tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Vibrobots pintando

Hai uns meses falei do Toothbrush Bot, sinxelo robotiño feito cun cepillo de dentes, un motor con excéntrica sacada dun vello teléfono móbil e unha pila de botón. Hoxe atopei unha versión que utiliza dous cepillos, o que mellora a estabilidade. Neste vídeo podes ver como estes vibrobots poden facer unha interesante obra de arte para decorar o taller de tecno.


Chris Cerrito’s Vibrobots on Paint on Vimeo.

Como facer que unha planta postee en Twitter

Cando temos plantas variadas nas nosas casas observamos como unhas requiren máis auga ca outras, e resulta complicado atinar coa cantidade xusta, polo menos cando a planta é nova e non a coñecemos. E se andamos coa cabeza noutro lado podemos esquecernos de regalas durante demasiado tempo.

Una solución é que sexan as propias plantas as que nos avisen cando necesitan auga, e pódeno facer chamándonos por teléfono ou escribindo un post en twitter, facendo que tamén as plantas se integren a esta rede social.

Membros do programa de Telecomunicacións Interactivas da Universidade de New York atoparon a maneira de facelo utilizando un sensor de humidade e unha controladora arduino.

Podes ver as instruccións en Botanicalls (www.botanicalls.com)

botanicalls.jpg

(fonte: www.alambre.info)

E, se queres, tamén podes seguir a “Pothos” en twitter

Twitter: Xeo en marte!

Are you ready to celebrate? Well, get ready: We have ICE!!!!! Yes, ICE, *WATER ICE* on Mars! w00t!!! Best day ever!!
(Fonte: Twitter. MarsPhoenix)

Ou sexa, que parece ser que hai auga en Marte.

Phoenix Mars Lander atópase actualmente explorando a superficie polar de marte. Podes ver nesta imaxe os instumentos que leva a bordo para levar a cabo a súa misión:

Phoenix Mars Lander

A nova sairá en tódolos medios de comunicación, así que en internet atoparedes máis información, por exemplo na web da NASA.

O motivo deste post é o meu último descubrimento: Twitter.

Twitter é unha ferramenta que mestura os conceptos de blog, rede social e mensaxería instantánea. É coma un “microblog”, que permite aos usuarios e usuarias a publicación de mensaxes curtas (máximo 140 caracteres), de xeito rápido e sinxelo, e que chegue a tódolos teus contactos.

Teño que recoñecer que me parecía algo bastante absurdo, pois non entendía moi ben a súa utilidade. Sen embargo permite o seguemento de novas dun evento de interese coma, por exemplo, a misión de Phoenix, un congreso, un festival, ou simplemente saber o que está a facer un colega.

twitter

Tedes máis información no blog “El camarote” e tamén na comunidade de profes “edutuiter“, onde se lle da un uso educativo.

A miña conta: http://twitter.com/tecnoloxia

Oitavos en robocampeones!

Este venres oito alumnos e alumnas de Baiona asistiron ó campionato de robótica “robocampeones“, en Madrid.

Dous dos equipos que levamos quedaron empatados coa mesma puntuación na proba de rescate, e quedaron no oitavo posto dun total de 32 equipos participantes. Non está nada mal para ser o primeiro ano que nos metemos nisto, pero podería ter saído mellor se non tiveran tantos problemas coa calibración.

Quero felicitar a estes rapaces e rapazas polo seu traballo, esforzo e dedicación. Así dá gusto.

Tamén quero felicitar á organización e animar ao profesorado a que participe co alumnado neste tipo de eventos, pois paréceme unha experiencia fantástica.

Déixovos a foto dun dos robots que participaron, o primeiro robot galego en “robocampeones”:

robot Lego

Nova sección de control e robótica

robot LEGOAbrín hai pouco unha nova sección de control e robótica, á que podedes acceder dende o panel lateral esquerdo. Aínda está incompleta, pero irei ampliándoa pouco a pouco cando vaia atopando tempo, e centrareime en principio nos contidos de robótica con LEGO, en consonancia co material do que dispoñemos para traballar esta parte do currículo.

Tamén podedes ver unha nova ligazón: Robot-Ingenio. É un blogue no que participamos os catro institutos que estamos no proxecto de robótica que empezamos a poñer a andar este curso. De momento aínda estamos subindo as fotografías e vídeos de presentación, pero iremos subindo proximamente outra información sobre como van transcorrendo as probas.

Mañá nas VIII Xornadas de Tecnoloxía de Galicia impartirei o obradoiro “Robots en acción”, así que se alguén desexa probar a programación de robots LEGO pode apuntarse (máximo 12)…