Teoría da diversión

A xente de Rolighetsteorin teno claro. Pódese cambiar facilmente o comportamento das persoas facendo que as cousas sexan máis divertidas. Chámanlle teoría da diversión.

Conseguiron, por exemplo, que moita xente elixise subir as escaleiras do metro a pé no canto de coller as escaleiras mecánicas, ou tamén facer que todo o mundo usase as papeleiras para tirar o lixo. Todo iso a cambio de diversión.

Escaleiras musicais: Colocaron uns sensores nos chanzos de xeito que as persoas ao pisar fan que soe unha melodía. Conseguiron un aumento do 66% no uso das escaleiras.


[youtube: Pianotrappan]

Papeleira profunda: Cada vez que se tira un obxecto na papeleira, un sensor detecta a presencia e uns altofalantes emiten un son que semella unha caída libre.


[youtube: Världens djupaste soptunna]

Uns divertidos exemplos que ilustran cómo unha mellora tecnolóxica pode cambiar o comportamento das persoas.

(Visto en alt1040)

Actualización 28/10/2009:

Tamén hai un contedor de vidro ao estilo dun xogo de arcade. Hai que atinar ben e introducir a botella polo burato que ten a luz.


[youtube: Bottle Bank Arcade]


A ciencia e a tecnoloxía españolas non necesitan tesoiras

TijerasNO_galego.jpgAnte a redución do orzamento para I+D+i que plantexa o goberno, a iniciativa da Aldea Irreductible estendeuse como a escuma por Internet: Hoxe, 7 de outubro, centos de blogues de todo o estado publican un post baixo o título “La ciencia en España no necesita tijeras” denunciando a pésima situación na que pode quedar investigación científica cunha redución orzamentaria.

Este blogue, como non, únese á iniciativa, pero non sen certos cambios. En primeiro lugar, falarei de I+D+i e incluirei a tecnoloxía, esquecidas na iniciativa inicial, que só fala de ciencia e de I+D.

Coa miña contribución tratarei de explicar que é a ciencia, que é a tecnoloxía e que é iso da I+D+i

Ciencia e tecnoloxía

A Ciencia é o conxunto de coñecementos obtidos mediante a observación e o razoamento, sistematicamente estruturados e dos que se deducen principios e leis xerais.

O campo da ciencia responde ao desexo de coñecer e comprender racionalmente o mundo que nos rodea, o que leva a investigar cientificamente os fenómenos que nel se producen. O resultado da investigación son as publicacións científicas e o incremento estruturado e sistematizado do coñecemento.

ciencia.png

A Tecnoloxía defínese como o conxunto de coñecementos e técnicas que, aplicados de forma lóxica e ordenada, permiten ao ser humano modificar a súa contorna material ou virtual para satisfacer as súas necesidades.

O campo da tecnoloxía responde ao desexo das persoas de transformar o seu entorno, buscando novas formas de resolver problemas e satisfacer as súas necesidades, o que leva a deseñar e desenvolver novos obxectos e sistemas para poñelos a disposición da sociedade.

tecnoloxia.png

Ollo ante un dos tópicos máis estendidos sobre a natureza da tecnoloxía: A tecnoloxía non é ciencia aplicada. Iso sería o mesmo que dicir que a ciencia é tecnoloxía aplicada. Vamos, que como se van estudar as partículas subatómicas sen unha obra de enxeñería coma o LHC?

As motivacións, as actividades e os produtos resultantes da ciencia e da tecnoloxía difiren substancialmente entre si, pero as relacións entre unha e outra son intensas, funcionando coma un binomio inseparable. Non é posible o desenvolvemento tecnolóxico sen o avance nos coñecementos científicos, así como tampouco é posíbel facer ciencia sen o aporte dos equipos e sistemas necesarios para a investigación. Tecnociencia é o nome que se lle dá a actividade conxunta entre ciencia e tecnoloxía nun contexto social.

I+D+i

O termo I+D+i refírese a Investigación, Desenvolvemento e Innovación tecnolóxica.

Enténdese por investigación a indagación orixinal planificada que persiga descubrir novos coñecementos e unha superior comprensión no ámbito científico e tecnolóxico. Corresponde ao campo de actividade da ciencia.

Enténdese por desenvolvemento a fabricación de novos materiais ou produtos ou o deseño de novos procesos ou sistemas de produción, así como a mellora tecnolóxica substancial de materiais, produtos, procesos ou sistemas existentes. Corresponde ao campo de actividade da tecnoloxía.

Enténdese por innovación tecnolóxica ao conxunto de actuacións tecnolóxicas, organizativas e económicas cuxo resultado sexa un avance tecnolóxico na obtención de novos produtos ou procesos de produción.

IDi-3.png

Algunhas das accións estratéxicas actuais da I+D+i en España desenvólvense nos campos da saúde, a biotecnoloxía, a enerxía, as telecomunicacións e sociedade da información, a nanociencia e nanotecnoloxía, ou o desenvolvemento de novos materiais e procesos industriais.

Unha diminución do orzamento en I+D+i non só afecta á actividade científica, senón que abrangue a ciencia, a tecnoloxía, a industria, a economía e, por suposto, a toda a sociedade.

Enténdese que en época de crise haxa recortes orzamentarios, pero se pensamos no futuro, non apostar pola educación, a ciencia e a tecnoloxía pode supoñer unha seria hipoteca para o país.

( Hashtag para seguir esta iniciativa en Twitter: #TijerasNO)

Actualización 24/10/2009:
Mª Luz Congosto realizou unha recompilación de tódolos posts unidos a esta iniciativa. Podes consultala en barriblog.com.


O camiño da innovación

É algo que xa comentei de forma sutil algunha vez neste blogue, como neste post, ou neste: a innovación non é doada, por moitas razóns, é un dos aspectos que se teñen que ter en conta no proceso tecnolóxico é aceptación do produto por parte da sociedade.

Inventos revolucionarios ao longo da historia que fixeron e fan un gran servizo á sociedade atópanse con moitas barreiras que teñen que superar. Unha delas é a conservación de usos, leis, profesións e estruturas antigas que necesariamente téñense que adaptar á nova situación.

Néstor Alonso ilústrao moi ben en Educ@conTIC
guenberg520_gal

Para reflexionar:
Cambia a imprenta por internet. Estamos ante algo que revolucionou a difusión da cultura e das ideas.

Pensa agora nas formas clásicas de difusión do coñecemento a través de libros de texto, revistas en papel, música, cine, xornais, … Internet débese adaptar á industria que os sustenta? ou dita industria debe adaptarse ás novas formas de comunicación que nos ofrece a rede? Como tería que ser esa adaptación? Como ves o futuro dos medios?

En 1º de bacharelato podemos falar sobre estas cousas, entre moitas outras, claro.


O galego presente na Ciencia e na Tecnoloxía. Mensaxe dende o CERN.

Nove destacados investigadores e investigadoras vencellados ao Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN) dan un paso adiante para rebater prexuízos lingüísticos difundindo o seguinte manifesto. (Vía: Vieiros.com)

Unha achega ao debate sobre o galego desde o CERN cern.jpg

Somos un conxunto de físicos e enxeñeiros galegos vencellados ao Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra, a día de hoxe uns dos laboratorios científicos máis importantes do mundo. Desde a distancia, levamos meses asistindo ao debate que se está a xerar sobre a posición que debe ocupar a lingua galega no noso sistema educativo. Esta cuestión está a provocar unha confrontación continua de posturas e opinións que se estende a distintos ámbitos da nosa sociedade. Se ben consideramos este debate lexítimo tamén coidamos que as posturas deben ser mantidas e defendidas desde a máis absoluta rigorosidade, a mesma pola que nós estamos rexidos nas nosas actividades científicas. E vémonos na obriga de intervir cando determinados argumentos que non seguen esta máxima aparecen por parte de persoas cunha opinión que non se restrinxe ao ámbito privado.

En declaracións ao “Faro de Vigo”, o voceiro da “Confederación das Asociacións de Pais de Alumnos de Colexios Concertados” (Congapa), José Ramón Hermida, dicía: “Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego. No podemos retroceder”. Ben, for desde a ignorancia, for intencionadamente, declaracións deste tipo resultan totalmente inadmisíbeis. E dicimos isto con coñecemento de causa, pois no noso ámbito de traballo estamos acostumados a ter conversas de alto nivel científico de temas moi diversos en galego. Nun entorno no que temos a sorte de traballar con algúns dos mellores físicos e enxeñeiros do mundo, o galego está, modestamente a través de nós, presente como vehículo de comunicación científica. E para isto é un idioma exactamente igual de válido que o francés, o alemán ou, desde logo, o castelán. Ben é certo que o galego non é empregado para as comunicacións nin publicacións científicas a grande escala, pero é necesario que se saiba que tampouco o é o castelán. A lingua franca da ciencia desde hai moitos anos é o inglés, e desde logo se algunha lle discutiu no pasado tal condición esa non foi o castelán.

O noso obxectivo con esta carta é simplemente evitar que se empreguen argumentos falsos (ou falseados) na discusión dun tema tan delicado e importante coma este. E tamén reivindicar o galego como lingua que nos identifica sen excluírnos estando como estamos lonxe da casa.

No CERN en Xenebra, a 26 de Maio de 2009

Xabier Cid Vidal, Licenciado en Física e estudante de Doutoramento – USC, experimento LHCb. Patricia Conde Muíño, Doutora en Física de Partículas, Investigadora do LIP (Laboratório de Física e Instrumentação de Física de Partículas) – Lisboa (Portugal), experimento Atlas. Daniel Esperante Pereira, Enxeñeiro de Telecomunicacións e estudante de Doutoramento na USC, experimento LHCb. Teresa Fonseca Martín, Doutora en Física de Partículas, investigadora asociada da Royal Holloway University – Londres (Reino Unido), experimento Atlas. Abraham Gallas Torreira, Doutor en Física de Partículas, investigador Ramón y Cajal na USC, experimento LHCb. Manuel Gallas Torreira, Doutor en Física de Partículas, antigo staff do CERN no departamento de Física Experimental. Marcos Mariño Beiras, Doutor en Física de Partículas, Catedrático de Física Matemática na Universidade de Xenebra (Suíza). Diego Martínez Santos, Licenciado en Física e estudante de Doutoramento – USC, experimento LHCb. Cibrán Santamarina Ríos, Doutor en Física de Partículas, investigador asociado na McGill University – Montreal (Canadá), experimento Atlas.

Grazas :-)