Barcos sometidos a fortes golpes de mar

A semana pasada en 2º de bacharelato faleivos do esforzo de flexión ao que estaba sometido un barco cando hai ondas moi grandes, e a necesidade de que o material teña certa elasticidade para que poida recuperar a súa forma orixinal sen sufrir deformación plástica unha vez cesa o esforzo.

Aquí tedes uns vídeos no que se pode observar isto:

Neste vídeo podemos ver como o barco queda por momentos suspendido no aire. A estrutura está sometida a un importante esforzo de flexión, que tende a dobrala, e tamén de fatiga por existir cargas variables.

[youtube: Storm]

Neste outro vídeo podemos observar a flexión. Fixándovos no corredor podedes ver como se dobra a estrutura recuperando posteriormente a súa forma orixinal.

[youtube: MOL Excellence – Bending of Underdeck Passage]

E non debe de ser moi agradable estar aí dentro nestas condicións. Senón dicídello a esta xente que estaba tranquilamente facendo un cruceiro:

[youtube: Pacific Sun Cruise liner in very heavy seas. Internal CCTV footage.]


Un país baixo o nivel do mar

holanda.gifHai pouco que estiven de viaxe polos Países Baixos, tamén coñecido como Holanda ou Neederland. Interesantísimo país, en moitos sentidos.

Unha das cousas que máis chama a atención é percorrer unha extensa chaira e ver como o nivel de auga das canles está por riba da terra. A razón é que unha gran parte de Holanda está por baixo do nivel do mar. É toda a extensión que se ve en azul no mapa da dereita.

Lograr vivir nestas condicións é un exemplo de como grazas á tecnoloxía as persoas somos capaces de transformar a natureza e crear un entorno artificial.

Durante séculos foron construíndo diques e a terra foi drenada para establecer asentamentos, pero foi trala última gran inundación en 1953 cando se comezou a deseñar o Delta Works, un dos proxectos de xestión da auga máis grandes do mundo e que conta con múltiples diques, barreiras móbiles e sistemas para a contención e canalización da auga.

Polderdrains.PNG

Unhas das obras, o Oosterscheldekering, está considerada unha de la sete marabillas do mundo moderno segundo a American Society of Civil Engineers.

Oosterscheldekering.jpg

A última das obras do plan Delta é Maeslantkering, unha gran barreira móbil robotizada que protexe Rotterdam.

maeslantkering.jpg

Protexerse do mar e das riadas segue sendo un gran reto para este país, e máis coa constante subida do nivel do mar provocada polo cambio climático, polo que xa non só pensan en conter a auga, senón tamén en provocar asolagamentos controlados no caso de que a forza da natureza resulte imposible de superar.

Neste documental de National Geographic explícannos ben como é a loita dos holandeses e holandesas contra o mar. Son 6 vídeos duns 9 minutos cada un.


[youtube: Lista de reprodución: La lucha contra el mar]


Receitas urbanas

Ante o problema da vivenda existente neste país hai solucións ben imaxinativas. Botádelle unha ollada a recetasurbanas.net. Mostran diversos tipos de solucións de uso público para espazos baleiros.

Chamoume especialmente a atención o proxecto de Santiago Cirugeda “Aluguer de azoteas“, xa non só pola xenial idea de construír unha pequena vivenda reversible na azotea dun edificio, senón tamén polo feito de ofrecer as instrucións de montaxe utilizando os Clicks de Famobil.


[Santiago Cirugeda _ Alquiler de azoteas from tv.edgargonzalez.com on Vimeo.]


VII concurso de pontes con paus de xeado

concurso_pontes.pngA delegación de estudantes da Universidade Miguel Hernández de Elche convoca o VII concurso de maquetas de pontes construídas con paus de xeado e cola branca.

Trátase dun concurso para estudantes universitarios de todo o estado, que poden participar en calquera destas tres categorías:

  • Peso: Nesta categoría gaña a ponte que consiga resistir máis peso cumprindo cunha serie de requisitos na súa construción.
  • Estética: Valórase o deseño.
  • Mobilidade: Aquí prémianse as pontes articuladas, que poden dispoñer de motores e compoñentes electrónicos.

Es estudiante da universidade? Anímate a participar. Tes toda a información en: www.epse.es/concursodepuentes/

Tamén teñen unha categoría Junior, para estudantes do 2º ciclo de ESO, Bacharelato e Formación Profesional, pero só para centros da provincia de Alicante. Neste caso trátase de construír a ponte que soporte máis peso sen deformarse.

Se nos les desde un intituto de Alicante, podes descargar aquí as bases para a categoría Junior (pdf)

Dada a restrición para centros de Alicante non podemos participar, pero non está de máis botarlle unha ollada á galería que teñen en Flikr, onde se mostran interesantes deseños.

Aquí tes a proba de carga:
concurso_pontes.jpg

Antes de poñerte a construír convén probar o deseño nun simulador. Na sección de ligazóns tedes varios simuladores e xogos de estruturas resistentes.

O que máis me gusta para educación secundaria é o simulador West Point Bridge Design Contest. Deseña a túa ponte e comproba que resiste o paso dun camión.

West Point Bridge Design Contest


Burj Dubai: 828 m. Perdido Regional Host: 2438 m

Acábase de inaugurar o rañaceos máis alto do mundo: o Burj Dubai, con 828 m de altura.

Burj_Dubai1.jpg

Aquí podes ver unha panorámica vertical:

[youtube: Burj Dubai vertical pan]

Unha das imaxes que máis me gustan da torre é esta de cando aínda estaba en construción. Clica para maximizala e vai véndoa de arriba a abaixo. De vertixe!

burj_dubai_1009.jpg

A súa altura non é a única marca. Ten un ascensor que se move a 700m/min, o máis rápido do mundo.

Porén, as construcións máis altas que existen non son rañaceos, senón as plataformas petrolíferas, e tampouco se quedan curtas as torres de comunicación ou as torres solares.

En skyscraperpage.com podemos ver diagramas e datos dos edificios e construcións industriais máis altos do mundo.

Actualmente a estrutura artificial máis alta construída é a plataforma petrolífera Perdido Regional Host, con 2438 m de altura. Atópase no golfo de México, e contén un mastro ancorado a 2.383 m baixo a auga. Aquí tes máis datos

spar_platform_depths_illustration_3col.gif

A Torre Solar de Ciudad Real non lle ten nada que envexar a outras, pois ten unha altura de nada menos que 750 m. Está previsto que remate a súa construción este ano 2010.

torre_solar.jpg

Trátase dun sistema que consiste nun gran colector de radiación solar disposto no chan, no que se quenta o aire. O aire quente ascende pola torre polo efecto da convección, movendo as turbinas que hai dentro dela e xerando electricidade.

torre_solar_funcionamiento.gif

Aquí podes ver unha animación de consumer.es (Clica aquí para vela en pantalla completa)

A torre de comunicacións máis alta do mundo é KVLY/KTHI TV Mast. Trátase dunha antena de televisión situada en Blanchard (Estados Unidos) que mide 628.8 m de altura.

KVLY-TV_Mast_Tower_Wide.jpg

En altura non nos quedaremos aquí. Dentro duns anos veremos como o Burj Dubai quedarase pequeno fronte a outros megaedificios, simbolos do poder. Se invertesen os mesmos cartos no desenvolvemento da arquitectura sostible iríalle bastante mellor ao planeta no que vivimos.

Non te esquezas de darte unha volta de cando en vez por skyscraperpage.com