Jet pack

A que molaría unha viaxe polo aire nun trebello destes?

[youtube: Man Soars in the Air with the Help of a Jetpack]

O que habería que mellorarlle é a autonomía, pois o jet pack pode voar durante un máximo de 26 segundos, o cal resulta algo decepcionante.

Está alimentado con peróxido de hidróxeno (auga osixenada) e gas nitróxeno, que reaccionan en presenza dun catalizador producindo un chorro de vapor comprimido que proporciona o empuxe necesario para elevarse e desprazarse.

Máis información: jetpackinternational.com  (Visto en: interestingengineering.com)

E, máis ou menos relacionado, podemos lembrar un artigo de hai tempo: Propulsión a chorro (de auga) onde se ve como  uns bombeiros levantan un coche con chorros de auga.


Deseño de mecanismos por ordenador

Disney está a desenvolver un software que permite crear autómatas mecánicos que realizan movementos complexos utilizando engrenaxes e barras articuladas. Primeiro, mediante unha animación de curvas, seleccionamos o tipo de movemento que queremos e automaticamente o programa crea un mecanismo optimizado que o reproduce o máis fielmente posible.

O interesante disto é que os mecanismos xerados mediante este sistema logran movementos moi interesantes utilizando unicamente un motor ou manivela, e tamén que poden ser fabricados con impresoras 3D.

[youtube: Computational Design of Mechanical Characters]

Sería moi útil dispoñer dun software así en clase de tecno, para o deseño de proxectos mecánicos.

Máis información: Computational Design of Mechanical Characters


UCLA Ordenador mecánico de 1948

Tan afeitos estamos hoxe en día aos dispositivos electrónicos que facilmente nos esquecemos de que hai unhas poucas décadas atrás a electrónica apenas estaba desenvolvida e os cálculos realizábanse de forma mecánica. Un exemplo témolo no analizador diferencial UCLA, de 1948.

Daquela presentábase coma un cerebro mecánico capaz de resolver rapidamente problemas matemáticos, con innumerables aplicacións, por exemplo, na enxeñaría ou no deseño industrial, augurando un futuro cheo de computadoras mecánicas facendo de todo.

[UCLA’s 1948 Mechanical Computer from Gizmodo on Vimeo.]

Pasaron os anos e esta tecnoloxía quedou completamente desbotada. A electrónica desprazou definitivamente a computación mecánica, e estas máquinas quedaron como fantásticas pezas de museo ocupando un imprescindible chanzo da historia da tecnoloxía.


Robots Camiñantes

Chámanos robots, pero en realidade son divertidos autómatas mecánicos. Este en forma de boneco que anda con dúas patas grazas ao sistema biela-manivela e a unha transmisión por engrenaxes semella moi fácil de construír, e véxoo ideal como proxecto para 2º de ESO, no tema de mecanismos.

[youtube: Robot Caminante en 2 patas (Fácil de hacer) walking robot] (Visto no scoop.it de Gumersindo Fernández)

O modelo é obra de “El Profe García”, que ten na súa canle de youtube unha chea de vídeos con ideas interesantes para utilizar en clase de tecnoloxía. Entre elas atopei outros bechos que camiñan, como o mecanismo do Robot araña, ou robot hexápodo, tamén moi doado de construír:

[youtube: Robot Araña o Hexapodo ( como se hace)]

Outro mecanismo interesante é o Robot verme, que utiliza tamén o sistema biela-manivela:

[youtube: Robot Gusano (Como se hace)]

É cousa de remexer un pouco máis en youtube para atopar outros modelos para construír no taller, e enchelo ata arriba de bicharía.