5 anos no blogomillo

Este mes tecnoloxia.org cumpre 5 anos, así que imos celebralo cun pastel caseiro:

Teño que dar as grazas a dinahosting por patrocinar o aloxamento de tecnoloxia.org e sobre todo agradecer aos seus lectores e lectoras.

Supoño que, cos seus altibaixos no ritmo de publicación, este sitio seguirá en marcha uns cantos anos máis.

Moitas grazas por acompañarme :-)


Contidos de electricidade

circuito12
Relé de enganche. Preme nos pulsadores!

Desde que comezou o curso recibín correos e mensaxes de varios profesores e profesoras que botaban de menos os contidos de electricidade que tiña aquí antes das reformas. Desculpade polo trastorno, e aviso de que xa están de novo dispoñibles. A verdade é que como non dou clase este ano a 2º e 3º de ESO non me din moita présa.

Podedes acceder desde o menú superior: Electricidade

Tiña pensado revisalos con maior profundidade e cambiar algunhas cousas, pero dado que hai xente agardando por eles decidín deixalo como estaba e o único que fixen foi corrixir uns problemas que daban algúns scripts co navegador chrome. Penso que agora xa funciona ben, pero se vedes algún problema avisade.

pulsadorNA pulsadorNC

Rede social Tecnoprofes

Despois de meses probando diferentes servizos gratuítos que non convencían a ninguén, o profesorado de tecnoloxía volve á súa rede orixinal en ning: Tecnoprofes http://tecnoprofes.ning.com.

Isto é posible grazas a Microlog, que se ofreceu a patrocinarnos.

Agardamos que sexa un recurso de utilidade para todo o profesorado de tecnoloxía.

·
Noutra orde de cousas, veredes que o deseño de tecnoloxia.org está a mudar. Aínda está en obras, polo que poderedes botar en falta alguns contidos, que agardo que estean dispoñibles en pouco tempo.

Bo curso!


Revoltallo de termos. A tecnoloxía en Galego.

Xa está en marcha a “Xornada pola Ciencia e a Tecnoloxía en Galego” do 4 de novembro, unha xornada dirixida dende o ensino a toda a sociedade galega, para defender a idoneidade do uso do galego nas áreas científico-tecnolóxicas, comunicarlle á sociedade o orgullo de expresar ciencia e tecnoloxía en galego e divulgar experiencias científicas e tecnolóxicas pensadas e desenvolvidas en galego.

En coordinación coa CENDL e apetega, tecnoloxia.org súmase coa actividade “Revoltallo de termos. A tecnoloxía en Galego“, iniciativa que pretende dar a coñecer e difundir vocabulario técnico existente na nosa lingua, perfectamente válido para expresar e difundir tecnoloxía.

cartaz

Nunha primeira fase calquera persoa pode participar a través dun formulario aportando aquela terminoloxía en galego utilizada no campo da tecnoloxía. Animádevos a participar!

Nunha segunda fase, coincidindo coa celebración da Xornada pola Ciencia o 4 de novembro, poderá utilizarse este léxico recollido nas actividades que se organicen en cada centro de ensino. Hai algunhas propostas, e vós tamén podedes participar enviando as vosas suxestións.