O corpo humano en html e php

Hoxe en día calquera pode publicar contidos en internet sen saber nada de html ou programar en php ou javascript, pero non está de máis saber unhas cantas cousiñas que nos poden salvar dun apuro ou para entrar no código e facer aquelo que non permite o editor.

Tamén hai quen pasa o tempo intentando describir o corpo humano utilizando estas linguaxes de internet, anque bótanse en falta moitas funcións. Bótalle unha ollada a esta imaxe:

human_body_html_php.jpg
(É de alvago.com.ar e vino en technabob.com)

Non sei se me tocará este ano dar a materia de informática, pero se é así algo ides aprender disto, aínda que agardo que sirva para cousas máis útiles.


Historia visual de Internet

Se queredes saber de forma visual e rápida como evolucionou Internet recoméndovos esta animación flash de Discovery Chanel: Internet.

internet_discovery.png

Seleccionamos na ruleta a década que queremos ver e premendo nas flechas do teclado imos avanzando no tempo e vendo os acontecementos máis importantes de Internet.

Aparecen curiosidades. Por exemplo, a primeira mensaxe que se intentou enviar a través da rede en 1969 foi a palabra “login”. O “l” e o “o” chegaron ao seu destino, pero o sistema colapsouse ao chegar ao “g”. Comparádeo cos millóns de datos que circulan hoxe en día pola rede.

Feliz viaxe no tempo!

(Visto en villaves56)


IV Premio Espiral Edublogs 2010

IVpremioEspiralEdublogs100.jpgXa comezou a cuarta edición do Premio Espiral Edublogs10, convocado pola Asociación Espiral, Educación e Tecnoloxía.

Con estes premios preténdese:

  • Valorar a importancia e repercusión dos blogues na educación.
  • Recoñecer o traballo do profesorado na rede demostrando a súa utilidade pedagóxica.
  • Servir de escaparate motivador dunha corrente educativa dentro do blogomillo.
  • Favorecer canles de opinión e debate.

Xa presentei o meu blogue tecnoloxia.org ao concurso. Se queres podes deixar alí unha mensaxe de apoio.

Se es profesora ou profesor e tes un blogue, anímate a presentalo. Máis alá dos premios, que son o de menos, o máis importante desta iniciativa é a difusión que se fai dos blogues educativos, e que se lle dea visibilidade ao traballo que se está a facer dende as aulas de ensino de tódolos niveis.

Máis información: http://edublogs10.ciberespiral.org


Digalego no navegador

Mentres a Consellería de Educación quere poñernos cada vez máis difícil aprender galego, a tecnoloxía vai poñéndonos as cousas máis doadas.

A través do Xornal.com atopei unha aplicación de Digalego que permite consultar o significado de calquera palabra en galego desde calquera páxina web premendo só un botón. (Grazas @chevarria_gz)

logo-diccionario.gif

Vai a digalego.com e arrastra “Buscar en Digalego” á barra de marcadores ou favoritos. Cando desexes saber o significado dunha palabra en galego que apareza en calquera web, só tes que seleccionala e premer na ligazón. Sairá unha xanela emerxente co significado en galego, sinónimos e a tradución a outras linguas.

No Xornal.com póñennos isto aínda máis fácil, pois non tes que ter instalado nada, senón que facendo dobre clic sobre calquera palabra aparece a xanela do dicionario coa súa definición.

En Internet, tamén en galego!