Creacións para Educación Infantil

Scratch está deseñado para ser utilizado a partir dos 8 anos de idade, pero a rapazada de menor idade, con axuda dos maiores, tamén pode ter as súas creacións. Por exemplo, pódense crear xogos e animacións interactivas nos que os protagonistas sexan debuxos feitos polos propios nenos e nenas. Tamén nós, como mestras e mestres, podemos deseñar e crear animacións relacionadas coa contorna máis próxima do alumnado ou con datas e eventos especiais, adaptándonos mellor ás súas necesidades que utilizando animacións xenéricas feitas por editoriais e empresas.

Aquí mostramos uns exemplos de creacións en Scratch para os pequenos e pequenas da casa:

Debuxos animados

Child_art_momPodemos utilizar debuxos do propio alumnado para realizar unha animación interactiva ou incluílos como os protagonistas dun xogo. A idea é que sexa o alumnado o que deseñe os sprites e decida as accións que van realizar, e así, con axuda da súa mestra ou mestre, fagan a súa creación en Scratch.

Neste exemplo só incluímos algo de movemento e efectos ao debuxo orixinal, pero pódense facer miles de cousas máis cos debuxos dos nenos e nenas.

[Scratch: Mom]
Move a mamá utilizando as frechas do teclado. Tamén podes facer que salte premendo no espazo.

 

Banco de peixes de cores

Este programa foi un encargo dunha mestra que traballa en educación infantil. Quería un xogo para aprender as cores e a contar utilizando peixiños e o que segue é o resultado. Animádevos a deseñar e poñer a funcionar a vosa propia idea!

Pesca libre:

O que programamos inicialmente foi facer que fosen aparecendo peixes de cores pola parte esquerda do escenario e, cada vez que facemos clic nun deles, aparece un anzol a pescalo. Durante o xogo vai facéndose reconto dos peixes que aparecen, dos peixes de cada cor que pescamos e da cantidade total de peixes pescados. Podes ver o código explicado na propia animación.

[Scratch: Peixiños de cores]
Fai clic en cada peixe para pescalo. Na parte superior irá facéndose reconto dos tipos de peixes que se van pescando.

Eliximos pesca libre ou selectiva

Nunha segunda versión engadimos a opción de facer unha pesca selectiva: Alguén vai indicándonos a cantidade de peixes dunha determinada cor que quere que se pesquen, e cada vez que se cumpre esa condición volve preguntar, así ata 5 veces.

[Scratch: Peixiños de cores II]

Máis ideas?

Se tes máis ideas e exemplos de utilización de Scratch en Educación Infantil podes dalas a coñecer a través desta páxina.

 


Deixa un comentario