Robot-cepillo

Toothbrush Bot é un simpático robot-cepillo que podes fabricar con materiais de refugallo: o motor dun móbil (un motorciño cunha excéntrica no eixe que se utiliza para o vibrador), unha pila de botón, un interruptor pequeno (recíclao dun xoguete vello) e un cepillo de dentes ó que lle tes que cortar o mango.

robot-cepillo

Solda os compoñentes formando un circuíto simple e pégaos ó cepillo utilizando cola termofusible. Obterás un simpático vibrobot que se move pola mesa.

Aquí tes un vídeo do funcionamento:

Fonte: evilmadscientist


Wii

O CEIP de Palmeira publica na súa web as instrucións para a construción dun encerado dixital de baixo custo (menos de 60 euros), utilizando o mando duna wii e fabricando artesanalmente un punteiro infravermellos como o que ves na imaxe.
punteiro IR

A idea é moi interesante para aqueles centros ós que lles interese ter un encerado dixital e non teñan presuposto para mercalo.

wiimoteEste proxecto paréceme moi interesante para comprender un pouquiño mellor a tecnoloxía actual que, no caso da wii, combina electrónica, tecnoloxías da comunicación, tecnoloxías da información e tamén materiais, pois de algo está fabricada.

Unha das principais características do wii remote ou wiimote é o seu sensor de movemento, o que lle permite medir distancias, detectar a dirección dos movementos e determinar a posición do control utilizando un acelerómetro e un sensor de IR.

celerómetroacelerómetroO acelerómetro é un dispositivo que detecta e mide a vibración, a inclinación, a velocidade e, por suposto, a aceleración. Hai moitos tipos de acelerómetros, e atópanse en teléfonos móbiles, en podómetros, nos airgbag dos automóbiles, sismógrafos, lavadoras, cámaras fotográficas, robots, etc.
Constan dunha peza móbil que, segundo o seu movemento, produce diferentes voltaxes na placa, que constitúen os datos que logo van ser procesados.

A barra que se coloca debaixo do televisor serve de guía para o wiimote, detectando a dirección dos seus movementos. Consta dun conxunto de LEDs infravermellos. O wiimote ten un sensor de luz IR que detecta a posición dos LEDs da barra e determina a distancia do control á televisión. O movemento e a rotación do control con respecto ó chan calcúlanse tendo en conta o ángulo relativo á barra e as voltaxes do acelerómetro.
barra wii
Tódolos datos de detección de movemento e de apuntado envíanse a un chip Bluetooth integrado na placa do mando wiimote. Este chip encárgase de enviar instantaneamente o conxunto de datos á wii para a súa recepción e posterior proceso para amosar os resultados na pantalla. A comunicación realízase mediante ondas de radio, na banda de 2.4 GHz.

Se queres saber máis sobre o funcionamento do wiimote podes visitar esta páxina.


Proxectos de electrónica

nivel de augaNeste segundo trimestre empezarei cos proxectos en 4º de ESO. A intención é que apliquen os circuítos electrónicos que estivemos vendo na primeira avaliación. Aproveitando que fan os proxectos traballarán tamén o debuxo asistido por ordenador.

Na sección de “prácticas e proxectos” de electrónica incluín algunhas propostas, e irei engadindo máis cando vaia atopando algo de tempo. Son propostas que lles fixen estes anos anteriores. Este ano teño outras propostas, e os rapaces tamén fanme as súas, pero antes de publicalas aquí quero ver que tal funcionan.

As propostas de automatismos electrónicos analóxicos poden resultar algo engorrosas, sobre todo sabendo que dispoñendo de controladoras sería moito máis doado conseguir os mesmos resultados. É bastante lamentable que non teñamos nos centros dotación de control e robótica cando estes contidos están no currículo dende o 2001, e máis sabendo que somos a única comunidade autónoma na que non se actualizou a dotación para a área de tecnoloxía neste sentido. No meu centro temos sorte, xa que grazas á axuda para agrupacións entre centros que nos dá o MEC imos poder mercar robots LEGO. Pero bueno, ese será outro capítulo.

Se alguén ten algunha proposta de proxecto de electricidade ou de electrónica e quere compartila, pódema enviar para incluíla neste web. Indicarei, por suposto, a autoría da mesma.


Relé con encravamento

Engadín unha nova páxina na sección de propostas de proxectos de electricidade: Relé de enganche ou con encravamento. Este circuíto é moi versátil: modificando a saída, a activación da entrada e do desenganche mediante diferentes dispositivos e circuítos podemos deseñar unha gran variedade de proxectos. Nesta sección só inclúo algunhas ideas e proximamente incluirei algún vídeo no que se amose o funcionamento. Cando complete a sección de proxectos de electrónica engadirei outros circuítos con relés activados por sensores electrónicos, pero iso será máis adiante.

Na didáctica da electricidade en tecnoloxía hai algo que me parece moi importante: o alumnado ten que deseñar os circuítos axeitados para os seus proxectos, polo menos en parte, modificando a saída, engadindo un circuíto sinxelo que o complete (luces, son, etc.), ou combinando entre si varios esquemas preestablecidos. Se lles damos todo feito creo que se perde a esencia do proxecto en tecnoloxía, o deseño.

Clica no pulsador normalmente aberto para enganchar o relé. Clica no pulsador normalmente pechado para desenganchalo:
alarma

pulsador NO pulsador NC

En Nadal, feito a man!

boneco feito con compoñentes electrónicosAnte o consumismo desmesurado que impera nestas datas, propoño fabricar regalos artesanais para o Nadal. Aquí van algunhas ideas, pero vale calquera cousa que se faga con material reciclado:

Bonecos con compoñentes electrónicos

Aproveita os compoñentes dunha placa vella dun vídeo ou de calquera outro trebello electrónico estragado para facer simpáticos bonecos coma este da imaxe. Para unir os compoñentes chega con dobrar as patillas con axuda duns alicates. Se non recuperas as patillas dos compoñentes, proba soldar con estaño ou utilizar un pegamento.

Bonecos “aproveitapilas”ledcomepilas

Moitas das pilas que tiramos aínda teñen carga suficiente para acender un ou varios LEDs, que necesitan un máximo de 2V. Podes fabricar un boneco coma este para calquera tipo de pila. Os LEDs son bastante económicos (os vermellos custan arredor de 12 céntimos) e os podes conseguir en calquera tenda de electrónica. O resto é botarlle imaxinación. A función do condensador é almacenar carga eléctrica. Podes deseñar un circuíto que o incorpore.

Con LEDs e pilas gastadas podes iluminar calquera obxecto que se che ocorra.

Luces de Nadal

cargadorPodes fabricar a túa propia guirnalda de Nadal cuns LEDs. Se non queres utilizar pilas, podes reciclar un cargador dun vello móbil para fabricar a fonte de alimentación. Mide a tensión de saída cun polímetro e busca unha resistencia axeitada que protexa os LEDs (lembra que non deben conectarse a máis de 2 V).

Proba incorporarlle un efecto intermitente a túa guirnalda incorporado un circuíto con transistores ou un circuíto cun 555 en funcionamento astable.discos duros

Tamén podes montar un circuíto con LEDs que seguen o ritmo da música. Tes as instrucións nesta páxina

chaveiroCousas con ordenadores estragados

Vai ao “punto limpo” do teu concello (se é que ten), e faite con placas de circuítos e tarxetas de ordenador. Bótalle imaxinación e deseña obxectos para aproveitalos, como cadernos, chaveiros, lámpadas, portafotos, … pode ser un regalo moi orixinal.

salvamanteisRecicla CDs ou discos duros para …. pois aí vai a túa imaxinación. Aquí tes unha foto na que se aproveitan os discos duros.

Se reúnes varios microprocesadores podes fabricar una salva manteis coma este da foto. A carcasa dos micros é cerámica, e aguanta ben a temperatura.

circuíto docePara comer

E se che gustan os doces, podes facer un circuíto electrónico comestible coma este. Un pastel orixinal para unha ocasión especial.

Menos consumo eléctrico
saleiro-aceite
Recicla lámpadas de incandescencia. Sabes que consumen moito, e que hai que empezar a utilizar nas casas lámpadas de baixo consumo.

Convence á túa familia de que as substitúa e aproveita as lámpadas vellas para fabricar adornos ou utensilios útiles. Aquí tes un exemplo de reutilización.

AT-AT Snow WalkerRecorta e pega

Tamén podes descargar uns recortables de papel que non teñen desperdicio. Levará o seu tempo montalos, pero son un curioso obxecto decorativo para regalar.

Reciclaxe de plásticos

Bonecos con plásticos recicladosNon vos parece unha barbaridade a cantidade de plásticos que tiramos ao lixo? Hai un sitio chamado toynet que nos invita a facer simpáticos bonecos con plásticos reciclados, e tamén describe as características dos distintos tipos de plásticos.

Divírtete estas vacacións!