os que xa participastes no deseño de engrenaxes para o reto da oshwdem tédelo fácil, pois o procedemento é similar: partimos da roda xa deseñada totalmente lisa, debuxamos sobre a superficie e facemos os buratos que precisemos para crear unha figura.

Se che resulta máis cómodo que usar o stl, podes descargar aquí o ficheiro RodaEscorna.stp (zip) para traballar a partir del.

Unha vez deseñada debes compartila facendo remix na páxina de thingiverse e subir alí o teu modelo stl, e se queredes podedes facer mención a @escornabot en twitter para avisar.

Xa tedes tarefa para estas vacacións de Nadal. Eu xa fixen algunhas:


A imprimir engrenaxes!

Esta edición da OSHWDem 2018, o 10 de novembro, ten un novo reto de impresión. Trátase de imprimir engrenaxes para colocar na parede perforada da sala maker da Domus. Coas achegas da comunidade conseguirase encher a parede? Chegará cun motor para mover todas as rodas dentadas?

Imprimide nas cores que queirades e co deseño interior que queirades, pero respectando as dimensións necesarias para que as engrenaxes encaixen ben.

No repositorio de Bricolabs tendes os parámetros das engrenaxes e modelos en DXF, FreeCad e OpenScad que podes descargar para facer os deseños do interior.

Algunhas levaremos do IES Primeiro de Marzo. A ver o que lle vai saíndo este mes ao alumnado de Fabricación Dixital de 1º de Bacharelato. Velaquí uns modelos:


Impresión 3D sobre tea

Unha das posibilidades da impresión 3D é o deseño téxtil utilizando unha tea como soporte da impresión. Neste vídeo podes ver uns exemplos de escamas de dragón:

[Print on Fabric from María L on Vimeo.]

O procedemento é fácil. Utilízase un modelo 3D teselado, de xeito que as diferentes pezas podan moverse libremente. Imprímense dúas capas sobre a base da impresora, pausamos a impresión, colocamos enriba a tea ben suxeita á base mediante unha pinzas e continuamos imprimindo.

Usei a tea que tiña máis a man, que e é bastante fea, por certo. O importante é que sexa fina e estea tecida con folgura para que peguen as capas de filamento que están a un lado e outro da tea. Se utilizamos unha gasa transparente a creación pódese coser sobre outro tecido sen que se note demasiado.

Aquí deixo esta posibilidade de traballo para quen queira facer proxectos téxtiles.