apetega-t!

Es profe de tecnoloxía en Galicia? Pois, a que esperas?, apetégate!

A Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia (APETEGA) vén de lanzar unha campaña de captación de novos socios e socias: APETEGA-T!

Non podo facer outra cousa que recomendarvos que vos asociedes. Eu levo en apetega practicamente desde os inicios da asociación, alá polo ano 2000, e gran parte do que teño feito no meu traballo foi posible grazas á apetega, unha comunidade de docentes na que se aprenden moitísimas cousas, coa que compartir materiais e recursos, resolver dúbidas, analizar a situación do ensino e coa que loitar por unha educación tecnolóxica de calidade. Fai boa falta que apetega siga funcionando co dinamismo que a caracteriza, e para iso fai falta xente nova que aporte o seu gran de area para seguir medrando.

Non o dubidedes, apetegádevos!


Alimentación dos motores e servos e Arduíno

Se fedellando co teu Arduíno tiveches algunha vez a tentación de conectar directamente un servo á placa, mellor non o fagas.

[from intructables]

Por que?

Cando un servo ou motor comeza a moverse necesita máis intensidade de corrente que cando xa está en marcha, o que provoca unha caída de tensión na placa no caso de estar alimentado a través dela.

Se só imos conectar un pequeno e único motor ou microservo e non lles imos dar moita tralla a alimentación dos mesmos pódese realizar a través da placa Arduíno. Porén, se vas utilizar varios motores e servos de maior consumo cómpre utilizar unha alimentación externa para os motores, xa que se non pode suceder que:

  • o alto consumo de corrente dos motores faga que o programa non funcione correctamente ou incluso pode facer que se reinicie o Arduíno.
  • pódese danar a placa Arduíno polas correntes de retorno que se poden producir.

[CC By-SA BQ]
Niso temos experiencia os que participamos cos printbots de BQ na competición da Universidade de Vigo do 2015. Despois de estar o robot un tempo seguindo unha liña a placa paraba de súpeto e había que reiniciala. No segue-liñas os servos de rotación continua estaban arrancando e parando continuamente, facendo un consumo moi elevado de corrente da placa.

Posibles solucións

Alimentación externa

Nesta imaxe podes ver como se faría directamente. Lémbrate de xuntar a masas do alimentador externo e a do Arduíno.

[tecnoloxia.org CC By-SA]

Aquí conectamos varios servos:

mearm_wiring

No caso de usar un controlador de motores ou un controlador de servos utiliza os pins axeitados para a alimentación externa consultando as especificacións dos controladores.

Condensador

Se non queres utilizar alimentación externa, outra opción é conectar un condensador de 470 μF ou maior en paralelo cos pins de alimentación do servo. Desta maneira o servo cada vez que arranca utiliza a carga almacenada no condensador e non demanda tanto da placa, evitando que se reinicie. Ollo coa polaridade do condensador electrolítico: a pata grande sempre ao positivo.

Isto non vai ser suficiente se utilizas varios servos simultaneamente, pois a demanda de corrente da placa nese caso será moi elevada, e será mellor utilizar alimentación externa.

[tecnoloxia.org CC By-SA from Fritzing]
Se queres saber máis sobre como conectar e controlar motores e servos a un Arduíno podes consultar as prácticas de motores e servos.