Un uso salientable do Scratch é a música. Escribir e analizar melodías é un proceso similar a escribir e analizar código. Algunhas das múltiples posibilidades da música coa programación poden ser:
- Xerar música combinando sons, notas, acordes, …
- Escoitar os mesmos acordes e melodías con instrumentos distintos.
- Visualizar a partitura ao mesmo tempo que se executa a música (a visualización pode ser interactiva, con animacións, …)
- Crear e/ou incluír música e voz nunha narración textual e/ou visual.
- Crear e/ou incluír música nun xogo.
Esta proposta está dirixida principalmente ao profesorado de música. Imos facer que o alumnado exercite os conceptos básicos musicais de ton e semitón, xogando a compoñer un piano, primeiro desafinado e despois totalmente destruído. Unha vez traballados eses conceptos propoñemos a realización dun xogo no que exercitemos o oído en detectar sons máis agudos ou graves e frases musicais.
O piano desafinado:
O piano caeu ao mar e pasou tanto tempo nel que desafinou. Toca o piano e atopa as notas desafinadas. Mestura o programa e cambia o código. Converte este piano nun órgano cambiando o instrumento que se está a tocar. Escolle o que máis che guste ou anímate con varios.
Ademais, imos exercitarnos na depuración do programa corrixindo os seguintes erros:
- Cámbialles o nome ás teclas para que representen o nome das notas en galego.
- Pon a cero cada tecla, indicándolle a cada unha as coordenadas onde deben estar ao comezo do programa.
[Scratch:Piano no fondo do mar]
O piano está desafinado. Descobre que teclas precisan da túa afinación.
Estragouse o piano
Desta vez o piano non resistiu o afundimento. Serás quen de volvelo ensamblar para que sexa un piano de verdade? Mestura o código e arranxa o piano.
[Scratch: Estragouse o piano]
Podemos converter esta programa nun xogo. Deseña un xogo no que as teclas estean repartidas aleatoriamente polo fondo do mar e haxa que colocalas en orde (Terás que empregar os sensores de estar en contacto con outros obxectos).
Fai un xogo co piano
O que che propoñemos agora é que fagas un xogo no que o público exercite o seu ouvido musical. Velaquí dous xogos feitos por nós, podes adaptalos, cambiando as cancións ou facer un novo xogo:
Parabéns para ti
Neste xogo debes tocar a canción de aniversario “Happy Birthday to you”, comezando pola primeira tecla. Estuda o código e engade as seguintes opcións:
a) Muda o escenario e fai bailar o polbo na versión final da canción.
b) Engade algunhas pistas polo medio, cando as persoas se equivoquen.
c) Un pouco máis difícil: Cambia a canción e fai un novo xogo coas primeiras notas dela.
[Scratch: Parabéns para ti]
Preme na bandeira verde para comezar. Terás que ser quen de tocar as primeiras seis notas da famosa canción de aniversario. Se te equivocas terás que volver empezar.
A rianxeira
Neste xogo o que tes que facer é ordenar as diferentes frases musicais da famosa canción “A rianxeira (Ondiñas veñen, ondiñas veñen…). Se consegues ordenalas poderás escoitar a canción completa.
[Scratch: A rianxeira]
Preme nos animais e escoitarás unha frase de A rianxeira. Ordénaas e conseguirás escoitala completa.