Pontes de plástico

Se te lembras do que estudamos outros anos, a resistencia dunha estrutura depende da súa forma, da disposición e perfil dos seus elementos e do material coa que está construída.

O que non é nada habitual é utilizar o plástico como material para estruturas que se van someter a elevadas cargas, pero o exército dos EEUU acaba de construír e probar unha ponte de plástico reciclado que é capaz de soportar cargas superiores a 70 toneladas.

Pódelo ver neste vídeo:

[youtube: VID00004]

Aínda haberá que investigar máis para poder construír pontes de plástico de forma xeralizada, pois deben ser moi seguras e fiables. A Universidade de Rutgers xa leva tempo traballando no reciclado de plásticos para a obtención de novos materiais estruturais que poidan substituír outros utilizados habitualmente.

Repasando as propiedades dos plásticos e os ensaios mecánicos:

  • Que vantaxes lle ves respecto a outros materiais como a madeira, o aceiro ou o formigón?
  • Cales son os principais inconvenientes ou problemas a resolver?
  • Aparte da proba de carga do vídeo, que outros ensaios conviría facer?

(Visto en alt1040.com)


11-S: Explicación do derrube das torres

Hoxe é o aniversario do atentado contra o World Trade Center. O 11 de setembro do 2001 quedamos coa boca aberta diante dos televisores sen dar crédito ao que estaba sucedendo. Lémbraste?

Hai moita información na rede sobre os feitos, pero dende o punto de vista técnico paréceme moi interesante este documental da BBC. Nel, coa axuda de arquitectos e enxeñeiros, explícannos como estaba feita a estrutura das torres e por que chegaron a derrubarse.
(Síntoo, non o atopei en mellor calidade.)


tu.tv: Documental torres xemelgas

Circulan por aí outros vídeos cunha teoría conspiratoria que di que as torres foron derrubadas de forma provocada, teoría que non ten nin pés nin cabeza.


Fachadas dinámicas

A arquitectura que nos rodea xeralmente é estática, pero hai edificios que cambian a súa forma física e a súa aparencia, e esta vez non falo de proxeccións virtuais, senón de elementos físicos.

Esta fachada nun edificio de Graz (Austria) cambia continuamente converténdose nunha escultura dinámica. Pero a súa funcionalidade non é só estética, senón que utiliza os paneis móbiles para adaptar os espazos segundo as condicións de luz exteriores.


youtube: Dynamic facade “Kiefer technic showroom

Outro exemplo é Flare Dynamic Facade, que consta dunha serie de módulos metálicos controlados individualmente por ordenador e accionados mediante cilindros pneumáticos. O efecto visual depende da luz reflectida polo Sol, de xeito que cada módulo actúa como un píxel, producindo luz ou sombra. O sistema dispón tamén dunha serie de sensores dentro e fóra da construción.


Flare Dynamic Facade from VILLA on Vimeo.

O problema destes sistemas é o elevado custo económico e gasto enerxético.

Tampouco podemos esquecernos das fachadas de LEDs, que dunha forma máis económica e con menos mantemento conseguen numerosos efectos, anque cando se abusa delas producen demasiada contaminación visual.


youtube: Arup.

Outra opción é a de utilizar a enerxía do vento para lograr o movemento das fachadas, anque deste xeito o resultado depende das condicións ambientais, e non se pode controlar ao noso gusto por ordenador como nos exemplos anteriores. Aquí tes unha lista de reprodución con varios exemplos:

Non son unicamente as fachadas exteriores o obxecto ao cal introducir dinamismo. As paredes interiores conforman un espacio habitable ao que interesa aportar interactividade co usuario. De momento parece que estes proxectos teñen máis sitio nas galerías de arte que nos propios edificios, pero todo se andará. Temos, por exemplo, as paredes dinámicas de hyposurface, os espellos mecánicos de Daniel Rozin, as paredes de Frédéric Eyl que responden á presencia de persoas abrindo diafragmas para deixar pasar a luz, ou as paredes interactivas de LEDs de Dobpler.

Fachada dinámica curiosa é a do artista Richard Wilson, que fixo xirar unha sección da fachada dun edificio en Liverpool antes da súa demolición. Aquí tes dous vídeos no que se pode ver a obra dende fóra e dende dentro.

E xa para flipar completamente, os proxectos de edificios en movemento de David Fisher. Nada de fachadas dinámicas, el propón directamente a arquitectura dinámica, rañaceos xiratorios que permiten aos seus habitantes modificar a orientación dos seus apartamentos para cambiar as vistas ou seguir o Sol. Supoño que na realidade non se moverán tan rápido como se ve no vídeo.

Xa sabes, non volvas dicir que os edificios son estruturas estáticas.


Arquitectura Líquida

A arquitectura clásica é a creación de mundos físicos e ambientes dirixidos ás actividades humanas, que ten en conta no seu deseño e construción as leis físicas e as propiedades dos obxectos e do ambiente.

A arquitectura líquida corresponde ao mundo virtual, substitúe os materiais físicos por información dixital. A arquitectura nun espazo dixital pode pasar por alto as leis físicas e conseguir estruturas e entornas cunha natureza, funcións e estética imposibles de acadar no mundo real. Xa non interesa o edificio como obxecto habitable, senón como obxecto de información.

Unha creación no ciberespacio podémola trasladar ao mundo real, de xeito que poidamos sumarlle aos espazos físicos características e efectos imposibles de obter mediante a arquitectura clásica, como por exemplo o cambio de posición, variación de texturas e propiedades, falta de gravidade, transformacións no tempo, etc.

Podes ver un exemplo disto neste traballo de Urbanscreen. Trátase do coñecido como projection mapping, unha proxección computarizada sobre a fachada dunha galería de arte en Hamburgo. Os efectos son sorprendentes. (Visto en Fogonazos)

555 KUBIK | facade projection | from urbanscreen on Vimeo.

Utilízase tamén en concertos e obras de teatro, conseguindo escenarios envolventes e entornas visuais únicas. Un exemplo telo neste traballo de Apparati Effimeri:

Apparati Effimeri ShowReel 2008 from Apparati Effimeri on Vimeo.

Pero non todo queda nas obras de arte e espectáculos. A arquitectura virtual ten tamén o seu sitio na publicidade, televisión, cine, feiras, congresos,… o ciberespacio vaise metendo con forza no mundo físico, transformándoo dun xeito impensable hai uns anos.


Ponte o casco!

Gústanme os carteis da campaña da Dirección Xeral de Tráfico “Ponte o casco!”

5000 anos de historia dánnos a razón, eles non o quitarían nunca, protexe a túa cabeza da forma máis natural, … Non lles falta razón. O casco, pola súa estrutura e composición, está preparado para resistir fortes impactos sen deformarse, protexendo a cabeza e a vida.

Se queres saber como se fabrican os cascos e a que probas se someten mira este vídeo de Discovery Channel


youtube: Cascos Schuberth

Tamén tes unha infografía sobre cascos en consumer.es.

Pero non penses que é unicamente o material o que lle dá a súa resistencia, senón tamén a súa estrutura. A natureza é moi sabia, e a tecnoloxía non para de imitala.

A forma de cúpula dun casco fai que a forza exercida sobre o mesmo se reparta ao longo da estrutura, repartindo a carga. Podes probar facer este experimento para comprobar a resistencia da casca do ovo. Corta pola metade varias cascas, evitando deixar moitos picos, colócaas sobre un pano, e comproba como son capaces de soportar o peso de moitos libros sen esmagarse.

cupula.jpgovo.jpg   caracol.jpg

A cáscara dun caracol é do mesmo material có xiz, carbonato cálcico, pero é moitísimo máis resistente debido á súa estrutura, pois ten nanocapas dispostas en láminas que se intercalan en varias direccións. Cando na concha fórmase unha greta, esta non vai a máis porque a súa enerxía é absorbida por millóns de láminas. Isto está intentándose imitar en diversos materiais, para facelos moito máis resistentes.

Xa sabes, se vas en moto, ponte o casco!


youtube: Máis vale cumprir o código

E se vas en bici, pénsao tamén:

pensarsalvavidas.jpg
pensarsalvavidas2.jpg