Potenciómetro caseiro

res_axustable.gifEn moitos dos circuítos electrónicos que fixemos en 4º de ESO utilizamos potenciómetros, ou resistencias que variamos manualmente cando movemos un cursor.

Non vai servir para os nosos circuítos, pero podemos fabricar un potenciómetro caseiro pintando cun lapis unha pista de carbón nun papel. Despois hai que conectar un LED a unha pila de 9V (lémbrate de que a pata longa vai ao positivo) e os contactos á pista de carbón, como podes ver na imaxe:

potenciometro_caseiro.jpg

Aquí tes o vídeo co resultado: Cando desprazamos os contactos a resistencia do circuíto varía, polo que tamén varía a intensidade que circula e a luminosidade do LED.


[youtube: Testing with LED]

Animádesvos a facer un?

Aquí tes máis información sobre resistencias variables


O transistor como amplificador

trans_circ3a.gifA primeira práctica que fixemos con transistores é unha das que máis gustan. Conseguimos acender un LED ou facer soar un zoador tocando un cables coas mans.

Como sabedes, o corpo humano, formado por auga, é conductor da electricidade, e por iso sufrimos cambras, pero ten unha resistencia moi alta.

Sen embargo a pequena intensidade que circula pola base do transistor cando tocamos as sondas coas mans é suficiente para activalo e que circule suficiente corrente polo colector para que se acenda un LED.

IC = β IB

Incluso funciona coa corrente que circula por tódolos corpos do alumnado de clase fando forma unha cadea.
Aquí tes o vídeo:


[youtube: O transistor como amplificador]

A partir desta práctica fixemos outras como sensores de luz, temperatura, humidade, amplificadores de audio, etc. Podemos detectar correntes moi pequenas e amplificalas para facer funcionar un dispositivo.

No esquema do circuíto, a resistencia de 8,2 KΩ é para protexer o transistor cando por descuido tócanse as sondas entre si.

Máis sobre transistores aquí


Robótica cableada

Ando buscando novas ideas para os proxectos de automatismos electrónicos para 4º de ESO, e atopei unha páxina na que mostran moitos exemplos de proxectos feitos con circuítos electrónicos sinxelos: tecnoastro.es

robots_cableados.jpg

A maioría son moi parecidos aos que temos feito outros anos no insti: robot segue luz, rastreador, pegatortas, robot que non cae da mesa, … pero atopei prototipos interesantes nos que utilizan material reciclado de aparellos electrónicos.

Por exemplo, pódense aproveitar os pulsadores dun rato vello de ordenador para controlar o movemento dun pequeno vehículo. É un proxecto sinxelo (para 2º de ESO) pero a idea pódenos servir para utilizar un rato nun proxecto máis complexo de 4º.

cd_raton_01.jpg

Outro interesante é aproveitar un vello lector de CD para construír a porta dun garaxe:

puerta_cd.jpg

No caso que nos mostran a porta está controlada por un ladrillo Lego, pero nós imos limitarnos ao control electrónico non programado, pois coa robótica programada traballemos máis adiante.

Tamén teñen outros proxectos nos que aproveitan as pezas dunha impresora (iso vai ser máis difícil, pois non temos ningunha inservible)

Botádelle unha ollada a estes proxectos, pero para que se vos ocorran novas ideas. Sabedes que prefiro que sexades vós os que inventedes e deseñedes os prototipos que se vos ocorran, anque despois vos axude, xa que valoro máis as ideas orixinais.


Circuítos nas cabazas do Samaín

samain.jpgEste venres no insti celébrase o concurso de cabazas do Samaín.

O taller II de Tecnoloxía estará aberto o xoves 29 no recreo para aqueles alumnos a alumnas que queiran engadirlle un circuíto con luces, son ou movemento á súa cabaza.

Tedes que traer:

  • a cabaza baleira e decorada,
  • unha pila de petaca (4,5 V) e
  • unha bolsa de plástico pequena para protexer o circuíto da humidade do interior da cabaza.

Os compoñentes que necesitedes (interruptores, pulsadores, lámpadas, motores, zoadores, …) deixarémosvolos, pero tedes que devolvelos o venres a última hora de clase ou a semana que vén (se queredes levar a cabaza á vosa casa a fin de semana)

Como os que máis se animan tódolos anos son os rapaces e rapazas de 1º de ESO, que non teñen clase de tecnoloxía, contaremos coa axuda dalgúns alumnos e alumnas de 4º de ESO, que vos ensinarán e axudarán a montar os circuítos e levarán un positivo na nota se fan ben a súa labor de profes.

Circuítos básicos para 1º, 2º e 3º de ESO:

Se queredes colocar varias lámpadas (por exemplo unha en cada ollo), lembrade que deben estar conectadas en paralelo.

O curso pasado un alumno de 1º de ESO fixo unha cabaza moi divertida: Ademais dunha luz interior, púxolle un motor no nariz cun cartón de cores suxeito no eixe, que facía un efecto moi interesante.

emc.jpg paralelo1.gif

Tamén podedes engadirlle son. No taller podémosvos prestar un zoador e un pulsador, pero mirade pola casa, que igual tedes algún xoguete estragado deses que emiten son, como esas bonecas que falan. Pode resultar máis interesante.

paralelo2.gif

Circuítos para 4º de ESO ou bacharelato.

Os alumnos e alumnas de 4º e o de bacharelato xa podedes facer algo virgueiro. Animádevos a poñer a proba as vosas habilidades coa electrónica facendo unha cabaza orixinal.

Que vos parece engadirlle uns ollos intermitentes? (Se queredes que os dous ollos se acendan á vez, só tedes que poñer as dúas lámpadas en paralelo dende o pin 3 ata a masa.)

circ_5552b.gif

Tamén podedes utilizar un sensor de escuridade para que os ollos se acendan automaticamente cando é de noite:

sensor_escuridade1.gif sensor_escuridade.gif

Pensade noutras ideas orixinais e consultádeme para ver se se poden facer facilmente. (O problema é que non imos ter moito tempo)

Para quen se anime:

Que vos parece esta cabaza con LEDs que alumean ao estilo “coche fantástico”?

cabaza.jpg

O deseño é de Evil Mad Scientist Laboratories.

Funciona cunha pila de 9V e utiliza dous circuítos integrados (555 e 4017) que xuntos controlan seis grupos de LEDs. Tedes as intrucións en Evil Mad Scientist Laboratories


Flor autómata

Flor Automata é un proxecto artístico feito con arduino que consiste nunha flor mecánica que reacciona ante a luz exterior, abríndose de día e pechándose pola noite.


[Vídeo en Flickr]

Podémola coller como idea para un proxecto de 4º de ESO.

No faría falta unha estrutura tan complexa, pois pódese facer unha flor con material máis lixeiro e menos laborioso coma o cartón, que debe ir conectado a un mecanismo que eleve e baixe os pétalos (leva, cegoñal, piñón cremalleira, …)

Como en 4º non traballamos con arduino (témolo para bacharelato, en 4º usaremos Lego) podemos substituír o control programado polo control electrónico, utilizando unha LDR como sensor de luz, e un relé que poña a xirar o motor no sentido axeitado. Por exemplo, utilizando o seguinte esquema:

flor_automata.jpg
(podes baixar aquí o circuíto para o simulador crocodile technology)

A vantaxe de facelo con arduino é que podemos regular o peche dos pétalos en función da luz, pechándose máis ou menos. No caso do control electrónico proposto a flor ábrese e péchase completamente, sen quedar nunha posición intermedia.

Podedes ir pensando noutras ideas para un sistema que actúe en función da luz exterior. Se son viables levarémolas á práctica.