Repair Manifesto

repairmanifesto.pngSempre andamos a dicir que as cousas, antes de tiralas, debemos pensar en ver a posibilidade de reciclalas, pois pódennos valer para algo.

Ben, pois hoxe atopeime cun manifesto que clama “Stop Recycling. Start Repairing“, é dicir, deixa a reciclaxe e comeza a reparar.

Pertence ao colectivo Platform21, fundación creada en 2006 por ING Real Estate, o consello da cidade de Amsterdam e Premsela, plataforma holandesa para o deseño e a moda.

Creo que non se deben pelexar a reparación e a reciclaxe, e non todo o mundo ten a capacidade de reparar calquera cousa, pero o manifesto paréceme moi interesante. Vén dicir isto:

– – – –

1. Faga que os seus produtos duren máis tempo! Vamos, que non tiremos as cousas innecesariamente cando poden ter unha segunda vida.

2. As cousas deben estar deseñadas de maneira que poidan ser reparadas.
– Ás persoas deseñadoras de produtos: Facer os produtos reparables e facilitar información sobre posibles reparacións.
– Ás persoas consumidoras: Comprar cousas que poidamos reparar, ou ben pescudar a razón pola que non existen. Ser críticas e curiosas.

3. A reparación non é a substitución. (Máis ben dependerá da peza que se estrague)

4. O que non mata engorda. Cada vez que reparamos algo, aumentamos o seu potencial, a súa historia, a súa alma e a súa beleza intrínseca.

5. A reparación é un desafío creativo.

6. A reparación sobrevive á moda.

7. Reparar é descubrir. Cando reparamos aprendemos cousas asombrosas sobre o funcionamento dos obxectos.

8. Reparación, ata nos bos tempos! Non se trata de aforrar en tempos de crise, senón que é unha mentalidade.

9. Os obxectos reparados son únicos.

10. Non sexamos persoas escravas da tecnoloxía, dominémola. Se rompeu, arránxao e faino mellor.

11. Podemos reparar calquera cousa, ata unha bolsa de plástico.

Non recicles, repara!

– – – –

O produto estrela deste colectivo é a cinta adhesiva. Non podía ser outro.
cinta.png

A min o punto que máis me gusta é do 2. Hoxe en día os produtos están deseñados para usar e tirar, desapareceron os parafusos que nos permiten abrilos e remexer por dentro, e se queres abrilos na maioría das ocasións non queda outra que romper a carcasa, que vén pegada. Son malos tempos para a reparación, e xorde a necesidade dun manifesto coma este.


PlayPump

PlayPump é un tiovivo que utiliza a enerxía desbordante dos nenos e nenas para mover unha bomba que recolle auga do subsolo e a leva ata un depósito, para logo distribuíla a través de fontes á poboación.

playpump_2.jpg

Xa están instaladas máis de 1000 bombas de auga deste tipo en escolas de Sudáfrica, Mozambique, Zambia e outros países africanos, axudando non só ao acceso á auga potábel das comunidades locais, senón tamén á educación dos nenos e nenas, que antes non ían á escola porque tiñan que percorrer tódolos días varios quilómetros na procura de auga.

playpump_1.jpg

Poderíase engadir ao patio da escola outro tiovivo similar que servise para producir electricidade.

(Visto en technabob.com)


paraSITEs

Onte, falando cunhas compañeiras do frío que fai e do mal que o deben de estar pasando as persoas que dormen na rúa, acordeime dun post publicado hai pouco en inicios.es, un interesante espazo que investiga as interseccións entre a arte contemporánea e o activismo político e social.

No post en cuestión fala dos “parásitos” (paraSITEs) de Michael Rakowitz, que son construcións de polietileno, bolsas de plástico e celo que están construídas para aproveitar a enerxía calorífica que sae dos sistemas de ventilación para ofrecer un refuxio quente a quen non teña un teito para protexerse.

michaelRakowitz2.jpg

Rakowitz repartiu diversos prototipos a máis de trinta persoas sen fogar en Boston e New York provocando dúas reaccións interesantes. Por unha banda, algúns usuarios vírono como un modo de reclamar o seu lugar na cidade. Por outro, o resto de veciños comezaron a temer que os parásitos reproducísense dada a súa evidente utilidade, o número de persoas sen fogar nestas cidades e o sinxelo do sistema.

MichaelRparaSITE.JPG

Paréceme unha interesante intervención tecnoartística de aproveitamento enerxético, e unha forma útil (polo menos para os “senteito”) de chamar a atención sobre unha realidade social.


2009: Ano Europeo da Creatividade e da Innovación

A Comisión Europea propuxo que o 2009 sexa o Ano Europeo da Creatividade e da Innovación.

A creatividade e a innovación son fundamentais para responder efectivamente aos desafíos, problemas, oportunidades e cambios. Necesítanse aptitudes e competencias que permitan ás persoas percibir o cambio como unha oportunidade, e estar abertas a novas ideas que promovan a innovación e a participación activa nunha sociedade culturalmente diversa.

Foro de debate: Matan as escolas a creatividade?

Intentemos este ano crear e innovar un pouco máis, sen esquecernos de compartir, pois as ideas cobran vida en canto son compartidas.

Vídeo: Pensamos…


Fenda robótica?

brecha-robotica.jpgUn artigo de hoxe en SINC fala dunha posíbel fenda robótica nun futuro:

“Investigadores españois realizaron un estudo prospectivo sobre o impacto social dos robots no futuro. As conclusións destacan que en 12 anos os robots terán unha capacidade de automatización e interacción cos humanos tan grande que causará un desequilibrio tecnolóxico entre quen posúan ou non unha ferramenta deste tipo.”

Os robots abrirán unha nova fenda robótica do mesmo xeito que ocorreu co acceso a tecnoloxías como Internet?

Non creo que en 12 anos se produza ese desequilibrio, polo menos a nivel particular (non industrial), xa que aínda queda moito por evolucionar no mundo da robótica e da intelixencia artificial.

Xa veremos nuns anos como é a cousa, pero de momento aquí vai o artigo completo para a reflexión.

Outro artigo para a reflexión: Creatividade, innovación e robótica, de Alejandro Alonso Puig.