ObradoiROBOT

obradoirobot.pngObradoiROBOT: xogos cun robot móbil guiado por intelixencia artificial, é unha actividade organizada polo equipo de robótica móbil do Grupo de Sistemas Intelixentes da USC e conta co copatrocinio da Dirección Xeral de I+D (programa Diverciencia).

A actividade consistirá nunha competición na que os equipos participantes terán que guiar “a cegas” un robot móbil Pioneer 3DX por un circuíto delimitado con valados.

Este contido lúdico irá precedido dunha presentación divulgativa e a demostración práctica das bases tecnolóxicas do guiado dun robot móbil (sensores láser e de ultrasons, comportamentos do robot e intelixencia artificial) e a realización do percorrido polo circuíto polo propio robot autónomamente.

O 10 de novembro, a partir das 10:30 celebrarase o obradoiro no IES Escolas Proval (Nigrán), dirixida a estudantes dos ciclos medio e superior de electrónica e da modalidade de tecnoloxía do bacharelato.

Lamentablemente comunícannos que non é posíbel facer unha convocatoria máis aberta por falta de espazo, así que únicamente quedan prazas para que asista o profesorado interesado en ver a actividade, pero sen grupos de alumnos/as. Unha pena.

Hai máis información na web de ObradoiROBOT


Vibrobot: Bug Bot

Este sinxelo vibrobot ponse en marcha cando detecta luz e para na escuridade grazas a unhas LDRs e un amplificador de audio LM386. Podes ver as instrucións en popsci.com.

(Pode ser que este vídeo non se vexa dende un lector de feeds)

Está baseado nun dos robots que podemos atopar no libro “Junkbots, Bugbots, and Bots on Wheels“, e cuxa web de asistencia é junkbots.solarbotics.com. Alí podes atopar outros modelos.


Control automático e robótica con Arduino

arduinoO vindeiro 8 de novembro a Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia, APETEGA, organiza a súa II Xornada Monográfica, que tratará este ano sobre os contidos de control e robótica do currículo de Tecnoloxía, que se abordarán mediante a utilización da controladora Arduino.

A xornada terá lugar no IES Pedra da Auga de Ponteareas, Pontevedra, e estará limitada a un máximo de 40 persoas.

Tes toda a información na web de APETEGA


Unha planta con blogue

Hai tempo falei dunha planta que postea en twitter. Chámase Pothos, e mediante un sensor de humidade, unha tarxeta arduino e unha conexión a internet, envía unha mensaxe a través de twitter para reclamar auga.

Pois non e a única planta que se comunica por internet. Nunha cafetería xaponesa teñen unha planta que recolle datos do seu entorno grazas a unha serie de sensores de humidade, temperatura, luz, presión sonora, etc. Estes datos envíanse a un ordenador que está programado para que os publique nun blogue.

pranta_blogue.jpg
(Fonte: www.soygik.com)

Esta outra planta consta dunha maceta con pernas robóticas e unha serie de sensores que detectan os niveis de luz da habitación. Cando o robot atopa o punto de maior luminosidade, actívase o mecanismo e a maceta comeza a camiñar nesa direción.

pranta_luz.gif

Podes ver máis fotografías na páxina do proxecto.