Para tarefas de programación abertas ou traballos en grupo en xeral, agás que sexan curtos, é interesante unha ferramenta que obrigue a recoller por escrito todos os aspectos relevantes do proceso seguido.
Memoria do proxecto
Nos traballos en grupo, o profesorado de Tecnoloxía adoita utilizar como ferramenta de avaliación a memoria do proxecto: Un documento que recolle todo o proceso seguido, os recursos utilizados, o reparto do traballo, problemas atopados, etc.
Esta ferramenta serve para a autoavaliación (O alumnado ten que reflexionar cando escribe sobre a marcha do proceso e os puntos marcados serven como guía do proceso de reflexión) e para a heteroavaliación, aínda que xa utilizamos as rúbricas, deberiamos entregalas como parte da memoria.
Nunha memoria estándar podemos incluír:
- Título e descrición do proxecto (enunciado do problema/proposta de traballo).
- Compoñentes do grupo, recursos de partida, distribución do traballo.
- Proposta/s de solución (pseudocódigo, diagrama de fluxo, modelo de análise do problema).
- Pasos seguidos na creación (personaxes, fondos, bloques de códigos que realizan tarefas concretas…).
- Erros ou defectos sen solucionar.
- Recursos alleos incorporados ao programa (citando fontes).
- Posibles melloras do resultado final.
Diario do programa
Se non se quere un documento tan detallado como a memoria, enfocado moitas veces de cara á finalización da tarefa, máis que ao proceso, pode optarse polo diario do programa: un documento ou conxunto de notas que recolle parte do proceso seguido pero sen a obriga da entrega formal.
Nos traballos en grupo en especial, ademais dun documento de análise da solución é útil ter un espazo onde recoller erros, posibles melloras, traballo pendente de revisar, etc. No propio espazo de escritura do código é onde se poden ir facendo anotacións, tanto da descrición do código realizado coma dos atrancos previstos.