Demolición de presas

Houbo un tempo en que alá onde había un río con suficiente caudal construíase unha presa para facer un encoro que alimentase unha central hidroeléctrica. Despois da desfeita é cando nos damos de conta da destrución dos ecosistemas e queremos recuperalos, polo menos é así en algures.

Neste vídeo podes ver a demolición controlada da presa de Condit, que restablece o caudal natural do río White Salmon (Estado de Washington, EEUU):

[youtube: Spectacular Time Lapse Dam Removal Video] (Visto en likecool)

A maioría das centrais hidroeléctricas que existen en Galicia non cumpren a Directiva Marco da Auga (DMA), que asegura o estado ecolóxico dos ríos, e moitas construíronse máis por intereses económicos de particulares que por necesidades enerxéticas reais da poboación.

Neste vídeo falan do caso do encoro de A Baxe no río Umia, en Caldas de Reis:

[youtube: Demolicion de presas en telediario TVE1]

Centrais hidroeléctricas? Poden ser necesarias, pero non a calquera prezo. Cómpre un uso e aproveitamento máis racional dos recursos e espazos naturais, pois son patrimonio de todas as persoas.

Para a reflexión:
[Lista de reprodución de youtube: Defendendo os Rios da Amazônia]

 

Para repasar o funcionamento das centrais hidroeléctricas:


Documentais nucleares

O programa “A noite temática” emitiu recentemente dous interesantes documentais relacionados coas centrais nucleares:

O pesadelo dos residuos nucleares

O documental presenta os resultados dunha investigación sobre a xestión de residuos nucleares en EE.UU., Rusia, Alemaña e Francia, e saca á luz o segredo e descontrol que rodea o tratamento destes residuos. (1h 33 min)


[youtube: lista de reprodución La pesadilla de los residuos nucleares]

A batalla de Chernóbil

O 26 de abril de 1986 unha proba de seguridade na central nuclear de Chernóbil provocou a maior catástrofe nuclear da historia.(1h 17 min)


[youtube: lista de reprodución La batalla de Chernóbil]

Actualización 16 de maio de 2011:
Outro documental sobre residuos nucleares que paga a pena ver: Into Eternity

[youtube: lista de reprodución Into Eternity]


IV Xornada monográfica de APETEGA: Bioconstrución, domótica e enerxías alternativas

cartel_IVmonograficas.jpgXa está aberto o prazo de inscrición para a IV Xornada monográfica de APETEGA, que este ano tratará de Bioconstrución, domótica e enerxías alternativas.

Será o sábado 27 de novembro de 2010 a partir das 9:30 da mañá.

O programa inclúe a visita ao Parque Eólico Experimental de Sotavento, coa visita a un aeroxerador e á sala de control do parque, a realización dun proxecto de enerxía con hidróxeno e de enerxía solar, unha visita a unha vivenda bioclimática e domótica, visita ás instalacións bioclimáticas de Alvarella e unha conferencia sobre bioconstrución.

Tedes toda a información na web de apetega: programa, formulario de inscrición, como chegar, etc.


Chocolate solar

Hoxe recibimos o verán facendo chocolate no patio con dúas cociñas solares.

A primeira é do tipo Fun-Panel, e fixérona o curso pasado os alumnos e alumnas de 3ºPDC, así que xa é coñecida no insti. A partir duns paneis de polipropileno celular fíxose a estrutura seguindo un modelo, forrouse con papel de aluminio utilizando silicona como cola, e lista!

cocinha_solar1.jpg

O segundo modelo que estreamos este ano utiliza unha antena parabólica de telecomunicacións. Só houbo que forrala con papel de aluminio, atopar o foco e buscar un soporte para a pota para mantela no punto correcto, iso si, revisando a posición cada certo tempo, xa que ao moverse o Sol o foco cambia de lugar.

cocinha_solar2.jpg
(Nesta foto xa lle quitáramos á pota o plástico envolvente e, aínda que pareza que non, é negra.
A cor brillante da pota é o reflexo da luz concentrada nela)

En dúas horas as cociñas chegaron aos 100ºC, así que houbo que separar as potas de chocolate e poñelas á sombra mentres non chegaba a hora á que quedamos para a chocolatada.

Para quecer o chocolate aproveitamos o que sabemos sobre a transmisión de enerxía calorífica e buscamos estes efectos:

Colector_parabolico.jpg1. Concentración:

A enerxía térmica transmítese do Sol á Terra por radiación, é dicir, en forma de ondas electromagnéticas. As cociñas funcionan como concentradores solares, facendo que toda a radiación que chegue a elas se concentre nun punto ou superficie pequena. É alí onde colocamos a ola.

Seguro que tamén sabedes que o negro absorbe moi ben as radiacións, así que por iso pintamos as potas de negro.

2. Acumulación:

esquemaInvernadoiro.jpgInterésanos que a enerxía térmica non escape do chocolate para que se vaia acumulando e vaia aumentando a súa temperatura. Para iso puxemos unha bolsa de plástico (polipropileno) rodeando cada ola, de xeito que no interior prodúcese o efecto invernadoiro. O aire quente circulará por convección no interior da bolsa.

A bolsa con aire no seu interior tamén fai de elemento illante, evitando que a enerxía térmica escape por condución.


O tren que non para

Entre os maiores problemas que teñen os trens de alta velocidade atopamos a demora producida nas paradas intermedias que alongan o tempo da viaxe e o gasto enerxético na deceleración e aceleración do tren en cada estación.

Co fin de reducir o tempo e o gasto enerxético, o deseñador chinés Chen Jianjun presenta unha solución enxeñosa: que o tren non se deteña. A idea é introducir unhas cabinas que se acoplan e desacoplan ao tren cada vez que pasa por unha estación.

Cando chegas á estación hai que subirse a unha cabina. No intre en que o tren pasa pola estación a cabina previamente acelerada acoplarase ao tren e tranquilamente os pasaxeiros poderán ir acomodándose no interior.

Para baixarse do tren hai que subirse na cabina que leva acoplada, e cando pasa pola estación só ten que desenganchala para que os pasaxeiros baixen dela.


[youtube: The train that never stops at a station]

En resumo, cada vez que o tren pasa por unha estación solta unha cabina cos pasaxeiros que queren baixar e recolle outra cos que queren subir, e dese xeito o tren nunca para, aforrando tempo e enerxía.

Calcúlase que con este sistema o tren que une Pekín con Guangzhou, separadas 2.475 kilómetros e con 30 paradas intermedias, reduciría dúas horas e media o seu percorrido.

(Vía: un correo do meu pai)