tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Chocolate solar

Hoxe recibimos o verán facendo chocolate no patio con dúas cociñas solares.

A primeira é do tipo Fun-Panel, e fixérona o curso pasado os alumnos e alumnas de 3ºPDC, así que xa é coñecida no insti. A partir duns paneis de polipropileno celular fíxose a estrutura seguindo un modelo, forrouse con papel de aluminio utilizando silicona como cola, e lista!

cocinha_solar1.jpg

O segundo modelo que estreamos este ano utiliza unha antena parabólica de telecomunicacións. Só houbo que forrala con papel de aluminio, atopar o foco e buscar un soporte para a pota para mantela no punto correcto, iso si, revisando a posición cada certo tempo, xa que ao moverse o Sol o foco cambia de lugar.

cocinha_solar2.jpg
(Nesta foto xa lle quitáramos á pota o plástico envolvente e, aínda que pareza que non, é negra.
A cor brillante da pota é o reflexo da luz concentrada nela)

En dúas horas as cociñas chegaron aos 100ºC, así que houbo que separar as potas de chocolate e poñelas á sombra mentres non chegaba a hora á que quedamos para a chocolatada.

Para quecer o chocolate aproveitamos o que sabemos sobre a transmisión de enerxía calorífica e buscamos estes efectos:

Colector_parabolico.jpg1. Concentración:

A enerxía térmica transmítese do Sol á Terra por radiación, é dicir, en forma de ondas electromagnéticas. As cociñas funcionan como concentradores solares, facendo que toda a radiación que chegue a elas se concentre nun punto ou superficie pequena. É alí onde colocamos a ola.

Seguro que tamén sabedes que o negro absorbe moi ben as radiacións, así que por iso pintamos as potas de negro.

2. Acumulación:

esquemaInvernadoiro.jpgInterésanos que a enerxía térmica non escape do chocolate para que se vaia acumulando e vaia aumentando a súa temperatura. Para iso puxemos unha bolsa de plástico (polipropileno) rodeando cada ola, de xeito que no interior prodúcese o efecto invernadoiro. O aire quente circulará por convección no interior da bolsa.

A bolsa con aire no seu interior tamén fai de elemento illante, evitando que a enerxía térmica escape por condución.


2 Comments

  1. Muy interesante la experiencia y parece fácil de hacer. Habrá que probar

  2. Pois anímate, Lucía, pois si que é doada de facer e o resultado é moi rico!

Deixa unha resposta

Required fields are marked *.