Hoxe vai un off-topic, pois non vou falar de tecnoloxía, senón de química. O post saíume un pouco longo, pero non quería deixar fóra detalles.
Isto vén a conto da visita á miña casa dun comercial dunha empresa de purificadores de auga, que se ofreceu a analizar a auga de consumo da miña vivenda e facer una demostración da súa pureza. Nunca recibo vendedores a domicilio, pero neste caso tiña curiosidade polo que ían contar xa que soábame que había un timo por alí agochado.
Recoñezo que a química téñoa bastante esquecida, pero non o suficiente para darme de conta do fraude da demostración. Isto foi o que pasou:
A preparación
Despois da presentación, o comercial pediunos 4 vasos de auga.
1- Auga da traída.
A auga da traída vén clorada para desinfectala e evitar a proliferación de microorganismos patóxenos. Este cloro atópase na auga en forma iónica Cl– ou combinado con outros elementos, sobre todo hipocloritos ClO–.
2 – Auga purificada
Tratou a auga da billa mediante un trebello de osmose inversa que levaba nunha maleta, similar ao da imaxe:
A osmose inversa é un proceso físico que consiste en facer pasar auga a través dunha membrana semipermeable dende unha solución máis concentrada a unha menos concentrada mediante a aplicación de presión. As sales en disolución quedan retidas na membrana.
3- Auga fervida
Ao ferver a auga da traída, a auga pura evapórase e aumenta a concentración de sales en disolución.
4- Auga mineral
Contén moitas sales en disolución, como poden ser sales de sodio, magnesio, calcio, etc.. Podédelo ver no etiquetado das botellas.
Unha vez colocados os vasos enriba da mesa comezou a festa.
Cloro canceríxeno?
O primeiro que soltou foi que o cloro da auga é tóxico, provoca cancro e infinidade de enfermidades. A intención non é outra que asustar á xente sobre o consumo de auga da traída.
Vaia! Entón ollo con botarlle sal á comida. O sal común é cloruro de sodio, NaCl, que ao disolverse na auga sepárase nos ións Cl– e Na+. Como pode dicir que o cloro canceríxeno?
O que si é tóxico é o gas cloro Cl2, pero non é precisamente gas cloro o que atopamos na auga que temos na casa.
En referencia ao cloro da auga, non está demostrado cientificamente que os compostos derivados provoquen cancro, aínda que algúns xornais publicasen artigos sensacionalistas dicindo que si. O que si está demostrado é a súa eficacia na desinfección da auga, e hai que ter en conta que as augas urbanas están sometidas a estritos controis de calidade periódicos.
Eses horribles electrólitos
Despois de poñer o cloro coma un veleno que debíamos evitar a toda costa se non queríamos morrer de cancro dixo que ía determinar a cantidade que levaba cada un dos vasos que había enriba da mesa.
O primeiro que fixo foi utilizar un condutivímetro.
Como o seu nome indica, mide a condutividade da disolución, e determina así a concentración de electrólitos que contén en ppm (partes por millón)
Os electrólitos son ións, que ao seren partículas cargadas responden cando aplicamos unha diferencia de potencial. Canto maior sexa a concentración de sales maior condutividade terá a auga.
Esta sales poden ser Na+, Cl–, Ca++, ClO–, etc.
Despois de facer a proba comprobouse que a maior concentración de electrólitos tíñaa a auga mineral, logo a fervida, logo a da traída, e a purificada practicamente non tiña.
Claro que o comercial non o explicaba así, senón que se aproveitaba de que non todo o mundo sabe o que é un electrólito e daba a entender que o que estábamos medindo era a concentración de substancias perigosas e contaminantes da auga. Vamos, que todas as augas teñen unha concentración elevadísima de algo horrible excepto a purificada co seu aparello.
O cloro pégase á comida!
Para demostrar doutro xeito a concentración de cloro na auga fixo un novo experimento. Botou unhas gotas de ortotolidina en cada un dos vasos. A ortotolidina reacciona co cloro disolto e tinxe de amarelo a disolución. Canto maior sexa a concentración de cloro máis escura resulta.
Hai que ter valor para dicir que o cloro é canceríxeno e que logo utilice ortotolidina para a demostración, composto que está catalogado como probable canceríxeno humano pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e o Centro Internacional de Investigacións contra o Cancro (CIIC). De feito xa está retirado o seu uso nos test de cloro das piscinas.
Evidentemente a auga tratada por osmose inversa quedou completamente transparente.
O seguinte foi dicir que o cloro se pega á comida e estámolo consumindo, nun ton que vía a dicir algo así como que esta substancia horrible, canceríxena e tóxica é absorbida pola comida.
Para facer a demostración pediunos unha mandarina, partiuna pola metade e meteuna nun vaso. Ao cabo dun tempo desaparecía a cor amarela da auga, e a conclusión foi que “o cloro pégase aos alimentos e estádelo consumindo!”
Vaia, pois iso é o mesmo que cando metemos unhas anchoas en sal. O cloruro sódico é absorbido por elas. O mesmo ocorre con esas olivas que comemos, que non viñan salgadas da oliveira. As sales absórbense polas células dos organismos, pero iso non ten por que ser prexudicial. Pero claro, se non pensamos niso e nos deixamos sorprender polo experimento da desaparición do ton amarelo caemos na trampa.
Toda esa porcallada que leva a auga que bebemos.
O último experimento foi unha electrólise en cada un dos vasos de auga. A electrólise é unha reacción química que se produce aplicando a electricidade.
Necesítase unha disolución con contido en electrólitos (sales disoltas, como Cl-) para que funcione como medio condutor eléctrico. Aplícase corrente continua mediante uns electrodos (ánodo e cátodo) de xeito que os ións son atraidos por cada electrodo segundo a súa carga.
Nos electrodos prodúcese unha transferencia de electróns entre os elementos que forman o electrodo e os ións, producíndose novas substancias.
Non estou segura da composición dos electrodos do aparello que utilizou, pero parecéronme de aceiro e aluminio. Tampouco sei cal é exactamente a reacción química que se produciu (e se alguén a sabe agradézolle que mo diga), pero ao facer a electrólise en cada un dos vasos obtívose o resultado dun precipitado noxento en cada un deles, excepto no da auga purificada, xa que ao eliminarlle os electrólitos non produce a reacción.
Supoño que se trata dun precipitado de ferro.
(imaxe collida de aquí)
A mensaxe do comercial era que todo ese precipitado que estabamos a ver eran substancias que se atopaban na auga que consumimos, era a porcallada que leva agochada e que non se ve, e que grazas ao seu experimento sacabámola á luz.
De novo aprovéitanse do descoñecemento da xente, pois non todo o mundo sabe o que é unha electrólise e que nesa reacción se producen novas substancias, e fan crer que todo iso estaba na auga.
O final
O comercial xa se dera de conta que na miña casa non ía vender nada, e deixou sen explicarnos cousas que tiña preparadas. A intención era a de vender un purificador de auga de nada menos que 2.500 €.
Están indo polas casas e pisos de moitas cidades de Galicia, e aprovéitanse da xente maior sen estudos e preocupada pola súa saúde para facerlle crer que a auga da traída, a do pozo ou a auga mineral embotellada son malísimas. Non é que o aparello que venden sexa malo (o prezo si), pero dende logo que os métodos que empregan para convencer á xente son un auténtico timo.
Síntome na obriga, polo tanto, de avisar destes feitos para evitar na medida do posible que máis xente sexa vítima deste fraude. E tamén destacar a importancia de que a ciencia e a tecnoloxía formen parte da cultura da poboación. A incultura científica e tecnolóxica fainos vulnerables ante aos fraudes, timos, crenzas e lendas urbanas.