Dr. Scratch

Velaquí unha magnífica ferramenta de avaliación automática de proxectos Scratch: Dr. Scratch

Para proceder á análise dun proxecto na aplicación Dr. Scratch podedes introducir directamente o enlace ou cargalo desde o voso computador. A ferramenta comprobará se existe código que nunca chega a executarse, se a sincronización dos personaxes mediante mensaxes é correcta, se se inicializan de forma adecuada os atributos dos obxectos, se existe código repetido nos programas dos distintos personaxes e se o nomeado dos obxectos é significativo, outorgando un valor en función do nivel acadado en relación á capacidade de abstracción, o pensamento lóxico, a sincronización, a paralelización, o control de fluxo, a interactividade co usuario e a representación da información.

Avísanos ademais de posibles cuestións a revisar, como scripts duplicados, nomes, código morto ou atributos de inicialización. Desta maneira o alumnado poderá autoavaliar os seus proxectos facilmente, detectando onde están os posibles erros e mellorando os programas de forma autónoma.

Aínda que Dr.Srcatch sexa unha aplicación de gran axuda, non se debe utilizar como único elemento de avaliación, pois non avalía aspectos como a orixinalidade, a estética, o traballo en equipo, a consecución dos obxectivos a alcanzar cos proxectos, etc. Por exemplo, podemos obter unha excelente puntuación coa ferramenta Dr.Scratch, pero se o proxecto non se axusta aos requirimentos preestablecidos non se podería aceptar como unha puntuación válida, así que non queda outra que combinar esta aplicación con outros métodos, como os descritos no apartado de avaliación desta web (rúbricas, carnés de cefalópodo, etc.)

Tamén hai que ter en conta as características do proxecto e desagregar a puntuación nos diferentes conceptos en función das características do mesmo. Por exemplo, se a tarefa non require interactividade co usuario non cómpre ter unha puntuación positiva nese concepto.

Agradecemos á Comunidade Programamos por poñer á nosa disposición esta útil e interesante ferramenta para scratchers.

 


Deixa un comentario