Portas e funcións lóxicas

Na materia de tecnoloxía de 4º de ESO e en Tecnoloxía Industrial de Bacharelato estúdase electrónica dixital, as portas lóxicas e as súas funcións características. Podemos utilizar Scratch para simular portas e circuítos lóxicos ou para programar xogos nos que participan as funcións lóxicas, resultando unha ferramenta moi interesante para o desenvolvemento de proxectos virtuais.

Simulador lóxico

Facer un simulador de portas lóxicas que indique a saída en función das variables de entrada é relativamente sinxelo, pois só cómpre coñecer as funcións características de cada porta lóxica. Por exemplo, sabemos que a porta AND é o produto lóxico S=A*B, daquela no programa asignamos á variable “saída” o produto dos valores de entrada. Hai que ter en conta que en Scratch as operacións son decimais, e non binarias, polo que 1+1=2, así que habería que indicar no programa que cando se dea ese caso a saída se cambie por 1. Aquí podes ver un exemplo de simulador:

[Scratch: Logic Beach]
O polbo está na area da praia de Rodas e vai quedar seco. Axúdao a meterse na auga premendo na combinación de pulsadores que dea 1 na saída. Podes cambiar de porta lóxica premendo nos símbolos que se atopan na parte inferior.

Código da saída:

portasloxicas1-saidaVariableX

Podes ver outras partes do código na propia aplicación

Xogo de portas lóxicas:

Agora que coñecemos as funcións que nos indican a saída das portas lóxicas podemos deseñar xogos.

  • Podemos transformar este simulador nun xogo con algo máis de emoción. Por exemplo, introducindo un marcador que indique os acertos. Cada vez que aparece unha nova porta, debemos indicar cal é a saída correcta. Se o polbo queda na area perdes a partida. Se se introduce na auga gañas un punto, aparece unha porta nova e repetimos ata completar todas as portas lóxicas.
  • Un xogo máis sinxelo sería un no que fosen aparecendo portas lóxicas ao chou e a persoa que xoga teña que acertar co seu nome.

Un exemplo de xogo: [Scratch: Logic Beach – xogo]
O polbo está na area da praia de Rodas e vai quedar seco. Axúdao a meterse na auga acertando todos os valores das saídas. Tes un límite de tempo de 30 segundos.

Estas só son ideas que che poden servir, pero podes deseñar un xogo ao teu xeito. Anímaste a facer un xogo de portas lóxicas?

Simulador dun sistema

Podemos utilizar Scratch para simular un sistema dos practicados na aula. Por exemplo, temos o seguinte problema:

Nun acuario queremos pór un punto de luz que se poida accionar mediante un interruptor. Para aforrar enerxía incorpóranse dous sensores que detectan a intensidade de luz que entra por cada unha das dúas xanelas do local no que está situado, de xeito que se a luz é suficiente (entra polas dúas xanelas) non se acenderá a lámpada.

Para resolvelo temos que construír a táboa de verdade, obter a función lóxica e simplificala. O último paso sería construír un circuíto con portas lóxicas, pero podemos substituílo pola programación dun simulador en Scratch.

Esta é unha posible solución [Scratch: Acuario lóxico: Simulador Luz ]

Anímaste a simular outros dos problemas resoltos en clase?

 


Deixa un comentario