Pirámide da aprendizaxe

Ensínovos un gráfico que pode servir para reflexionar sobre a metodoloxía utilizada nas nosas clases, e que representa os índices de retención acadados segundo as actividades que realizamos.

pirámide da aprendizaxe

O sistema de formación académica parece que segue atascado no uso dos métodos menos eficaces. Non nos queixemos, actuemos.


A escola do futuro

A imaxe que ves foi realizada en 1899 polo debuxante francés Jean-Marc Cotê, e nela imaxinábase a escola no ano 2000. Os libros introdúcense nunha máquina trituradora, e a información contida neles convértese en impulsos eléctricos que se transmiten por medio de cables ata os auriculares que cada alumno ten postos.

imaxinando a escola no ano 2000

Esta imaxe dende logo que está moi afastada da realidade actual nas aulas, pero só no referente á tecnoloxía utilizada. Desgraciadamente hoxe en día, e en case tódalas materias, séguese a ver un proceso ensinanza-aprendizaxe moi similar ó de esta imaxe: o alumnado actúa unicamente como receptor pasivo de información, e o profesor, sentado, dicta os contidos que os alumnos e alumnas deben almacenar no seu cerebro.

Hoxe podemos ter ordenadores, encerados dixitais, canóns proxectores, PDAs, e infinidade de ferramentas e aplicacións para traballar en rede, pero se non hai un cambio de metodoloxía, a escola segue sendo a mesma que na época do debuxante, cambiando a trituradora por un ordenador e un canón proxector.

Prefiro esta imaxe dunha aula de tecnoloxía nun instituto, na que o alumnado participa de forma activa no proceso de aprendizaxe construíndo, analizando, investigando, planificando, buscando información, …

aula de tecnoloxía

O que me parece triste é saber que nalgunhas aulas de tecnoloxía non se ve isto, senón ó alumnado sentado diante dun libro de texto cos seus pupitres colocados en filas individuais.

As razóns para non facer traballos prácticos poden ser moi variadas, pero aínda que todo estea en contra, os esforzos do profesorado deben ir na dirección de adoptar unha metodoloxía práctica e activa, e a Administración debe poñer as condicións necesarias para que iso sexa posíbel:

  • Reducir a ratio ou establecer desdobres. Resulta case imposíbel utilizar unha metodoloxía práctica e activa con grupos de 30 alumnos e alumnas.
  • Actualizar as dotacións das aulas de tecnoloxía, pois co material que proporciona a Consellería o que podemos explicar é historia da tecnoloxía, ata o século XIX. Pouco máis. Por que en Galicia non hai unha dotación para os contidos de control e robótica? Por que hai aulas de tecnoloxía sen ordenadores?
  • Realizar unha oferta de cursos de formación do profesorado ampla, con contidos útiles, prácticos, variados e aplicables na aula. A formación do profesorado en Galicia é lamentable, e no caso da especialidade de tecnoloxía, practicamente inexistente. Menos mal que temos as Xornadas de Tecnoloxía de APETEGA para poder actualizarnos.
  • Apoiar a área de tecnoloxía. Cada vez que hai un cambio lexislativo, e xa van varios seguidos, hai unha redución horaria, un desprezo explícito ó ensino da tecnoloxía, o cal provoca unha tremenda desmotivación do profesorado.

A situación non axuda, pero non toda a responsabilidade é da administración. O profesorado debemos deixar de soñar con que o alumnado teña un conector USB polo que transmitirlle a información, e debemos poñernos a investigar en metodoloxías máis eficaces e adaptadas á realidade actual. Propoño empezar metendo os libros de texto nunha máquina trituradora, deixando unicamente uns poucos como material de consulta.


Creative Commons: Sexa creativ@.

Creative commonsHoxe lin unha nova en vieiros: A licenza Creative Commons cumpre 5 anos.

Quen non se alimentou durante anos dos contidos de internet, descargando, copiando e modificando contidos atopados na rede para utilizalos nas nosas clases? E refírome tanto a profes como a alumnos/as. Quen non aprendeu a programar grazas aos códigos libres que atopamos co noso navegador? Quen non atopou información instantaneamente cunha simple procura en Google? Se internet constitúe esta enorme fonte de información e recursos é grazas a toda a xente que crea e publica material na rede.

Non deberiamos participar nós con todo ese material que temos feito? Hai unha maneira de facelo moi interesante: Creative Commons, unha forma de intercambio de expresión, coñecemento e arte mediante un conxunto de licenzas na web sen custo algún.

Pola razón que sexa, hai moita xente que quere compartir, reutilizar, modificar e distribuír o seu traballo, e tamén ter a liberdade de compartir, reutilizar, adaptar e distribuír un traballo baseado noutro xa existente. Creative Commons permite que se fagan usos creativos das obras e que as persoas se beneficien delas, como material a utilizar directamente ou como plataforma de creación de novos contidos.

Na miña opinión, no ámbito educativo habería que facer un esforzo en darlle un impulso aos recursos e ferramentas libres. A política de gratuidade de libros de texto, por exemplo, non axuda precisamente a isto, e moito menos a favorecer a creatividade.

Aquí tes unha aplicación flash na que se explica a filosofía de creative commons.


Prohibir tecnoloxía?

teléfono móbilO últimos acontecementos relacionados coa gravación de agresións en teléfonos móbiles e posterior difusión por parte de menores de idade abriron un debate tanto nos centros de ensino como nos medios de comunicación. “Hai que prohibir os teléfonos móbiles nas escolas!” Propugnan moitas persoas. De feito en moitos centros a dirección xa se apresurou a dicir “está prohibido o uso de móbiles neste centro”, por non dicir que certas comunidades autónomas teñen imposta esta norma dende as consellerías de educación.

Eu pregúntome: Que culpa terán eses trebellos?
A tecnoloxía por si mesma non é boa nin mala. O que pode ser bo, malo, moral, inaxeitado, un acto delictivo ou non, etc. é o uso que se faga desa tecnoloxía, pero non a tecnoloxía. Se o problema é que se podan gravar imaxes e vídeos, por que non prohibir as cámaras de fotos e de vídeo que temos nos centros? Se o problema é que se suban imaxes a Internet, por que non prohibimos Internet? Dende logo que iso non tería sentido.

Propoño un pouco máis de reflexión antes de poñer normas á lixeira. En todo caso a norma nun centro podería ser “está prohibida a utilización de móbiles no centro para actividades non educativas” ou algo similar, sempre matizando que tipo de uso non está permitido, pero non prohibir unha ferramenta que pode ser útil para milleiros de actividades educativas.

condensador electrolíticoUn teléfono móbil pode ser unha ferramenta máis no proceso de ensinanza-aprendizaxe. Por que non? Por exemplo, un traballo que propoño tódolos anos é que o alumnado elixa un trebello de uso común (un motor eléctrico, un disco duro, un rato, un bolígrafo, un adaptador dun móbil, etc.) o desmonte para analizar cómo funciona e elabore un traballo no que se explique a súa composición e o seu funcionamento, utilizando un procesador de textos, unha presentación de diapositivas ou unha pequena web, dependendo do nivel. No proceso de análise do obxecto de estudio o alumnado vai sacando fotografías do mesmo, e como non temos cámaras dixitais para todos, utilizan os seu teléfonos móbiles. Estas fotografías trátanse con diversas aplicacións de tratamento de imaxes e incorpóranse aos traballos, que logo pódense publicar en Internet.

Para a elaboración da memoria dun proxecto de tecnoloxía tamén utilizan os móbiles para ir sacando imaxes do proceso de construción. Cando o prototipo está máis ou menos rematado e funcionando tamén utilizan os seu móbiles para filmar un vídeo e incluílo na memoria. Estas imaxes e vídeos constitúen uns recursos gráficos complementarios a outros como o bosquexo inicial, os planos de conxunto, os esquemas electrónicos, ou a explicación do funcionamento. E tamén poden subir a youtube o vídeo do seu prototipo para compartilo e amosarllo a outras persoas.

Tamén poden utilizar a calculadora que soen ter incorporada, utilizar o servizo sms para introducir entradas nun blog, e infinidade de cousas que se vos podan ocorrer. De feito, cada ano que pasa os teléfonos móbiles incorporan máis aplicacións útiles que podemos aproveitar para ensinar calquera materia do currículo.

Sexamos máis críticos coas informacións que nos transmiten os medios de comunicación. Sorpréndeme un titular nun xornal no que se lía “as imaxes da agresión ao menor de Boiro publicáronse en Internet”. Por que a nova non indica que as imaxes da agresión ao menor de Boiro difundíronse en tódalas cadeas de televisión? Parece que o problema está no medio de difusión, na tecnoloxía utilizada para difundir as imaxes, pero non na propia agresión, feitos que non debemos permitir e ante os que hai que actuar e, sobre todo, educar.