Electricidade con bicicletas

Moi interesante esta instalación que fixeron no IES Laxeiro de Lalín. O alumnado do centro tivo que pedalear duramente para producir a electricidade necesaria para a festa do Día das Letras Galegas. Unhas bicis, un alternador, unhas baterías e sobre todo moito esforzo físico para iluminar un festival do máis didáctico. Parabéns!

(Visto en mecanizadofacil.blogspot.com)


Electricidade 2.0?

Gústanme as visións de futuro. Moitas non son máis ca ciencia ficción, pero outras acaban facéndose realidade.

Hoxe atopeime unha destas visións no blogue de Tiscar que me deixou bastante perplexa: Electricidade distribuída, ao estilo web 2.0., da man de Tom Raftery, consultor de GreenMonk.

decor_1.jpgPara Tom Raftery, trátase da posibilidade de crear no futuro unha rede eléctrica intelixente para o fornezo de enerxía que tome como modelo o sistema de distribución propio das redes dixitais. No concepto de Electricidade 2.0 ou Grid 2.0 que propón Raftery, novas tecnoloxías posibilitarían unha redistribución da electricidade e un aproveitamento dos excedentes enerxéticos a escala mundial.

Un dos retos máis importantes aos que se enfronta o planeta é a xeración, conservación e distribución de enerxía dentro dun equilibro sostible. Ata agora tiñamos grandes empresas que se dedicaban á xeración masiva de electricidade. Aplicando a lóxica da web 2.0, o modelo de rede eléctrica intelixente ábrese aos usuarios, de modo que estes poidan converterse tamén en xeradores e distribuidores de enerxías renovables e adaptar os seus consumos segundo a información de prezos en tempo real.

Será posíbel tal cousa no futuro?

(Información obtida en tiscar.com)


A muller magnética

Non o vin no telediario, senón que me enterei grazas a Alberto Martínez, de Desenchufados. Resulta que difundiuse en varios telexornais a seguinte reportaxe:

Unha muller adquiriu a capacidade de atraer obxectos metálicos tras sufrir unha descarga eléctrica. Volveuse magnética!

E acompañan a nova con esta foto:
elena-mujer-iman.jpg

Podes ler a nova completa na web de tele5.

Na noticia, despois de falar de que a muller ten propiedades magnéticas, apúntase que ademáis de obxectos metálicos a muller tamén atrae plástico e cristal (magnetismo con plástico e cristal?)

Eu alucino co nivel de coñecementos en ciencia e tecnoloxía da xente que está no xornalismo. Alguén parouse a pensar se iso é posíbel? Aínda non saben que existen os fakes?

  • Proposta para o alumnado de ESO: Tendo en conta o que sabes sobre o electromagnetismo e sobre o corpo humano, deduce:
    Pode unha persoa adquirir propiedades magnéticas (ou atraer obxectos variados) despois de sufrir unha cambra? Qué transformacións debería sufrir o seu corpo para que isto sucedese? Xustifica a resposta.

Post relacionado:
Outro Fake difundido nun telexornal: Teléfonos móbiles que cociñan.


Vibrobot cun teléfono móbil

Aquí temos outro modelo de vibrobot fácil de montar aproveitando un vello teléfono móbil que non funciona.

vibrobot vibrobot

A carcasa do móbil fai de caparazón do “insecto”, que se moverá grazas ao vibrador que atopamos no interior.
A pila de botón pódese suxeitar utilizando unha pinza da roupa, e utilízanse uns cables ríxidos para formar as patas e as antenas.
Se queres podes engadirlle un interruptor, que non está de máis.

Tes a explicación en vibroroach.(Vía: Make)

Remexe por casa, pois seguro que tes algún móbil estragado co que podes construír o teu insecto.

Tamén podes construír outros modelos de vibrobots.


Pilas con patacas

Podemos construír unha pila con limóns e dous electrodos de cobre e cinc para acender un Led ou un reloxo dixital. Algunha vez fixémolo en clase.

limonsled.jpg

Pero como aquí o que sobran son patacas, algún día probaremos facer unha pila con elas.

Kristof Kintera é un artista que aplicou isto nalgunhas das súas esculturas, nunha serie titulada “We´ve got the power!”:

we-have-power3.jpg

300 kg de patacas, 250 pares de electrodos de cinc e cobre, microchip controlador, pantallas LCD, reloxos dixitais, todos alimentados por enerxía eléctrica extraida das patacas.

Toda unha escultura tecnohortícola!
O malo é que é perecedoira:

we-have-power2.jpg