O proceso de avaliación semella moitas veces un monstro de moitas cabezas (ou moitos tentáculos, no noso caso). Cantidade de termos técnicos da literatura psicopedagóxica que terminan mareando ou asustando os navegantes do océano da ensinanza. Aquí só imos tratar con catro, básicos nunha avaliación de procesos e tarefas que deben sesenvolverse individualmente ou en grupo.
Avaliación Inicial
É importante explicitar nas tarefas abertas os requisitos previos no enunciado da tarefa cando fagamos referencia aos coñecementos e habilidades que necesite o alumnado para levala a cabo.
Autoavaliación:
É a que leva a cabo un alumno ou alumna (ou un grupo) do seu traballo e do seu desenvolvemento. Se a tarefa é en grupo, será importante dotalo dunhas ferramentas e métodos de autoavaliación para mellorar o proceso. Non imos debater aquí como traballar en grupo, pero a organización do grupo é un tema fundamental nas tarefas abertas. Dependendo da complexidade, é bo realizar un traballo de subdivisión de tarefas e reparto das mesmas.
Algunha ferramenta para utilizar pode ser:
- Esquema da tarefa: Engadir posibles subdivisións.
- Diario do programa: Anotar o proceso, as fases, o reparto, etc.
- Reunións ao inicio da sesión con tempo limitado pero obrigatorio (5 min?).
Unha ferramenta fundamental (e difícil de poñer en práctica en cursos baixos) será o corrector de erros: cando un alumno, alumna ou grupo non é quen de solucionar unha incógnita debería ter medios para buscar unha solución, deixando como última posibilidade a pregunta ao profesor ou profesora. Unha proposta interesante é deixar a posibilidade de analizar outros programas similares e mesmo incentivar a copia ou reciclado deses programas a cambio de aumentar a autonomía no proceso do individuo ou grupo.
Coavaliación
É a que leva a cabo o grupo clase co traballo dos compañeiros e compañeiras. Tamén é necesario dotar de instrumentos de coavaliación ao alumnado, na medida de que non teña costume de facela.
Rúbricas
Unha proposta para tarefas pechadas é utilizar rúbricas . O profesorado nese caso só recollería a cualificación e/ou comentarios do alumnado. Para tarefas abertas serve como un control de calidade: expor o traballo (ou parte) diante da clase e escoitar as críticas e suxestións. Terá moita importancia recalcar no alumnado a importancia de valorar aspectos concretos dun programa (o deseño, a estética, a claridade da programación, a optimización,…) e non só o criterio de funciona/non funciona.
Coavaliación P2P
No caso do Scratch tamén pode e debe introducirse a coavaliación P2P (peer-to-peer): ao compartir o programa na plataforma, podemos escoitar os comentarios, criticas e suxestións do resto dos usuarios e usuarias, e ao longo do tempo o número de visualizacións, reutilizacións, etc.
Nunha contorna de aprendizaxe conectista, a coavaliación P2P, por ser máis extensa ao longo do tempo e por abarcar moitos máis usuarios, remata por ser máis significativa a medio prazo que as outras modalidades. A propia coavaliación na clase debe valorarse como un proceso de adestramento para futuras e habituais coavaliacións P2P. Por exemplo, xa é unha ferramenta habitual e necesaria nos MOOC – cursos masivos online e abertos-.
Heteroavaliación
É o que entendemos habitualmente por avaliación.
O perigo principal na avaliación de programas é caer no positivismo ou pragmatismo: Xulgar o funcionamento e non a estrutura interna, o deseño e o proceso de formación.
A avaliación deberá ter en conta o proceso de traballo con ferramentas coma o diario do programa ou unha memoria do traballo e o resultado, distinguindo entre o funcionamento do programa e o código.