Traballando Online
Unha das maiores vantaxes que supón o uso de Scratch como linguaxe de programación na educación é a marabillosa comunidade que hai detrás, que podes atopar en http://scratch.mit.edu. Nela poderás atopar os xogos e programas que os usuarios e usuarias comparten, ver o seu código e mesmo mesturalo, creando unha copia do mesmo na túa conta. Todos os xogos compartidos teñen licenza creative commons cc-by-sa , o que facilita a transmisión da cultura e o máximo aproveitamento dos recursos. Ademais está dispoñible en infinidade de idiomas, entre os que está o galego.
Crear unha conta é moi sinxelo, pois só tes que premer no botón . Na nova conta creada podes programar e gardar os teus xogos, mesturar e modificar os interesantes e mesmo descargar o teu proxecto no ordenador para seguires traballando sen conexión.
Os novos “scratcheadores” teñen practicamente todos os privilexios dos menos recentes, agás o de empregaren as variables na nube. Poderás ademais participar nos foros de axuda, moi activos na actualidade.
Lembra: Se queres cambiar o idioma diríxete á parte inferior da páxina e selecciónao.
Instalación
Lamentablemente non todas as conexións de internet son rápidas dabondo para poder traballar online. O que podes facer nese caso é descargar o programa para o teu ordenador. Nos equipos Abalar dos centros galegos xa está instalada a versión 1.4. A maioría dos programas creados coa versión superior 2.0 funcionan tamén para esta versión. Pero xa está dispoñible na rede a versión 2.0 (A distribución Minino xa a ofrece no seu paquete e en galego).
Como instalar a versión de Scratch para traballar sen conexión a internet:
1. Instala Adobe Air: É un paquete que se precisa para que funcione o asistente de instalación de Scratch. Para GNU/Linux emprega AIR 2.6.0 para GNU/ Linux (15MB). Para Windows e Mac instala Adobe AIR.
No caso de GNU/Linux debes instalalo do seguinte xeito:
- Abre unha terminal e vai ao directorio onde descargaches o paquete de Adobe Air (AdobeAIRInstaller.bin) e dalle permisos de excución tecleando:
chmod +x AdobeAIRInstaller.bin
- Buscamos onde se atopa a librería libgnome-keyring.so., tecleando:
locate libgnome-keyring.so
- Instalamos o Adobe Air no directorio onde se atopa a librería anterior tecleando na terminal:
LD_LIBRARY_PATH=/usr/lib/i386-linux-gnu ./AdobeAIRInstaller.bin
(modifica o texto /usr/lib/i386-linux-gnu en vermello pola ruta onde se atope a librería libgnome-keyring.so que buscaches anteriormente)
- e xa podemos pechar a terminal e continuar coa instalación.
2. Instala o programa Scratch: Descarga e instala Scratch 2.0 installer, que é un asistente que se executa co Adobe AIR, programa anteriormente instalado.
3. Actualizacións: O editor actualízase a si mesmo (pedindo permiso á administración do equipo). Podes empregar o comando “buscar actualizacións”, do menú ficheiro.