Remexendo na lista de clase

Remexendo na lista de clase

Máis ca unha proposta didáctica para traballar co alumnado o que facemos aquí é unha proposta para o profesorado, aínda que tamén se podería propor como actividade de programación nas materias de informática ou TIC.

Podemos utilizar Scratch para facer aplicacións útiles para as nosas clases. Por exemplo, para evitar conflitos, podemos facer que sexa un polbo quen chame a un alumno ou alumna ao chou entre os incluídos nunha listaxe, ou quen faga parellas e grupos.

A quen lle tocará agora?

Para elixir a quen lle toca facer ou corrixir unha determinada tarefa de clase soemos botar man da listaxe de alumnas e alumnos, pero en que orde?. Ir recollendo os datos dunha lista ao chou e sen repetir ningún pode ser complicado de facer, pois é probable que chamemos a alguén máis veces da conta ou nos esquezamos del, pero se automatizamos a tarefa evitamos que se produzan erros. Iso é o que vai facer o polbo coa lista de nenos e nenas que ten.

[Scratch: O polbo mandaricas]
O polbo vai ir nomeando unha serie de nenos e nenas ao chou, para que logo non se queixen de que sempre lles toca aos mesmos saír primeiro. Preme na barra do espazo para saber de quen é a quenda.

Código do escenario:

listaxe-nenos1

Código do polbo:

listaxe-nenos2

Propostas:

  • Supoñamos que necesitamos a listaxe para outra cousa. Nese caso non poderiamos ir borrando os nomes a medida que van saíndo. Como farías para obter o mesmo resultado mantendo a listaxe intacta?

Emparellando

Utilizando a mesma listaxe, queremos que o polbo elixa parellas para facer un proxecto con Scratch na clase.

[Scratch: O polbo mandaricas facendo parellas]
O polbo vai ir facendo parellas ao chou a partir dunha listaxe de nomes. Preme na barra do espazo para coñecer cada parella.

Propostas:

  • Como farías para que sempre emparelle un rapaz cunha rapaza para que saian grupos mixtos? Se o número de rapaces e rapazas é diferente, debe facer o máximo número de parellas mixtas.

Facendo grupos

Neste caso o polbo encárgase de dividir unha listaxe no número de grupos elixido polo usuario ou usuaria. Se o número de alumnos e alumnas non é divisible polo número de grupos, o que fai é repartir os nomes sobrantes entre os primeiros grupos.

[Scratch: O polbo mandaricas facendo grupos]
O polbo vai ir facendo grupos ao chou a partir dunha listaxe de nomes. Indica cantos grupos queres que faga e preme na barra do espazo para saber como quedan.

Propostas:

  • Para facer esta aplicación máis útil podemos engadir a opción de modificar as listaxes resultantes, por exemplo, cambiando a un alumno o alumna de grupo. Como o farías?

 

Como utilizar estas aplicacións

Podes utilizar as aplicacións anteriores accedendo a elas coa túa conta e premendo en “mesturar” para personalizalas. Logo modifica a listaxe “Nomes” que aparece no código do escenario de cada unha e cambia o título da aplicación polo nome do grupo para poder identificalo. Para facelo máis crible podes cambiar o fondo do escenario por unha foto do teu colexio ou instituto, da aula ou da localidade.

 

Máis ideas para o grupo

Se queres que o polbo mandaricas se encargue de decidir algunha cousa máis en relación cos grupos de clase envíanos a aplicación ou a túa idea para desenvolvela.

 


Deixa un comentario