ArtFutura 2014

Despois de varias edicións nas que Vigo non participou, esta fin de semana puidemos ver de novo no Marco o programa audiovisual de Art Futura 2014, a 25ª edición do festival de referencia en cultura dixital e novos medios que inclúe as últimas achegas en animación 3D, motiongraphics, time-lapse, efectos especiais e documentais sobre cultura dixital.

Aínda estades a tempo de velo, pois no Marco vanse repetir as proxeccións durante a fin de semana que vén (14, 15 e 16 de novembro) e a seguinte (21,22 e 23 de novembro). Podes ver aquí o calendario e horarios.

artfutura2014

[ArtFutura 2014 – The Digital Promise from ArtFutura on Vimeo.]

Este ano o festival ArtFutura explora baixo o título A Promesa Dixital o que esperabamos da tecnoloxía hai 25 anos,  o que esta achegou ao noso presente, así como o que nos pode deparar no futuro.

Hai agora 25 anos que a revolución cibernética prometía un novo mundo e unha realidade alternativa de posibilidades infinitas. Pero cales foron os cambios reais a través destes anos? en que dirección imos agora? “Prometerádesme colonias en Marte. No canto diso, dádesme Facebookdicía en 2012 un decepcionado Buzz Aldrin, astronauta que pisou a Lúa na misión do Apolo 11, que esperaba moito máis da evolución da tecnoloxía durante estes anos. Con todo, o cambio na nosa maneira de traballar, comunicarnos, aprender, crear e compartir é espectacular. Non credes?

Este ano toca reflexionar sobre o que esperabamos, o que non esperabamos, o que nos sorprendeu, cara a onde imos… ou cara a onde cremos que imos.

Podes ver na web de tve o documental “La promesa digital”.

[The Digital Promise / La Promesa Digital – Teaser from ArtFutura on Vimeo.]

 

Máis información:

 


Semáforo interactivo bailarín

semaforos_peaton_con_contadorA primeira vez que vin un semáforo de peóns que indicaba os segundos que faltaban para cambiar de verde a vermello pareceume unha idea estupenda que debería instalarse en todos os semáforos, pois así sabemos se nos dá tempo ou non a cruzar. Non sería difícil, pois nunha pantalla de LEDs podemos mostrar facilmente esa información e calquera outra que queiramos.

dance2Sen embargo isto non evita que quen non teña paciencia cruce sen respectar a sinalización. Para aumentar a seguridade neses casos, a compañía Smart deseñou un semáforo que fai que os peóns agarden no canto de cruzar. Consiste nunha cabina equipada con cámaras que recolle os movementos das persoas que entran a bailar e tradúceos nunha silueta na pantalla de LEDs do semáforo, coa intención de que os peóns queden entretidos mirando.

Parece ser que esta instalación realizada nun semáforo de Lisboa aumentou nun 81% o número de persoas que pararon a ver a silueta bailando en lugar de cruzar a rúa.

Aquí tedes o vídeo:

[youtube: The Dancing Traffic Light] (Visto en hacedores.com)

Se queredes saber máis, podedes visitar a campaña de seguridade de Smart “WhatAreYouFOR

Curiosa e divertida iniciativa :-)


Captives. Escultura e robótica

Cando Michelangelo esculpiu a serie de esculturas inacabadas coñecidas como “Os escravos” ou “Os prisioneiros ” utilizaba o método da talla directa: Primeiro facía uns bosquexos e despois introducía as súas ferramentas no mármore de forma manual. El mesmo dicía “Dentro do bloque está a figura, o único que fago é arrincar coa ferramenta a pedra que sobra ao redor desta, ata que a figura queda liberada da súa envoltura.”

Neste caso non liberou completamente as figuras, que quedaron prisioneiras, atrapadas no mármore que as encerraba completamente.

captives141
Prigioni – (1513-1534) – Michelangelo

O artista italiano Davide Quayola acaba de presentar no festival Ars Electronica a súa interpretación contemporánea da serie “Prigioni” de Miguel Anxo. As esculturas xa non se fan en mármore, senón en polietileno expandido (EPS de alta densidade) máis coñecido como poliexpán, e non son unhas mans cun martelo e un cicel quen as esculpe, senón un robot industrial controlado por ordenador.

Captives – (2013) – Davide Quayola

Nun mundo dixital as máquinas encárganse da técnica, pois manualmente non podemos alcanzar a precisión do fresado CNC, e a creatividade, a imaxinación e a arte céntranse no deseño dixital, un debuxo en 3D que un robot sexa capaz de interpretar.

Nos seguintes vídeos amósase o proceso escultórico no que se visualizan as funcións matemáticas que forman parte do “pensamento” do robot escultor.

[Captives – Robotic Milling from Quayola on Vimeo.]

[Captives – Robot session]

Nesta páxina podedes ver máis imaxes da obra “Captives” de Quayola

 


Urban Insects. Vehículos vistos desde abaixo.

A artista búlgara Yasena Popova está a traballar en tomar imaxes de obxectos desde unha perspectiva diferente á que temos costume de ver. Na súa páxina de Flickr ofrécenos unhas interesantes imaxes de vehículos vistos desde abaixo. Aquí tedes algunhas:

Non pensedes que foi fácil fotografar estes vehículos:

SAMSUNG

Podes ver a galería completa en Flickr