Cheguei! O meu novo enderezo: 67P!

Despois de 10 anos, 6500 millóns de quilómetros e unha aterraxe de vertixe a 66000 km/h a sonda Philae Lander (@Philae2014) celebrou deste xeito que xa está sobre a superficie do cometa 67P despois de ser liberada pola sonda Rosetta (@ESA_Rosetta):

A ciencia e a tecnoloxía traballando xuntas producen estes magníficos resultados. Parabéns á Axencia Espacial Europea!

Esperemos que a sonda quede ben suxeita e non haxa problemas para que poida realizar o seu traballo: recoller mostras e datos que permitan estudar profundamente o cometa para achegarnos máis á orixe do Universo.

Unhas fotos:

phialae-desnte-zoom-870x415
B2QjXxgIUAA4JTa.jpg:large

Máis fotos aquí

O “son” no cometa:

[soundcloud: A Singing Comet]

O cometa parece estar emitindo unha “canción” en forma de oscilacións no campo magnético na contorna do cometa, parece ser que producidas pola liberación de partículas neutras que se ionizan no espazo. Para facer esta música audible para o oído humano multiplicáronse as frecuencias por 10.000. Tedes aquí máis información sobre a procedencia dese son.

Unha explicación:

[youtube: Explicación da Misión Rosetta dende a USC]

Unha canción:

Non ten que ver coa misión, pero imos poñela para celebrar o acontecemento:

[youtube: Love of Lesbian – Houston, tenemos un poema]

Máis información:


17 de maio: Día das Letras Galegas, día de Internet

Hoxe, lamentablemente, temos unha mala nova: O galego perde peso en Internet. A porcentaxe da lingua galega do total de idiomas utilizados na Rede reduciuse á metade no último ano. Iso é o que contan en gciencia.com.

De tódolos xeitos, penso que non é doado coñecer certamente cando se está a utilizar galego ou non en internet, pois depende de como o identifiquen. Pensade, por exemplo, no galego que usa google no seu tradutor, que nada se parece á nosa lingua. Ou lembrade cando puñan o galego coma un dos idiomas máis utilizados en twitter, confundíndoo co portugués. Unha pequena frase escrita en galego en twitter, por exemplo, pode identificarse perfectamente nalgúns casos co castelán e outros co portugués. Realmente identifican co galego todas as frases escritas en galego?

Con todo, o galego na rede está moi pouco presente, moito menos do que debería, e só hai unha maneira de amañalo, que é usar o galego en todas as comunicacións que se realicen en internet. Por que non? Merecémolo!

Feliz día!

[Feito con bitstrips]


Aninovo

Velaquí vén un novo ano!

No 2013 deixeivos elixir a cor do ano en hexadecimal, e paréceme a min que lle destes moito ao negro, polo menos así foi o ano en educación e en moitos máis ámbitos.

Para o 2014 vou pedirvos de novo que elixades a cor do ano, pero esta vez en RGB, a ver se así sae mellor e lle damos a volta a moitas cousas que quedaron moi escuras.

Para facelo tedes que introducir o código RGB (RedGreenBlue) elixindo un número entre 0 e 255 para cada unha das cores (vermello, verde e azul).

Por exemplo, a cor que se carga por defecto ten o código: R=64 G=127 B=160

Para saber máis:

 

Pois iso:

Feliz 2014!

#NonSenEvidencia

Vender homeopatía nunha farmacia é como vender alí auga bendita. Quen queira crer nos milagres e nos santos é moi libre de facelo, pero que sexa o propio Ministerio de Sanidade quen abra as portas as pseudociencias deixando que os produtos homeopáticos se vendan como se fosen medicamentos eficaces paréceme aberrante.

Aínda que saia da temática deste blogue, apoio a iniciativa #NoSinEvidencia coa publicación do seu manifesto:


A evidencia científica é unha das pedras angulares nas que se asenta a medicina moderna. Isto non sempre foi así: durante anos empregáronse tratamentos médicos sen comprobar previamente a súa eficacia e seguridade. Algúns foron efectivos, aínda que moitos tiveron resultados desastrosos.

Non obstante, na época da historia da humanidade na que máis coñecementos científicos se acumulan, existen aínda pseudo-ciencias que pretenden pasar por disciplinas próximas á medicina e chegar aos pacientes sen demostrar ningunha efectividade nin seguridade.

Os asinantes deste manifesto, profesionais sanitarios e doutras ramas da ciencia, xornalistas e outros, somos conscientes de que a nosa responsabilidade, tanto legal coma ética, consiste en achegar o mellor tratamento posible aos pacientes e velar pola súa saúde. Por iso, a aparición nos medios de comunicación de noticias sobre a apertura dun proceso de regulación e aprobación de medicamentos homeopáticos preocúpanos como sanitarios, científicos e cidadáns, e cremos que debemos actuar ao respecto. As declaracións da directora da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) asegurando que “non todos os medicamentos homeopáticos teñen que demostrar a súa eficacia” e que “a seguridade non se ten que demostrar con ensaios clínicos específicos” non fan senón aumentar a nosa preocupación.

Polo tanto, solicitamos:

  • Que non se aprobe ningún tratamento que non demostrase, mediante ensaios clínicos reproducibles, unhas condicións de eficacia e seguridade polo menos superiores ao placebo. A regulación duns supostos medicamentos homeopáticos sen indicación terapéutica é unha grave contradición en si mesma e debe ser rexeitada. Se non está indicado para nada, para que hai que empregalo?.
  • Que a AEMPS retire da comercialización aqueles fármacos, de calquera tipo, que malia ser aprobados, non demostrasen unha eficacia maior que o placebo ou que presenten uns efectos adversos desproporcionados.
  • Que o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e o resto de autoridades sanitarias persigan aquelas empresas que atribúen aos seus produtos calidades curativas ou beneficiosas para a saúde sen demostralo cientificamente.
  • Que o Consello Xeral de Colexios de Médicos de España / Organización Médica Colexial, en cumprimento do artigo 26 do Código de Deontoloxía Médica, desaprobe aos facultativos que prescriban tratamentos sen evidencia científica demostrada.

 

Un par de artigos para ampliar información: