Logic Beach

Un polbo está na area da praia de Rodas e vai quedar seco. Axúdao a meterse na auga acertando todos os valores das saídas das portas lóxicas que ves en pantalla. Tes un límite de tempo de 30 segundos. Se fallas, morrerá!

Este pequeno xogo está feito utilizando Scratch, interesantísima plataforma de programación coa que se poden crear facilmente xogos, animacións, historias ou simulacións.

No vindeiro Congreso de Software Libre para Educación (1 e 2 de xullo) presentaremos unha web con material en galego para aprender a programar en Scratch.  Proximamente teredes máis noticias.


Soundmachines

Este interesante instrumento de música electrónica pode servir de idea para un proxecto de tecnoloxía.

[Soundmachines from The Product on Vimeo.] (Visto en TheProduct)

Habería que construír uns discos xiratorios e instalar uns sensores de luz ou de cor. O sinal recibido polos sensores enviaríase a unha controladora arduino ou lego e mediante un programa asignaríanoslle un son a cada valor de entrada, producindo música electrónica. Para un mellor resultado habería que pedirlle prestado o amplificador ao profe de música :-)

Aí queda como idea!


Sección de electrónica dixital

Acabo de rematar unha das seccións que tiña pendentes desde hai tempo: Electrónica dixital.

Consta de circuítos, táboas e exercicios interactivos, que espero que sirvan para entender mellor este tema.

O nivel é inicial, para 4º de ESO, aínda que tamén pode ser útil para que o alumnado de Tecnoloxía Industrial II repase os conceptos básicos antes de entrar en profundidades.

Non incluín prácticas nin proxectos de construción reais, xa que neste tema traballamos con simuladores e só facemos algunha práctica básica con portas lóxicas reais como solución a algún problema resolto en clase.

Aproveitei scripts e actividades realizadas hai un par de anos durante a miña colaboración no material de Tecnoloxía do INTEF-CIEDAD, que conta cunha licenza Creative Commons By-NC-SA.

Agardo que vos resulte de utilidade.


Os chips por dentro

En 4º de ESO estivemos vendo que son os circuítos integrados ou chips, e estivemos traballando cun deles: O temporizador 555. Por fóra os chips parecen todos iguais, con eses encapsulados negros con patas, pero dentro cada tipo de chip ten un circuíto integrado que nada ten que ver con outros. Queredes saber como son?

Hai unha web rusa, ZeptoBars, que nos amosa como son os circuítos integrados que levan por dentro os chips máis populares. Utilizaron ácido sulfúrico concentrado e outros reactivos para eliminar o encapsulado plástico de protección, ata que lograron espir por completo o circuíto.

Aquí tedes o resultado:

Se queredes saber como foi o proceso ou que chips son os que aparecen nas fotos podes consultar a web de zeptobars.ru. Van engadindo novas fotos de forma periódica no seu blogue.

(Vía:@tecnoloxiajorge)