Animacións e historias interactivas

Scratch é unha ferramenta fantástica para facer animacións e historias interactivas, o cal pode ser interesante para as materias de Educación Plástica e Visual e para as áreas de linguas. Pódense crear narracións, poemas, escenas ou pinturas que inclúan música, movemento e interactividade. Isto último é o máis importante, pois é o que diferencia unha animación feita con scratch doutros formatos como as presentacións e vídeos. A escena transcorrerá, dun modo ou outro, en función dos sinais procedentes do exterior a través do teclado, rato, micrófono ou vídeo; ou tamén podemos introducir variables aleatorias, de xeito que os elementos non se moverán sempre desde os mesmos puntos ou nos mesmos espazos de tempo.  Aquí tes algúns exemplos:

Mariscadoras

Esta proposta consiste en crear unha escena relacionada coa pesca ou marisqueo na costa galega. A partir dunha tormenta de ideas elíxense as que máis nos gustan, que se deberán desenvolver cumprindo unha serie de condicións.

Escenario inicial:

Por exemplo, nunha escena de mariscadoras recollendo ameixas na praia, pídese que a persoa espectadora sexa quen semente as ameixas na praia, facendo clic na area. Deséñase o escenario e código inicial, e a partir del establécense unha serie de propostas de mellora.

[Scratch: Mariscadoras (Proposta)]
É tempo de sementar ameixas nas praias para apañalas gordiñas no mes de outubro. Fai clic na area da praia para sementalas.

Propostas de mellora:

  • Só deberán aparecer ameixas na area e non no mar nin no ceo.
  • As ameixas que sementes deben ser pequenas e, conforme pasa o tempo, van medrando.
  • As ameixas serán máis pequenas e deberán verse menos nítidas canto máis lonxe se atopen.
  • Despois dun tempo aparecerán mariscadoras a recoller cada ameixa

Posible solución:

[Scratch: Mariscadoras]
É tempo de sementar ameixas nas praias para apañalas gordiñas no mes de outubro.
Fai clic na area da praia para sementalas. Irán medrando pouco a pouco e despois dun tempo chegarán as mariscadoras a recollelas.

Esta é só unha solución posible, pero caben moitas outras. Pódense utilizar outros fondos de escenario, introducir novos elementos, como un sol ou un barco de pesca, simular o día e a noite, e o que se queira. Podemos facer tamén que primeiro medren todas as ameixas e despois vaian as mariscadoras apañalas todas xuntas. Hai miles de opcións.

 

Recollendo percebes

Este é outro traballo de animación dunha escena relacionada co traballo no mar:

[Scratch: Recollendo percebes]
Os percebes reprodúcense automaticamente pola rocha. Despois van aparecendo percebeiros e percebeiras a recollelos entre as ondas do mar.
A choiva segue a posición do cursor. De cando en vez aparece unha gaivota pousada nas rochas. Se queres que aparezan máis, preme no espazo.

 

 


Deixa un comentario