Os electróns móvense motivados polas electroas!!??

Non podo deixar de alucinar ao ver os libros dixitais de Digital-Text, concretamente o tema de circuítos eléctricos de 1º e 2º de ESO.

Mirade como explican a diferencia de potencial:

Vaia! Así que os electróns se moven a través dun condutor porque están motivados por electroas que se atopan ao final do camiño!

Desgraciadamente é algo habitual atopar nos libros de texto imaxes sexistas e linguaxe sexista, pero había tempo que non atopaba unha imaxe sexista tan lamentable e patética.

Aparte disto, as explicacións tamén deixan moitísimo que desexar. Hai unha falta de rigor alucinante, e incluso resulta insultante, pois trata ao alumnado de 12-13 anos como se fose estúpido.

Pódense explicar estas cousas de xeito sinxelo, adaptando os contidos á idade do alumnado, pero nunca perder o rigor científico. O potencial non é ningunha “motivación”, a intensidade non mide o “número” de electróns por segundo, os enchufes non son “xeradores” de corrente alterna, a potencia non é a “rapidez á hora para realizar un traballo”, e un longo etcétera.

Vamos, que se analizamos a fondo o material non sei se é máis grave a imaxe do electrón saído que corre detrás da electroa cursi cun laciño ou a cantidade de erros conceptuais que transmite este libro dixital. As dúas cousas están ao mesmo nivel.

Outra cousa que me chama a atención é que este contido estea dirixido ao ensino da tecnoloxía. Dígoo porque un dos obxectivos principais do estudo da electricidade en tecnoloxía debe ser, e así o marca o currículo, o deseño de circuítos que cumpran unha función predeterminada, o que constitúe a actividade tecnolóxica, sen embargo é algo que non se traballa nesta unidade, que aborda os contidos só dende o punto de vista … ía dicir científico, pero por suposto que tampouco.

Dito isto, resulta alucinante que Digital-Text sexa unha das empresas que recibiu subvencións para dotar de libros dixitais ao plan Escola 2.0 que está impulsando o goberno. Estamos pagando esta bazofia?

Reafirmo o meu convencemento: Non aos libros de texto, nin analóxicos nin dixitais.

(Atopeino grazas a @jordijubany que ligou ravalnet.org)


Almacenamento de enerxía eléctrica

elec_rato.jpgO curso pasado, cando explicaba en 3º de ESO o proceso dende que se xera enerxía eléctrica ata que chega ás nosas casas, preguntoume un alumno que ónde se almacenaba a enerxía que se xeraba.

Pois non, non se almacena, a grande escala non é posíbel. Esa enerxía que consumes estase a producir nalgunha central nese mesmo intre.

O que se fai coa enerxía eléctrica sobrante nas centrais é invertela noutras cousas coma, por exemplo, elevar de novo auga ao encoro nas centrais hidroeléctricas de bombeo, pero non hai ningún sitio onde se garde.

Explícannolo brevemente neste vídeo de teknopolis:

[Vídeo: almacenamento de electricidade]

Quen se encarga de controlar a cantidade de enerxía eléctrica que cómpre xerar e distribuír é o Centro de Control Eléctrico. Podes probar realizar este traballo co simulador “Controla“.

Aproveito para dicir que en teknopolis temos interesantes vídeos de ciencia e tecnoloxía que se poden descargar ou inserir nos sitios web.


Vibrobots con rabo

motor_vibr.jpgOs modelos de vibrobots que teño amosado aquí utilizan un motor cunha excéntrica no eixe, de xeito que ao xirar cambia a posición do centro de masas provocando un movemento vibratorio.

Pódense utilizar motores vibratorios comerciais ou reciclados de aparellos electrónicos, ou simplemente suxeitando ou soldando unha peza metálica nun lado do eixe.

Hoxe atopeime con outro modelo de excéntrica que se fai suxeitando un tubo de plástico flexible no eixe dun motor eléctrico. Paréceme boa idea, pois non sempre é doado conseguir motores vibratorios.

Bótalle unha ollada a este vídeo. Parece que os vibrobots están movendo o rabo!


youtube: Art/Battle/Sport

Se ao final do tubo poñemos tinta, un pincel, un lapis, etc. conseguimos que este equipo de robots pouco intelixentes sexa capaz de crear unha “obra de arte”. Neste vídeo pódelos ver en acción:


youtube: BotBox

(Visto en Jen Lewis)