Diagramas de fluxo e pseudocódigo

Aínda que non as incluamos como ferramentas básicas de avaliación, si podemos afirmar que son moi útiles, en especial nas fases iniciais da programación. Pero tamén é importante saber cando é pouco útil ou innecesario utilizalas. As dúas poden utilizarse como ferramentas de avaliación nos pasos iniciais da resolución dun problema ou tarefa e a mellor forma é utilizalas inicialmente a través de tarefas breves e pechadas. Vexamos as súas características:

Pseudocódigo:

aval_pseudocodigoConsiste en secuenciar a proposta de solución dun problema nos pasos máis elementais posibles. Dependendo do nivel poderá utilizarse unha linguaxe máis ou menos técnica. Cada paso poderá corresponderse posteriormente cunha liña de código ou cun bloque.

Cando parte do problema non sexa secuenciable polo alumnado, por descoñecemento inicial da posible solución, pode substituírse polos pasos que dar  na busca de solución (método de heurística).

Pode usarse o pseudocódigo como ferramenta de control para “autorizar” a usar o ordenador (en especial, nos traballos en grupo). O seu uso é recomendado nos cursos baixos (Primaria, 1º ESO) e, de feito, é unha ferramenta que se aplica: en matemáticas, nos exercicios que piden escribir os pasos que se deben dar para solucionar un problema; en Tecnoloxía, para describir os pasos necesarios na construción dunha peza.

Este método pode ser fatigoso ou pouco operativo para procesos complexos: nos que interveñan variables, estruturas condicionais non obvias, etc.

Diagramas de fluxo

aval_diagramafluxoConstitúen unha ferramenta habitual na aprendizaxe da informática e da programación. O seu uso está recomendado para cursos superiores a 1º ESO, pois obriga a aprender unha serie de símbolos e normas. De feito, pode non ser aconsellable se só imos traballar a programación a un nivel básico incluso en cursos superiores.

O diagrama debería facerse despois de ter escrito o pseudocódigo, pero en tarefas sinxelas substitúe directamente a este (o diagrama de fluxo é a versión gráfica do pseudocódigo), coa vantaxe de que no diagrama cada paso se corresponde directamente cun bloque ou liña de programación.

É a ferramenta ideal para poder desenvolver e corrixir programas complexos ou buscar erros na estrutura unha vez iniciada a escritura de código.

Un posible método para aprender a usar esta ferramenta é coller o código de programas rematados e mandar facer o diagrama de fluxo.

 


Deixa un comentario