CircuitLab: Simulador de electrónica online

Decateime da existencia do editor/simulador de circuítos electrónicos CircuitLab esta mañá a través dun tuit de slandete, así que pouco tempo tiven para fozar nel. Con todo, paréceme unha aplicación estupenda, pois a interface gráfica é moi atractiva e intuitiva, polo que me parece moi axeitada para os niveis de educación secundaria, especialmente para bacharelato.

Neste vídeo podes ver como funciona:
[youtube: Getting Started with CircuitLab]

Como puidestes ver no vídeo, CircuitLab permite construír circuítos analóxicos e dixitais, cambiar os datos dos compoñentes, calcular as tensións de saída para un compoñente determinado ou observar o sinal do osciloscopio. Outro aspecto interesante é que se poden compartir os esquemas co resto de usuarios e usuarias.

Un dos inconvenientes é que a listaxe de compoñentes é limitada, e algúns bótanse moito en falta.

Aquí tes un dos circuítos que veñen de exemplo:

Desde logo que é unha sorte contar con este tipo de aplicacións que se executan desde o navegador, e non andar a depender de instalacións de escritorio deseñadas para un determinado sistema operativo (sexa cal sexa). Lembrádevos por exemplo de Logic-Lab ou de logic.ly dos que falei hai tempo.

Cada vez hai máis aplicacións online para facer de todo. Agora só falta unha aposta clara para mellorar a conectividade dos centros de ensino galegos, moitos cun ancho de banda que provoca desacougo, coma é o noso caso.


Cómic: Soldar é doado

Para soldar ben cómpre moita práctica, pero a técnica é moi simple. Xa temos na sección de electrónica unhas instrucións sinxelas sobre como soldar, pero se prefires unha guía en formato cómic, en mightyohm.com podemos descargala en varios idiomas.

O cómic está publicado baixo unha licenza Creative Commons, polo que sodes libres de colorear, modificar, compartir, traducir e facer o que desexedes con el.

Aínda non temos versión en galego. Alguén se anima a traducir?

Versión en Portugués (pdf):
quadrinhos_como_soldar_portugues_resize.png

Máis información: soldering is easy comic book


A arte da chafallada electroacústica

O pasado martes estiven no Marco facendo un “Obradoiro para facer un instrumento dun xoguete electrónico“, impartido por Olaf Ladousse, que nos explicou como fai os seus “doorags”.

Desde unha práctica electrónica moi pouco ortodoxa invita á xente a desmontar un xoguete electrónico sonoro e transformar o son substituíndo unha resistencia fixa por outra variable (un potenciómetro, unha LDR, etc). Variando a resistencia varíase a frecuencia do son emitido polo xoguete, obtendo curiosos instrumentos musicais electrónicos.

Eu tiven mala sorte, xa que o xoguete que merquei nun bazar chinés era tan cutre que non había maneira de modificarlle o son (non tiña resistencia), pero o resto de compañeiros e compañeiras si que obtiveron bos resultados. Aquí hai un vídeo con algúns dos proxectos que fixemos ese día:


[youtube: Doorags]

doorag.jpgO procedemento é moi simple:

  • Desmontamos o xoguete
  • Buscamos unha resistencia preto do chip e poñemos o dedo mollado enriba dela para ver se varía o son. Se varía o son xa está localizada.
  • Cortamos as patas da resistencia e soldamos uns cables, onde conectaremos un potenciómetro. (habería que medir primeiro o valor da resistencia para conectar un potenciómetro do rango axeitado)
  • Tamén pódese substituír a resistencia por unha LDR de xeito que o son varíe ao variar a luz incidente.

Para mellorar o instrumento e que nos quede ben chulo hai que quitar o circuíto da carcasa e colocalo noutra. Por exemplo, á dereita tes un doorag feito cunha cafeteira. Tamén podemos substituír o altofalante por un jack para poder conectar o instrumento a un amplificador.

Neste vídeo explícannos como se fai:

[youtube: Cómo fabricar un doorag]

Na web de olafladousse.com podes ver e escoitar algúns dos deseños de Olaf Ladousse.

Paréceme unha idea estupenda para un proxecto de 3º ou 4º de ESO cando comezamos coa electrónica. Xa sabedes, se tedes por casa un instrumento sonoro que non vos importe destripar e transformar traédeo ao taller para convertelo nun doorag. A ver o que nos sae!


Esquema electrónico

Acabo de ver este esquema en Make, e recordoume a algúns esquemas electrónicos dalgúns alumnos e alumnas que soen inventar símbolos.

circuit_diagram.png

A ver se sodes capaces de identificar os símbolos correctos que aparecen e descartar os falsos.

Imaxinades para que podería valer este circuíto? A min non se me ocorre.