Soporte para sensor ultrasónico

Se necesitades un soporte para un sensor ultrasónico, pode servos de utilidade este que usamos neste proxecto do aparcadoiro de hai un par de anos. Está deseñado para o modelo HC-SR04. O ultrasón queda suxeito sen utilizar parafusos e a parte inferior está deseñada para suxeitalo nun servo.


Podedes descargar aquí o STL ou modificar o deseño ao voso gusto con Onshape. E, se queredes, tamén podes repasar como se programa un sensor ultrasónico con arduino.


Ascensor

Este non foi un bo ano en canto a proxectos, pero algo fixemos.

Un dos proxectos deste ano do alumnado de Tecnoloxía Industrial I é un ascensor programado con Arduíno. Reciclamos un ascensor de 2 pisos realizado en 2º de ESO e o alumnado de 4ºESO axudou no cableado dos compoñentes. O resultado podédelo ver neste vídeo:

(Ascensor de 3 pisos from María L on Vimeo.)

Nesta páxina tendes máis información sobre o proxecto do ascensor, por se queredes montar un.


Vehículo con patas-rodas

Un dos problemas que teñen os vehículos con rodas é a súa dificultade para moverse por chans que non sexan lisos. Para salvar obstáculos non hai cousa mellor ca unhas patas, pero iso é algo que engade dificultade a nivel construtivo. Hai unha opción intermedia: As patas-rodas. Vino en makezine e paréceme unha sinxela e curiosa opción para construír vehículos todo terreo.

whegs_1

Estes pequenos vehículos utilizan pezas en forma de C obtidas dun tubo de PVC, motores de corrente continua con redutora e un circuíto eléctrico simple.

Hai dúas versións: con dúas patas e con catro. En makezine explícannos todos os pasos para construílos.

Este de dúas patas é o máis simple:
[youtube:How to make a simple running / hopping robot]

Este de catro patas é capaz de moverse por (case) calquera superficie:
[youtube:How to make a all-surface moving Robot- The Mover]

 

Máis información en Make Simple Running Robots Using “Whegs”


Semáforo

Cando á hora de facer un proxecto nos centramos na programación e no circuíto electrónico, por falta de tempo soemos deixar de lado os bos acabados na construción dos prototipos, pois o importante é deixar as cousas funcionando e non que sexan máis bonitas ou feas. Madeiras cortadas de calquera xeito, cables por fóra, liñas tortas, … pero é que hai un prazo que cumprir e o tempo non dá para máis.

Un exemplo témolo no típico proxecto do cruce con semáforos. Aquí tendes unha foto dun semáforo “artesanal”. Funciona ben, e para presentalo na clase é máis que suficiente.

semaforoa semaforo5a

Pero se queremos facer algo máis xeitoso unha impresora 3D pode ser de moita axuda para estas tarefas. Aforra traballo, evitamos que os cables queden por fóra e se desconecten e mola máis :-)

semaforo4a semaforo2a  semaforo7a

Se tendes unha conta en Onshape podedes copiar este deseño para modificalo e adaptalo a outros proxectos, ou tamén para descargar os ficheiros en formato STL, tamén dispoñibles en thingiverse. Consta de 6 pezas, e está preparado para que non haxa que pegar nada, xa que as pezas encaixan unhas con outras facendo presión.

Agardo que vos sexa útil.


Lámpadas que levitan

flytePreciosa esta combinación de levitación magnética coa tecnoloxía sen fíos de transmisión de enerxía. “Flyte” é obra de Simon Morris e trátase dunha lámpada que semella unha antiga de incandescencia pero que no interior está composta por LEDs. Levita xirando sobre unha base que funciona coma unha estación de carga sen fíos por indución electromagnética, o que provoca o acendido dos LEDs.

Podes velo no seguinte vídeo:

[Flyte : Levitating Light from Narwhal Pictures on Vimeo]

Polo aire non se transmite electricidade, senón un campo magnético. Cando unha bobina se sitúa preto da outra, por efecto do campo magnético xérase nesta última unha corrente eléctrica, que fai que se acenda o LED.

Se queredes, podedes probar este sinxelo experimento de acendido dun LED por indución electromagnética. Necesitades construír dúas bobinas (unha emisora e outra receptora) e conectar un transistor, unha resistencia e un LED, tal e como explican neste vídeo:

[youtube: Proyectos | Transmisión Inalámbrica de Energía Eléctrica – Muy fácil de hacer]

electricidade_senfios