A imprimir engrenaxes!

Esta edición da OSHWDem 2018, o 10 de novembro, ten un novo reto de impresión. Trátase de imprimir engrenaxes para colocar na parede perforada da sala maker da Domus. Coas achegas da comunidade conseguirase encher a parede? Chegará cun motor para mover todas as rodas dentadas?

Imprimide nas cores que queirades e co deseño interior que queirades, pero respectando as dimensións necesarias para que as engrenaxes encaixen ben.

No repositorio de Bricolabs tendes os parámetros das engrenaxes e modelos en DXF, FreeCad e OpenScad que podes descargar para facer os deseños do interior.

Algunhas levaremos do IES Primeiro de Marzo. A ver o que lle vai saíndo este mes ao alumnado de Fabricación Dixital de 1º de Bacharelato. Velaquí uns modelos:


Impresión 3D sobre tea

Unha das posibilidades da impresión 3D é o deseño téxtil utilizando unha tea como soporte da impresión. Neste vídeo podes ver uns exemplos de escamas de dragón:

[Print on Fabric from María L on Vimeo.]

O procedemento é fácil. Utilízase un modelo 3D teselado, de xeito que as diferentes pezas podan moverse libremente. Imprímense dúas capas sobre a base da impresora, pausamos a impresión, colocamos enriba a tea ben suxeita á base mediante unha pinzas e continuamos imprimindo.

Usei a tea que tiña máis a man, que e é bastante fea, por certo. O importante é que sexa fina e estea tecida con folgura para que peguen as capas de filamento que están a un lado e outro da tea. Se utilizamos unha gasa transparente a creación pódese coser sobre outro tecido sen que se note demasiado.

Aquí deixo esta posibilidade de traballo para quen queira facer proxectos téxtiles.


Brazo robot

Un dos proxectos de Tecnoloxía Industrial I deste curso 2017-2018 é o seguinte brazo robot que é quen de clasificar automaticamente pezas de cores e de levar un reconto das mesmas, amosando os resultados en pantalla.

[BrazoRobot from María L on Vimeo.]

É traballo de Samuel e de Javier, que se encargaron da programación e do cableado.

O brazo robot é Pedro Robot.

As pezas para o sensor de cor son unha adaptación dos deseños de Noa.
Ficheiros STL: SensorCor2-cilindro.stlSensorCor3-sensor.stl

O soporte para a pantalla LCD é un deseño do alumnado do curso pasado. STL en thingiverse

 

O curso que vén haberá que montar unha cadea de robots traballando de maneira coordinada. Vai?


III Regata Solar Marine Instruments 2018

O vindeiro sábado 23 de xuño hai unha cita tecnolóxica en Baiona: a III regata solar Marine Instruments.

Trátase dunha competición con dúas categorías, escolar e open, que consiste na fabricación dunha embarcación alimentada unicamente con enerxía solar e na que interveñen diferentes tecnoloxías: deseño naval, electrónica, procesos de fabricación, eficiencia enerxética, telecomunicacións, etc.

A competición desenvolverase de 10 a 14h e haberá dúas probas, unha de resistencia e outra de velocidade.

Máis información en www.regatasolar.org


Brazo robot con sensor de cor

Este curso a ver se somos quen de poñer a funcionar o brazo robot do curso pasado. Chegara a funcionar clasificando pezas brancas e negras, pero os últimos días de curso empezou a fallar. O problema foi que no conector dun dos servos o pin de alimentación e o pin de sinal estaban curtocircuitados , polo que entraba alimentación á placa a través do servo e facía que funcionase mal. Agora xa está arranxado.

Hai un novo modelo de brazo robot sinxelo que circula por internet e que ten boa pinta: Pedro Robot. A ver se o imprimimos para poñelo tamén a clasificar pezas de forma automática.

[MeArm programado no curso 16/17. tecnoloxia.org]
[Pedro Robot By hackaday.io]?

Este curso engadiremos un sensor de cor para poder distinguir entre pezas de diferentes cores, e non só brancas e negras. Aquí tedes información sobre o funcionamento dun sensor de cor TCS3200.

[TCS3200 tecnoloxia.org CC By-SA]
A ver o que sae!