Ligazóns

ligazónsPodedes consultar a relación de ligazóns relacionadas co ensino da tecnoloxía clicando en “Ligazóns” no panel lateral esquerdo.

Se vedes que falta algunha interesante podedes engadila na categoría correspondente.

Tamén podedes subscribiros co RSS RSS das ligazóns para ver as últimas novidades introducidas.

Pouco a pouco, cada vez somos máis os profesores e profesoras de tecnoloxía que publicamos na rede o material que temos feito, apuntes, prácticas e proxectos. Cada aportación, por pequena que sexa, contribúe a enriquecer a rede, a ampliar biblioteca virtual de recursos para a área e a dar a coñecer o noso traballo na educación secundaria.

Se aínda non tes nada publicado, anímate!

(Imaxe obtida de Sincita)


Nova sección de control e robótica

robot LEGOAbrín hai pouco unha nova sección de control e robótica, á que podedes acceder dende o panel lateral esquerdo. Aínda está incompleta, pero irei ampliándoa pouco a pouco cando vaia atopando tempo, e centrareime en principio nos contidos de robótica con LEGO, en consonancia co material do que dispoñemos para traballar esta parte do currículo.

Tamén podedes ver unha nova ligazón: Robot-Ingenio. É un blogue no que participamos os catro institutos que estamos no proxecto de robótica que empezamos a poñer a andar este curso. De momento aínda estamos subindo as fotografías e vídeos de presentación, pero iremos subindo proximamente outra información sobre como van transcorrendo as probas.

Mañá nas VIII Xornadas de Tecnoloxía de Galicia impartirei o obradoiro “Robots en acción”, así que se alguén desexa probar a programación de robots LEGO pode apuntarse (máximo 12)


Proxectos de electrónica

nivel de augaNeste segundo trimestre empezarei cos proxectos en 4º de ESO. A intención é que apliquen os circuítos electrónicos que estivemos vendo na primeira avaliación. Aproveitando que fan os proxectos traballarán tamén o debuxo asistido por ordenador.

Na sección de “prácticas e proxectos” de electrónica incluín algunhas propostas, e irei engadindo máis cando vaia atopando algo de tempo. Son propostas que lles fixen estes anos anteriores. Este ano teño outras propostas, e os rapaces tamén fanme as súas, pero antes de publicalas aquí quero ver que tal funcionan.

As propostas de automatismos electrónicos analóxicos poden resultar algo engorrosas, sobre todo sabendo que dispoñendo de controladoras sería moito máis doado conseguir os mesmos resultados. É bastante lamentable que non teñamos nos centros dotación de control e robótica cando estes contidos están no currículo dende o 2001, e máis sabendo que somos a única comunidade autónoma na que non se actualizou a dotación para a área de tecnoloxía neste sentido. No meu centro temos sorte, xa que grazas á axuda para agrupacións entre centros que nos dá o MEC imos poder mercar robots LEGO. Pero bueno, ese será outro capítulo.

Se alguén ten algunha proposta de proxecto de electricidade ou de electrónica e quere compartila, pódema enviar para incluíla neste web. Indicarei, por suposto, a autoría da mesma.


Relé con encravamento

Engadín unha nova páxina na sección de propostas de proxectos de electricidade: Relé de enganche ou con encravamento. Este circuíto é moi versátil: modificando a saída, a activación da entrada e do desenganche mediante diferentes dispositivos e circuítos podemos deseñar unha gran variedade de proxectos. Nesta sección só inclúo algunhas ideas e proximamente incluirei algún vídeo no que se amose o funcionamento. Cando complete a sección de proxectos de electrónica engadirei outros circuítos con relés activados por sensores electrónicos, pero iso será máis adiante.

Na didáctica da electricidade en tecnoloxía hai algo que me parece moi importante: o alumnado ten que deseñar os circuítos axeitados para os seus proxectos, polo menos en parte, modificando a saída, engadindo un circuíto sinxelo que o complete (luces, son, etc.), ou combinando entre si varios esquemas preestablecidos. Se lles damos todo feito creo que se perde a esencia do proxecto en tecnoloxía, o deseño.

Clica no pulsador normalmente aberto para enganchar o relé. Clica no pulsador normalmente pechado para desenganchalo:
alarma

pulsador NO pulsador NC

2º premio!!

premios No DOG de hoxe, martes 18 de decembro, saíu publicada a resolución dos Premios a Recursos Educativos para a Sociedade da Información 2007. O traballo “Tecnoloxía na Educación Secundaria” recibe o segundo premio na modalidade de materiais curriculares web.

Cando presentei este recurso en setembro, apenas tiña publicadas unhas poucas novas no blogue e as seccións e “electricidade” e “o ordenador”, e a verdade é que dubidaba de que concederan o premio a un proxecto con licenza creative commons, aberto e dinámico e que xa estivera circulando na rede, xa que ata agora os contidos premiados foron sempre materiais pechados, de moita calidade, pero que apenas se actualizaban posteriormente. Entendo esta resolución coma un incentivo para a elaboración de materiais abertos e dinámicos, en consonancia coa web 2.0 actual, e non estaría mal unha actualización das bases da convocatoria neste sentido.

Pois nada, que estou encantada de que se recoñeza este traballo con este premio, pero é máis satisfactorio para min saber que os recursos de tecnoloxia.org están a usarse por alumnado doutros centros e que resultan útiles para o profesorado, pois esa é a intención deste sitio, que seguirei actualizando pouco a pouco.

Parabéns ao resto de gañadores e gañadoras. Non vos perdades o primeiro premio: A auga, aplicacións enerxéticas na Galicia preindustrial, de Antonio Lomba.